off
Estado, Opinión, Política — 8 Abril, 2018 at 07:09

Se forte, Cristina

por

A conxuntura quixo que estes días conflúan en conflito dúas esixencias do Estado de Dereito que teñen como protagonista á clase política. Dun lado, a aplicación da presunción de culpabilidade a Carles Puigdemont segundo se deduce do revés dado pola Audiencia de Schleswig-Holstein ao maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena. E desde o outro bando, o notorio abuso de presunción de inocencia no mastergate de Cristina Cifuentes. No primeiro asunto funcionou o código penal do inimigo, termo acuñado por Günther Jacobs en 1985 para os casos en que non se castiga ao autor polo delito cometido senón por consideralo persoalmente perigoso. Con oposto formato de xustiza preventiva temos o segundo exemplo, unha exhibición de ausencia de malicia que inmuniza á dirixente popular mentres non se demostre o contrario.
Certamente calquera cidadán, político ou abstemio, ten dereito á presunción de inocencia. Principio elevado a dereito fundamental no artigo 24, ponto 2, da vixente Constitución. Nese grolo, aínda que desde posicións confrontadas, teñen coincido o goberno de Mariano Rajoy, apoiando á presidenta madrileña, e o Tribunal alemán, amparando a Puigdemont da acusación do delito de rebelión. Mais aquí terminan as coincidencias e comezan as flagrantes discrepancias. Porque aínda que semelle lóxico que na xustiza europea impere unha legalidade democrática que vincule a todos os poderes públicos, non o é tanto constatar como as institucións españolas ignoran que en política hai que predicar e dar trigo.
Como se dicía de Pompeia, a muller do César, non basta con ser honesto senón que ademais hai que parecelo. E a fórmula utilizada por Xénova 13 para refutar evidencias que contradín o afirmado por Cifuentes consistiu nunha especie de stradivarius “in dubio pro reo”. Ou se se quere ver en perspectiva histórica, unha repetición daquel hilariante “Se forte, Luís”, o SMS con que Rajoy animaba a un Luís Bárcenas en precario. A diferenza entre unha escena e outra radica é que daquela o ex tesoureiro do PP estaba detido e que, de momento, Cifuentes aguanta o ballón de testemuños e documentos que desacreditan a súa versión. Proprios e alleos suspeitan da obtención dese título de master na universidade pública de Madrid Rey Juan Carlos, un campus punteiro polo rigor dos seus plaxios.
O caso Cristina Cifuentes só é o derradeiro episodio coñecido dunha longa saga de falcatruadas afectas á clase dirixente. Xentes que se cren as súas propias mentiras por seren  quen son e alen diso contan coa omertá dos seus respectivos grupos políticos, máis inclinados ao feche de filas que a depurar responsabilidades. É un comportamento claro da máfia que envolve o desprezo dos cidadás que eles afirman servir, mas que realmente serven. O manido salvoconducto “un dos nosos”, que na recente convención do Partido Popular celebrada en Sevilla recreou con marcial cinismo a ministra de Defensa, Dores de Cospedal, ao afirmar “o que temos que facer é non permitir que nos asoballen e defender aos nosos”.
Pero chove sobre mollado. Desplantes similares balizan o saber facer dos partidos con capacidade de gobernar a destra e sinistra. Sen importarlles o grao de desvergoña en que incorran cara á opinión pública. Abonda lembrar onte a un Felipe González fundíndose en abrazos co ministro de Interior José Barrionuevo e o secretario de Estado para a Seguridade Rafael Vera, momentos antes de ingresaren no cárcere para cumprir condena por delitos relacionados co terrorismo de Estado. E non parece que no campo socialista houbese rectificación respecto diso. Hai só uns meses puidemos ver á presidenta andaluza, Susana Díaz, declarar impávida a súa confianza “na honradez e a honestidade de Manolo e Pepe”, previo a que os dous expresidente do PSOE e da Junta, Manuel Chaves e José Antonio Griñán sentasen no banco dos acusados para responder sobre o presunto maior fraude con diñeiro público habido en España desde a transición.

Se forte, Luís. Se forte, Cristina. Se forte, Manolo. Se forte, Pepe.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: