off
Arquitectura, Cedeira, Galiza, Historia — 2 Abril, 2018 at 07:34

A “pedra formosa” do Campo do Castro tivo unha estancia parcialmente cuberta

por
 A segunda fase da escavación arqueolóxica que o equipo de Emilio Ramil está a levar a cabo no Campo do Castro de Cedeira está a deitar novas surpresas.


A presenza dun pé de columna no monumento con forno fai pensar aos arqueólogos que a estrutura tivo unha estancia parcialmente cuberta a modo de soportal. De se confirmar esta posibilidade sería unha singularidade máis dun lugar xa relevante por acoller a quinta pedra formosa de Galiza localizada durante os primeiros traballos realizados na zona no mes de decembro. Un forno perfectamente conservado e o acceso a un monumento enlousado son outras das riquezas descubertas nesta nova intervención arqueolóxica financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Os traballos, se o tempo o permite, terán finalizado nos primeiros días do próximo mes de abril. O investimento supera os 18.000 euros.

O Campo do Castro, situado na zona costeira do Sarridal, constitúe unha evidencia máis da presenza de civilizacións anteriores á romana no Ortegal. As iniciais sondaxes deran a pista da posibel existencia dun asentamento galaico-romano, indicios que meses despois serían confirmados coa realización da primeira intervención na zona. Nesa actuación, ademais de moitos restos de cerámica, saíron á luz as estruturas dun complexo arquitectónico vencellado ao mundo castrexo e funcionalmente pensado para tomar baños de vapor do que forma parte a”pedra formosa”. Un adro, unha antecámara -na que tamén existe un tallo-, unha cámara e a entrada ao forno son outros espazos tamén recuperados e nos que aínda se está a traballar para tratar de extraer toda a información posibel. Cunha terceira escavación, financiada polo goberno cedeirense, prevese a valorización definitiva do monumento para que pase a facer parte do catálogo patrimonial de Cedeira e Galiza.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: