off

A invención da violencia na Cataluña

by

Comentándolle a uns coñecidos ferrolás, dous amigos  e algún máis próximo que ainda me fala,  que o da coartada da violencia imaxinaria do Procés foise argallando paseniño, antes e despois do 1-O,  puiden comprobar de primeira mao -para alén das pequenas inquietudes persoais sen importancia- a rutura do vincallo emocional e espiritual -se antes o houber algures- entre o proxecto de Cataluña e o de España, mesmo na súa version podemita debole, desde o momento en que para eles a afouta defensa da legalidade española acababa interpretando a resistencia non-violenta como violencia e percibindo na TV3 un nesgo ideolóxico que seica non perciben na TVG ou nas canles públicas españolas. Ainda que a interlocutoria do xuiz Llarena introduza o conceito de violencia, fundamental para que os xuices alemás determinen a adecuación da acusación de rebelión, non é de agora nen foi só de Cataluña de onde chegaran a España as únicas imaxes de encarrapuchados ou de contenedores atravesados na rúa cando son centos de millares de persoas as que se manifestan e votan pacificamente defendendo a idea de decidir ou calquera outra con pacíficas e alegadas mostras de lexitimidade (a greve xeral de 2012, por referir apenas a máis recente, non xerou tanto escrúpulo). Porque non é nova esa reedición da violencia para espaventar á clientela  e asimilar ao conflito basco calquera proxecto revulsivo  e xustificar así medidas represivas que afectarian a institucións, organizacións civís, medios e persoas. Vella é a fórmula de estigmatizar ao outro, quer como inimigo, quer como violento cando quen o fai se sinte intocabel. Con outras palabras, tornalo  ameaza cando non hai evidencia de que teña exercido violencia. De tal modo que o que hoxe une aos españois é a criazón dun inimigo interior. Porén, atrancar o dereito a decidir de Cataluña alegando un suposto crime que é político, non fai precisamente virtuosa a España. Por iso causa pasmo que, para alén da posibel ilegalidade dalgúns actos – o que non se discute- se teña comparado e equiparado a Puigdemont e o seu goberno con Tejero, que se teñan tratado como sedicentes violentos como se tiveran asaltado con armas  e que unha manipulación groseira dos feitos para criminalizar todo un movimento pacífico non provoque indignación e frontal rexeitamento. Insisto, porque non é fácil de enxergar, co acirramento político crescente, nun clima de intolerancia moi presente que adiciona dificultades para entendermonos: máis aló dos desasosegos e pequenas diverxencias persoais sofro as mesmas consecuencias emocionais do 155 como outros tantos cataláns que non son protagonistas de ren, mas ficaran pasmados e indignados, de xeito cómplice, polo afogamento dun Estado que non se detén. E a tristeza aumenta cando comprobo como a mentira dirixida e fanatizada fixo dente en non poucos galegos cando ollan para Cataluña.

A nova legalidade imposta desde o Estado desde o 1 de outubro de 2017 é dunha excepcionalidade e dunha virulencia que obriga a un posicionamento inequívoco porque a raiva represiva é inédita e coloca a Europa no momento  de defrontar o feito de que hai quen manipula partidaria e políticamente  o seu sistema legal. Porque malia a falta de capacidade coercitiva para aplicar a DUI do 27 de outubro e das retratacións, matices e desdigos da proclamación (ainda que esta foi consecuencia dos lexítimos resultados do 1 de outubro) a incapacidade do Estado para ensaiar un relato político non represivo é proporcional aos recursos fornecidos, dentro e fora de Cataluña, para inventarse acontecimentos violentos e poder inculpar tamén os CDR (Comités de Defensa de la República). Chegados aquí, convido aos paisanos a san práctica do fact-checking, quer dicer a contrastación de fontes para tentar desmontar a suposta manipulación non apenas da  TV3, mas a de todos os medios e empregando os mesmos criterios de análise. Ainda que algunha imprensa se auto-desconstrua sozinha, insisto en lembrarlles aos meus paisanos que algúns estabamos o 20 de setembro cos nosos fillos e pregunto cantos gardas civís e manifestantes ficaran feridos. Porén, a acusación da fiscalía alemana afirma “….era de esperar que se produciría unha escalada de violencia o 1 de outubro. Malia iso o Govern de la Generalitat decidiu permitir o refendo”. Se o que a xente queria era votar en paz ! A miña viciñanza  tremeceu cando viu que toda a violencia foi exercida polas forzas enviadas polo goberno español.

causa pasmo que, alén da posibel ilegalidade dalgúns actos – o que non se discute- se teña comparado e equiparado a Puigdemont e o seu goberno con Tejero, que os teñan tratado como sedicentes violentos como se tiveran asaltado con armas  e que unha manipulación groseira dos feitos para criminalizar todo un movimento pacífico non provoque indignación e frontal rexeitamento.

A creación do relato de violencia  substánciase  na distribución dos atributos da criminalización (mesmo facendo o contrario do que tocaria facer para manter Cataluña dentro de España). As instrucións do xuiz Llarena (cando falaba dun asalto con reféns e tiros ao ar)  apenas difire do desideratum do goberno Rajoy através dunha magnífica coordinación de poderes que irán fornecer argumentos para manteren en prisión a lideres políticos e sociais por teren defendido unha idea de xeito pacífico e que  tamén gañaran as eleicións convocadas polo imaculado presidente do goberno español. O PSC xa fala de “insurreccionais”. E Rivera de “comandos violentos”. Estamos, portanto, perante a determinación absoluta dun Estado por practicar a sabotaxe perante a imposibilidade  de encaixar o acontecido no seu relato. Un Estado que criminaliza determinadas ideas, nomeadamente, o independentismo. Pódese entender que sexa dificil encaixar a idea, mas até o ponto de criminalizala e encarcerar Puigdemont? Xente como Cuixart e Sánchez que evitaran, precisamente, actos violentos de parte do soberanismo mobilizado, levan meses no cárcere sen fianza, en prisión preventiva. Nesta situación, con xente no exilio, no cárcere ou con patrimonios embargados cómpre perspectivar ben o que está a acontecer. Non só que o independentismo teña calculado os efeitos devastadores  da sabotaxe española, mas a sorprendente capacidade dun goberno entremeado de corrupción para manterse no poder sen colapsar. Talvez porque a raiz do Procés, en silandeira complicidade, moitos e moitas aproveitaran para lavar a súa lorda.

Cando a extrema dereita queima o edificio do Ateneu Popular de Sarrià, esa mesma imprensa é cómplice de silencialo. Cando se magnifica que os CDR  cortaran ou levantaran as barreiras dunha autoestrada, dramatízase o que non é un drama e son comparados coa  kale borroka e as súas conotacións para criminalizar a dous millóns de persoas.  Mesmo un medio tan pouco suspeito de radicalismo como La Vanguardia escribía hai unha semana  un editorial no que salientaba que o independentismo catalá era un movimento pacífico. Cando  os responsabeis da violencia real producida en Cataluña foran o grupos de extrema dereita e o Enric Millo, responsabel do dispositivo policial desenvolvido do 1-O e outras intervencións posteriores.

En parte a causa da represión  policial, o 1-O votou o 43% da poboación, cun 90% de voto afirmativo, un ínfimo 8% de “no” e  un 2% de votos en branco, o obxectivo do Procés de obrigar ao Estado a sentar nunha mesa de negociación dun referendo legal non puido ser acadado. Da falta de forza coercitiva e apoios internacionais derívase que forzar un referendo  negociado co Estado acadaríase desde a convicción de que España non podía permitirse a imaxe represiva da policía batendo en persoas pacificas ou retirando urnas. Porén, alén da solidariedade da opinión pública mundial substanciada nunha declaración pública da Comisión Europea afirmando que  “a violencia nunca pode ser un instrumento político”, España encaixou con total naturalidade a súa reputación de Estado bizarro.  Cando o PSOE retira unha moción de recusación de Soraya Sáenz de Santamaría pola represión policial do 1-O, a invención do soberanismo como movimento violento pasou a ser unha razón de Estado. Con Cs-PSOE-PP cerrando filas, mesmo facendo daquel operativo policial unha acción heroica (que vai de brazo dado d total falta de empatía coas vítimas das cargas policiais no resto do Estado), a construción dunha estructura de plausibilidade das fake-new  éralle máis doado presentarse perante un clube estadual con limitada capacidade de intervención nas políticas internas dos estados, mesmo naqueles con síntomas evidentes de devalo autoritario en Polonia -onde hai unha suspensión técnica da independencia xudicial – e Hungria.

A xenreira e resentimento amosado polo Estado  fica en evidencia desde o momento en que o  agonizante e feble Procés non tivo consecuencias legais imediatas, nen sequer foi publicada a DUI no Diari Oficial do Parlament de Catalunya. Eventos que seguiran, evidenciaran, para uns, unha dramática falta de habelencia política e, para outros, a continuidade da idea por outros meios ao constataren que o Procés terminara aquel dia. Neste contexto, as bandeiras a meio mastro en edificios militares durante a Semana Santa e a presenza de catro ministros no desfile da Lexión en Málaga cantando “El novio de la muerte” non son simples  anécdota. Asistimos a  unha reaccionaria poxa do espazo ideolóxico da extrema dereita entre quen se definiran como liberais-centristas, agás cando do que se trata é ir contra os inimigos da pátria, madia-leva!. Amostrando así as fondas raíces da dereita española que, no contexto actual,  non só envelenan a situación de seu complicada, mas crean a coartada dunha violencia imaxinaria do soberanismo para xustificaren  a impostura e o desfalco organizado, a regresión de liberdades civís  e a laminación do autonomismo do 78.

Para o soberanismo, a amargura de que nen o aprisionamento de líderes civis e políticos, nen a suspensión da autonomia terian causado o imediato crescimento do independentismo e,  para o resto, desvelada a ondaxe represiva do Estado – para quen todo vale para defender a unidade da patria- a inconsciencia de que España non é viabel se Cataluña non funciona e a resignación de que vivir nun país no que non se pode votar o que se precisa e non acatar o resultado democráticamente xa lle vale á poboación española, nun intre de devalo social e económico, malia as severas consequencias que para ela se derivan de vivir nun Estado que só sabe vestir camisas de forza. Diante un estado posfascista  todos temos dereito de asilo.

One Comment

  1. Soan ecos do “Viva España!” do 36, coma se España non fose a República Española contra a que se levantaron en armas, asesinando a ducias de miles de persoas indefensas (foron a por alcaldes aos seus despachos, a por mestres ás súas escolas, a por mulleres e homes ás fábricas, a por labregas e labregos aos tarreos, a por mariñeiros desembarcando nos peiraos…). E, a seguir, provocaron unha guerra fraticida que causou centos de miles de mortes.
    A herdanza que iso nos deixou chámanlle unidade?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off