off
Estado, Europa, Globalización, Opinión, Politica internacional — 26 Marzo, 2018 at 13:05

Cando veu a democracia…

por
 "Cando un pobo vota algunha cousa que non recolle a Constitución, 
o que se ten que mudar é a Constitución, non a vontade do pobo"
 Alexis de Tocqueville
"Querer é aceptar ou non aceptar seguir sendo o que somos 
Ser libre é ceder a motivos necesarios inherentes a nós"
D'Holbach

A esquerda alemana reacciona antes ca española perante a detención de Puigdemont Dícia d’Holbach que somos consecuencia do que fomos, do que somos, do que fixemos até o momento da acción. Só existe a necesidade. A esquerda española instalouse no pesimismo, na antipolítica: ten que pedir permiso. O seu silencio ratifica a estatalización do 15M ao non ver nen reaxir perante un Procés  que se tornou un taller global de experimentación no ataque  dos falsários Estados de dereito ás liberdades e dereitos fundamentais nas “democracias emprazadas”, como son a liberdade de expresión, reunión, escolla directa ou indireta,  e os dereitos colectivos como a autodeterminación. Só na España se ignoran, entre os paises que pasaran dunha ditadura a unha democracia, os efectos do estado de excepcionalidade: a denominada Lei de amnistía de 197 (vimos de comprobarmos a recusa a reformala), garantiu até xa que non foran xulgados os responsables da ditatura franquista polos seus abusos e crimes. A blindaxe é atributo  de calquera rexime totalitario mas só en España acadou un alto grau de impunidade até confundirse coa paisaxe, tornándose natural.

O nacionalismo español sempre voi exclusivo e non inclusivo, ao enxergar como anómala e problématica a diversidade cultural. Nesa xeira, a virada conservadora de Aznar tornouno un intento serodio de nacional catolicismo sen Franco que o asulagou todo, o ecosistema do PP e mais alá. Unha actualización do polémico proceso de nacionalización español, tanto na súa fasquía conservadora como na progresista, en Cataluña, Euscadi e Galiza e o choque de identidades que se produciu a partires de 1898. O que veu despois durante o s.XX non foi máis do que a configuración desa convicción supremacista. Non seria raro vermos agora na indefensión política de Cataluña un intento de revisitar o 1939 no que de semellanza ten  a aplicación dunha política de xenreira sistemática co alvo de escabezar o soberanismo catalá.

O xuiz no diván. Pablo Llarena xustifica o crime de revolta, porque considera violencia os danos materiais do coches da Garda Civil. E a mobilización tan grande que podería superar o control da policía pola forza. Dous exemplos de violencia segundo o relato de Llarena:

O primeiro.20 de setembro de 2017. A orde do tribunal sinala que a multitude cercou os vehículos da Garda Civil, que remataron  devastados e destruídos por dentro e por fóra. E engade: “ Las armas que se encontraban en el interior de los coches policiales quedaron al albur del vandalismo desplegado. Sobrevine el lanzamiento de objectos sobre los agentes y no hubo un control policia”.

O segundo. 1 de outubro de 2017. O maxistrado afirma que o 1-O tamén houbo inúmeros actos de violencia, e só repara nas lesións a diferentes axentes da Guardia Civil e a policia española e os danos materiais. Llarena desenvolve na interlocutoria que a ameaza de violencia estaria representada pola mobilización da “masa”e o  control de 17.000 Mosos. Esta é a visión que o miniterio público español tentará que  fiscalía alemá fiscalia alemanya acredite para encaixar a dupla incriminación do delito de revolta e de alta traizón.

Como cando o Prestige Rajoy discuteu que a maré negra fora maré negra designando como “hilillos” de fuel ás toneladas, co do Procés, porque estamos ante unha concepción xurídica, Llarena padece agora unha nefasta transusbstanciación reencarnando ao estadista, polo que a accion democratica pacifica tornase unha “revolta violenta”. Que sentido ten a palabra mentira para un estadista que afirmou que as toneladas de chapapote eran “hilillos de plastilina” e vai camiño de rematar a sua carreira pedindolle a xente que ignore as  cargas da policia nos colexios eleitorais o 1-O  ou a prision preventiva contra xente pacifica e que confie na “veracidade” de que se trataba dunha “revolta violenta”?

Porén, o que é merecente de análise son os riscos poéticos do xuiz do Tribunal Supremo, o vocabulario que utiliza. A sua lectura ten resonancias á “Ley de Responsabilidades Políticas” de 1939  que declaraba punibles de xeito retroactivo as accións republicanas. A interlocutoria afirma que as entidades soberanistas adicáranse á captación de voluntarios. Acredita que os líderes independentistas actuaban de xeito permanente e obsesivo. Desbribe as accións e califica as manifestacións e concentracións de  “jalonadas por cientos de actos de divulgación nacional promovidos en cualquier punto de la Comunidad Autónoma”, “soflama”, “incendiarias”, “fanatismo violento” e “estallido social”. E acrescenta que os encausados menosprezaran claramente a xustiza española e o acatamento das decisións da autoridade xudicial e que Jordi Cuixart apelou á Guerra Civil e o ‘non pasarán’ (un lema que vén da Primeira Guerra Mundial, ainda que a Llarena sírvelle para introducir a Guerra Civil).

O xuiz afirma que malia a aplicación do 155, os independentistas “parecen estar latentes y pendientes de reanudación” unha vez se recupere o control das institucións do país….”puede concluirse que no se aprecia en su esfera psicológica interna un elemento potente que permita apreciar que el respeto a las decisiones de este instructor vaya a ser permanente, ni por su consideración general al papel de la justicia, ni porque acepten la presunta ilegalidad de la conducta que determina la restricción de sus derechos.” E reafirma, convencéndose, máis adiante:”Lamentablemente es de imposible percepción cual pueda ser la voluntad interna de los procesados, por lo que debe recurrirse a una serie de elementos externos que permitan construir un juicio razonable de pronóstico, y no sólo respecto de su voluntad presente, sino de la eventualidad de que esta pueda modificarse con ocasión del propio desarrollo de la causa.”

O feito de que alicerze o hábito de adoitar unha decisión penal en función dunha boa ou má conducta, dí Foucault, supón un alto risco para a xustiza penal. O xuiz Llarena semella querer psicoanalizar os encausados: “non se apreza na súa esfera psicolóxica interna”e ademáis é de “imposibel percepción”. E escribe: “Expresan os procesados presentes que a súa comparecenza diante o tribunal é expresión do posicionamento contrario que trata de conxurarse e non pode adoptar unha resolución en función do comportamento procesal que poideran adoptar outros encausados”. E parécelle que “o alegato é razonabel”. Por que? Por isto: “A consideración do risco de fuga dos encausados ten que se facer analizando as circunstancias persoais que os afetam e estas son presididas por comparecer perante o instrutor en todas as ocasións en que foran convocadas. ” Quer dicer, manter a liberdade provisional baixo fianza e non a prisión incondicional. Porén, aquí é cando o xuiz-psicoanalista substrae o “alegato razonabel” da individuación ( dar conta das circunstancias persoais”) adentrándose nunha enxurrada de xeneralidades que circula entre o rexime carcelario e o hospitalar, localizando doentes potenciais e grupos de risco, que nada ten a ver co “alegato razonabel” prometido (a individuación), mas que substitue o individuo procesado por unha materia “dividual” cifrada – en expresión de Deleuze-  que é preciso controlar. Con outras palabras: os encausados eran xa “doentes” cando cometeran a acción que os levou á prisión preventiva, pola súa constitución (“fanatismo violento”) ou por culpa das circunstancias (soberanismo, Llibre Blanc). Porque o que importa non son as circunstancias persoais, nen os feitos, mas as ideas e a intencionalidade o que o xuiz Llarena atribue aos encausados.Con outras palabras, ir confirmando a tese de culpabilidade preconcebida.

“Cando veu a democracia”, dicíase na rúa. O que nunca ouvin dicir foi – talvez porque non se dicía- “cando  gañamos a democracia”…. Este é o realista marco mental que moitos galegos aducen resignados perante a evidencia de que onde manda patrón non manda mariñeiro. Afirmar que a historia nos deu moitas hostias ou que o desencanto de Europa nos abala desde que quedamos sen pesca e sen leite, é dicir moi pouco. Hai ben tempo que nos laiamos, indignamos e mesmo hai quen protesta e resiste. Todo moi vello. Ao cabo, ser gobernado é a habelencia de aprendermos a submisión. Un acatamento que vai da obediencia forzada ao fascinio da servidume voluntaria. Todo iso xa o sabíamos. Porén,  non deixan de existir, son reais, aquí e agora.  A situación de Cataluña interroga hoxe  a consciencia de todos, mesmo a quen na distancia lle pareza que esta historia non ten a ver con quen non é catalá. Mais ten, e moito. Ten a ver coa democracia a aplicación do  155, as porras, o odio do ” a por ellos” e o cárcere que lamina de vez aquel argumento de que democráticamente se pode conseguir todo sen necesidade de pór bombas?. Votar hoxe ao PSOE é como votar ao PP e C’s? Témome que hai moita xente ilusa que non é conscente ainda da gravidade do que está a acontecer.

O retorno ao nacionalcatolicismo español e o trato minimizador dos “outros”, o que con teimosía se nos amostra como “imperio da lei” é  a negación brutal de toda reinterpretación da Constitución, e específicamente a petición federalista que subxace nomeadamente nas reivindicacións da esquerda periférica. Porén, ese retorno ou deriva autoritaria do estado español virado en principio de actuación sob o brazo tonto da lei, foi lanzado por Aznar após a maioría absoluta do ano 2000. En conferencia barcelonesa  Aznar advertíalle ás forzas económicas catalás que o federalismo podíalles custar caro. Con esa advertencia que soa a ameaza Manuel Vázquez Montalbán interpretaba que a aznaridade quería facerlles un favor, un aviso a navegantes, co alvo de que así “conseguiría a súa despujolización e desmaragallización” e para vertebrar “el alma española superviviente en Euzkadi y Cataluña”. Para os valedores do rexime do 78 o democrático tornabase como nacional, como algo dado para a orde oligárquica española e non algo que debia crearse abaixo-acima. Todo o que foi etiquetado como democrático, reetiquetouse como nacional español. Todo iso é fulcral no debate verbo do que acontece na Catalunya. Establecer co artigo 23.1 da Constitución Española que “os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente escolleitos en eleccións periódicas por sufraxio universal” non conduce necesariamente á participación efectiva, do mesmo xeito que a formulación dos “dereitos do home” non levou necesariamente aos “dereitos das mulleres”. A detención e posibel extradición de  Puigdemont a España pode ser legal mas non soluciona a cuestión catalá. A crise do rexime do 78 e das súas institucións  é a súa inadaptación. A  distancia racional e emocional dos seus inquisidores.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: