off
Imprensa, Opinião, Política, Politica espanhola — 18 Marzo, 2018 at 8:12 a.m.

Políticas do medo

by

A realidade non existe, só o que aparece pola tele. Institucionalizouse o que afirmou nosa máis famosa presentadora das mañás. Aquel obsceno “o importante non é a verdade, senón o que se conta como verdade, que por regra xeral é mentira”, que glosou Ana Rosa Quintana nun Curso de Verán anos atrás. Somos gobernados polos medios. O que sae no plasma, gravado, relatado, enlatado e editado para impactar na audiencia, é o que existe. E todos aqueles que queren vender algo á masa cativa fronte á caixa parva acoden solícitos á cita para gañar cota de mercado. Dá igual que se trate de celebritys en horas de saldo ou políticos procurando o seu minuto de gloria.
A democracia, concibida como un réxime transparente de participación e deliberación das demos, está secuestrada pola “experiencia orweliana”. E o máis grave é que, mentres en política diaria actúase cada vez máis sen o consentimento dos gobernados, o que gomitan as cadeas audiovisuais goza do aplauso desas multitudes secretas. O 8 de marzo, día da histórica manifestación feminista en 120 cidades españolas, o programa máis visto foi El Hormiguero, con 3.085.000 persoas atentas ás súas parvadas, moitos máis espectadores dos que seguiran as noticias sobre as protestas.
Aínda que o pior non está neses paifocos espazos de entretemento ( literalmente “perder o tempo”) que reproducen en humanos o reflexo condicionado que Paulov verificou sobre o seu can a pancada de badalo. O que realmente provoca unha patente atrofia do aparello racional e sensitivo da xente que se dopa ante as teles, son os eventos e emisións de raibosa actualidade. Aquí é onde o monstro da mutación das conciencias vén vernos e fai estragos. Esta última semana tivemos tres exemplos desa manipulación que converte a mediocracia en “extensións do home”, segundo a expresión de Marshall McLuhan. Falamos da comparecencia pública do equipo da Garda Civil que rastrexou o crime do neno Gabriel; da morte dun manteiro no barrio madrileño de Lavapiés; e do pleno do Congreso sobre a derrogación da prisión permanente *revisable (outro *oxímoron da linguaxe xurídica). Todos eles de enorme eco gobeliano.
Empecemos polo máis sentido. Os xefes da Benemérita (sic) explicando a súa actuación no suceso que conmoveu a España. Mostraron empatía cos pais do pequeno. Brindaron louvanzas lembrando ao neno. Emocionáronse até chorar báguas azedas. E debuxaron ante a multimillonaria audiencia un macabro retrato psicopatolóxico da presunta asasina Ana Julia Quezada. Todo normal e mesmo de agradecer se non fóra por un pequeno detalle. Porque segundo o código penal vixente ninguén é culpabel até que non se demostre o contrario, e aínda esa fase non chegou. Porque eles, os meritorios investigadores, estaban a ser en certa medida “xuíz e parte”, e coas súas emotivas opinións poden condicionar o ateigado xudicial en curso, até o punto mesmo de “contaminalo”. Para completar o “xuízo paralelo” de gardas civís e medios en comandita, só faltaba contar coa autocrítica do reo en directo, como ocorría nos Procesos de Moscova. Agás que consideremos que o importante é o show duns servidores da lei murmurando o contido do auto ao instrutor xudicial. É a segunda vez en poucos meses, despois do asunto Diana Quer, en que Interior festexa estas performances menosprezando o Estado de Dereito en favor do Estado Policial. O paseiño do ministro Zoido (maxistrado en excedencia, aínda por riba) coa bufanda azul de Gabriel como trofeo foi o colofón kitsch que faltaba.
O segundo na ristra, por orde de aparición, ten a ver co debate parlamentario ao redor da prisión permanente revisabel aprobada polo PP en 2015. Un tema de tan letal transcendencia foi trasteado polo Goberno utilizando como reclamo a pais e nais dalgunhas vítimas de crimes terribles alí presentes. Máis que unha cámara democrática, onde debe imperar a prudencia e a equidade, o Congreso parecía un circo romano sedento de vinganza por iniciativa dun partido en queda libre segundo todas as enquisas. Ao máis puro estilo da ditadura, exacerbando sen consideración aos baixos instintos dos cidadás para agochar a súa flagrante incompetencia e corrupción. E aquí mais unha vez a televisión tivo a súa oportunidade para desencadear a bulimia sensacionalista durante a rolda de prensa oferecida polas familias das vítimas ao final da sesión. Confiemos en que malia a súa fedorenta onda expansiva, a chantaxe argallada por Xénova 13 e Cidadáns non desarme a valente proposta do PNB, PSOE e Unidos Podemos para derrogar tan infame norma, impropia dunha sociedade que se pretende democrática e madura.
O terceiro capítulo desta crónica de sucesos teledirixida fixo diana en Mame Mbaye, un manteiro de orixe senegalesa fulminado por un infarto no centro da capital cando fuxía dun control dos municipais. O tráxico accidente provocou fortes contedas cos antidisturbios ao longo daquela noite. Durante a altercación esnaquizáronse caixeiros automáticos, incendiáronse colectores e lanzaron pedras aos escaparates de varias oficinas bancarias, no que era unha expresión de rabia polo que se presumía unha morte debida ao acoso policial. Todos os ingredientes morbosos para que as canles de televisión ofrecesen unha cobertura de “batalla campal” nas súas grellas entraron en escena. Houbo informadores que en rigorosa primicia falaron do saqueo das entidades bancarias, incendios en edificios e vandalismo, cando a única vítima certa era o vendedor rueiro. Idéntico relato produciuse ao día seguinte a raíz do intento de agresión ao cónsul de Senegal por un grupo de paisanos indignados. Cónstame que a rifa non durou máis de cinco minutos, e con todo esa metraxe daría para ocupar horas nos telexornais da tarde e ser repetido e apalpado en todos os informativos, vir ou non ao caso. Caldo de xenofobia químicamente puro. E non só por ter magnificado e sobredimensionado os incidentes, mas tamén e sobre todo pola compulsión con que foran narrados. Este aspecto é especialmente visiblel nas coberturas que realiza habitualmente La Sexta. Televermella tornouse, tanto no referido a  expresión corporal como na mímica verbal, nunha auténtica escola de dramatización da noticia. Desde o máis banal até o máis tráxico, apaña unha dimensión excepcional nas televisións, non existe case diferencia entre a noticia e a propaganda, todo é publicitado. Lembrando a Campoamor, aquí nada é verdade nen mentira, todo é segundo a cor con que se mira. O caricaturiza coa súa firma unha coñecida presentadora de Antena 3 nun anuncio ao que presta a súa imaxe: “Como xornalista sempre procuro a verdade: é caseiro o caldo Gallina Blanca?”
Hai anos a explotación política do terrorismo de ETA permitiu aplicar de xeito paternalista estratexias de medo que conduciron a importantes diminucións de dereitos e liberdades. Desaparecida a organización armada basca, a tentación partidaria de rendibilizar  a dor das vítimas reproduce unha especie de terrorismo de baixa intensidade, de guerra imunda do Estado contra a sociedade civil, para manterse ilexítimamente no poder. Novamente, “polo noso propio ben”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off