off
Estado, Movementos sociais, Política — 16 Marzo, 2018 at 07:37

A esquerda do porvir

por

"En cada berro de home, no salouco de medo dun meniño, en cada voz,
en cada proibición, sinto as alxemas do espirito"
(William Blake)

O anxo Damiel (Bruno Ganz) nun fotograma de  “Der Himmel über Berlin” de Wim Wenders

Sábese que a democracia española nasceu coa eiva dunha orixe protexida da caverna tardofranquista. Ese continuísmo no poder encarnado no repudio da república e o nomeamento dun xefe de Estado a título de Rei por desexo do ditador, alén de supor unha desvantaxe incontestábel, con tempo e vontade política, poderia ser corrixida através da promoción dunha cultura de valores democráticos. Mas logo veriase que, afastando da retificación nesa dirección, primaba o modelo oligárquico de partidos. Tanto a Lei Eleitoral como a Constitución do 78 confeccionáronse á marxe do pobo soberano e co propósito de favorecer a dominación institucional e elitista. A ausencia de referendo vinculante, os atrancos levantados para o exercicio da iniciativa lexislativa e a acción popular, entre outras fórmulas de participación da cidadanía, mostraran claramente o papel meramente decorativo, de comparsa, que en realidade se asignaba á xente na estrutura do sistema. O artigo 67 da vixente C.E. é inequívoco niso: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”.
Con ese sinal, que cifraba a política como un couto fechado para profesionais facendo carreira nos seus respeitivos partidos e sindicatos, liberados de todo compromiso cos seus eleitores e subvencionados polo Estado, non resultou estraño que durante anos amplos sectores da poboación concibisen a democracia como un fenómeno intermitente reducido á rutina de nomear dirixentes cada catro anos. Xibarizada a representación coa lambetada dunhas urnas endóxenas, o demais viño rodado. Todo o sistema pechouse sobre si mesmo como unha ostra. Institucións, medios de comunicación, universidades e ata entidades deportivas levitaron no mellor dos mundos posibles que dicían abanderar, a salvo de intrusos e desventurados que ousasen ameazar o seu statu quo. Cunha velocidade abraiante, a democracia nominal deviñera en caricatura sen que ninguén, máis que as súas vítimas e os voluntariamente autoexcluidos, soubesen como sucedera.
Dicía Aristóteles na súa Ética a Nicómaco que as virtudes morais adquírense pola fala, o exemplo, o costume ou o ensino, actitudes que non son innatas, e esa aprendizaxe é o que forma a disposición do carácter (ethos) dun individuo ou un pobo, “como o carpinteiro aprende o oficio practicándoo”. Xusto o contrario do que significou a Transición, aquela presunta “concorrencia de debilidades”, engrazada fórmula que en si mesma indica a substancia utilitarista que signou ese oxímoro que foi o traspaso da ditadura á  democracia falsaria. Xa que, como tamén afirmou  o estaxirita, a esencia da conduta moral reside en que as accións da virtude cívica sexan realizadas por si mesmas e non pensando nas súas rendibilidades potenciais. Por iso, engade o autor da Política, as virtudes dos polis (o locus da democracia) adquírense coa experiencia de gobernar e ser gobernados. Todo o contrario do que achega o trapiche político falsamente representativa con que se adubou aquel gandir fundacional.
Lóxicamente, a recepción polo corpo social de tanta desvergoña, paternalismo e parasitación instituida trouxo consecuencias adversas na primeira ocasión que se puxo a proba o sostemento e defensa dese statu quo  construído con habelencia sen o consentimento directo e consciente dos gobernados. Así, cando o tenente coronel Antonio Tejero Molina e a súa manda de tricornios con metralladoras ruxiran A por eles! asaltando o Congreso dos Deputados (a garda civil de Tráfico dando un golpe de estado!, un auténtico incunabel), o pobo soberano seguiu imperturbabel tirando unha soneca. O día de autos do 23-F de 1981 ninguén saíu á rúa en apoio da celebrada Constitución, nen a finxida sociedade civil nin as militancias dos partidos e os sindicatos, por máis que algúns directores de xornais queiran facernos crer que eles foron a criptovanguardia dunha resistencia de papel. Cóntame como pasou! Tan abafador foi o silencio da cidadanía (a esquerda de amiguiños literalmente deuse á fuga) que o estrondoso derrape serviu para que o xefe das Forzas Armadas, Xan Carlos I, en cuxo nome  o golpe foi executado, reaxira ordenando parar. Trinta e sete anos despois deses feitos aínda permanece secreta a documentación que permitiría saber de certo cal foi o verdadeiro papel desempeñado polo abalante Borbón naquelas patéticas xornadas e quen foron os que as financiaran. Desa indixencia derivou outro dano colateral que aínda escoucea: o culto á personalidade infame. Ao ponto que  hoxe o monarca cesante e xubilado computa para todos os efeitos, no ouropel e no capítulo de gastos dos orzamentos do Estado, como “Rei emérito”.
Con semellantes credenciais non resulta estraño que a envernizada esquerda do Réxime, que por certo ostentou o poder case o dobre número de anos que a dereita, fose decisiva á hora de boicotear a cultura democrática, necesaria para inducir unha transformación social entre libres e iguais alén do simples productivismo desenvolvimentista e o  consumismo selvaxe. A función crea o órgano. Unha sociedade modelada na obediencia debida a xerarquías sen autoridade, a dominación institucional e a imitación das súas corruptas cúpulas (diso deu boa conta o sen igual Karl Kraus nas súas obras), terminaría tirando a foto fiel dun ermo ético onde a política ficaba reducida ao sufraxio teledirixido das urnas. Negocio este en o que as persoas desempeñan un papel de escudos humanos na guerra de clans desatada para alzarse co botín que procura o aparello estatal. Só nos escasos momentos en que esa lóxica de arela apaña-todo cambaleo, dando pasos a anhelos verdadeiramente humanistas, como ocorreu co 15-M, albiscouse a posibilidade dunha ruptura capaz de solapar a descarnada materialidade do “e do meu que”. O suicidio da esquerda, que os seus dirixentes viven como reformulación, foi responsabilidade da mesma esquerda. Non podía ser doutra maneira. No canto de aproveitar o seu ascendente social para fomentar unha transgresión democrática, disciplinouse para captar o voto dun electorado cada vez máis dopado de conservadorismo (un falso instinto de conservación) pola poalla do efeito claudicación emanando das súas pròprias prácticas. A maldición da esquerda, cal barbantesa relixiosa, radica en que a súa atropelada procura de plusvalías electorais faise á conta da degradación ideolóxica e da canibalización das súas bases. Non é esquerda, é unha dereita zurda.
O problema foi visto con clareza por Adam Smith cando na súa teoría dos sentimentos morais preguntábase que é a virtude e que a fai desexabel, concluíndo que era o mesmo que interrogarse por que merece aprobación. “Na natureza benéfica ou prexudicial dos efeitos que procura a acción ou que tende a producir ” afirma- , reside o mérito ou demérito da acción, as cualidades mediante as cales se fai merecente á recompensa ou ao castigo”. Esas foron precisamente as facultades ignoradas pola esquerda na súa viaxe a ningures desde o cerne do Estado.

Unha comunidade que recompensa e aplaude o vicio como espello de prosperidade e persegue a virtude como unha ameaza para os seus intereses remata outorgando o pódio de honra a aqueles que demostran nos actos ser os promotores de semellante subversión de valores.

Somos animais de costumes en briga coas nosas constantes racionais. Por iso é polo que o trunfo repetido da dereita, e a consecuente imposibilidade da esquerda, veña referendado tanto cando vence eleitoralmente a dereita como cando, complementariamente, o fai a esquerda. Todos os esforzos da esquerda para a conquista do poder converxen en executar a política da dereita con menor resistencia dos gobernados que se gobernase a dereita.
E esa dobre moral aflora en todos o ámbito da representación por delegación sen que apenas cause incomodo entre unha cidadanía que  metabolizou a pósverdade reinante como estado de natureza. Temos exemplos diso todos os días, mesmo no ámbito sindical, a outra esfera onde se xoga a aposta da servidume voluntaria. Así vimos a CCOO e UXT cualificar de histórico o leonino convenio coa multinacional OPEL ou a eses mesmos axentes de destrución masiva de emprego vangloriarse dos ERE asinados coa banca, causante da crise económico-social que nos embarga, á vez que mobilizan aos seus liberados e compañeiros de viaxe baixa o discurso dun emprego digno, estable e de calidade. Aínda que, preciso é apuntalo, non se trata dun mal xeneral,e máis ben da  derivada dunha mentalidade política pervertida. Outro país de parecida traxectoria histórica, o Portugal actual, mesmo coa secuela de ser sometido ao feroz rescate da Troika, goza de maior marxe de manobra. Unha das claves diferenciais está en que, mentres alí derrotouse á ditadura de Salazar para camiñar en democracia, aquí a esquerda do momento optou por transar cos herdeiros do franquismo, asumindo o caruncho moral e social que ese seguidismo levaba. O xa citado e mal coñecido autor da riqueza das nacións, explícito adversario do lucro capitalista e recoñecedor de que a división do traballo abrutece inevitabelmente á clase obreira, denunciouno sen andrómenas e a súa mensaxe aínda pervive: “Esta tendencia a admirar e case adorar aos ricos e poderosos, e a desprezar, ou polo menos desdeñar a persoas humildes (?) é a causa máis grande e universal da corrupción dos nosos sentimentos morais?. Aínda que o difícil é darse por aludido. Quizais por iso Felipe González, o decano dos presidentes españois da democracia, acaba de relatar que en España non hai corrupción política senón “un descoido xeneralizado”.

(Nota. Este artigo publicouse no número de marzo de Rojo y Negro)

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: