off
Opinión, Política — 14 Marzo, 2018 at 17:13

Criminalizar a intención: a xudicialización conservadora da política española

por

Os últimos meses temos fitado como a falta de cultura xurídica que permitiria  reaxir críticamente contra as medidas lexislativas que violan os elementares principios de dereito, deitan un horizonte de aceptación da deriva cara un autoritarismo pósdemocrático cada vez máis óbvio. Sen por iso dramatizarmos, mas tomando a serio e sen saudades o aparente devalo, talvez pola arela de debullar aquilo que nos negamos aceitar para o futuro, agrade ou non aos devotos da relixión legalista ou do catecismo constitucionalista español que, lonxe de ser un estado epistemolóxico, que se pregunta de onde cara onde, porén vese incapaz  de preencher esa insuficiencia cun tacto poético que o afaste da súa natural propensión á brutalidade a miúdo encoberta pola hipocrisía, o díxome-díxome e o dispendio. Acima de todo, porque percibindo a alianza orgánica do ministerio público, o poder xudiciario e os medios oligopolizados, o inaturabel de aprisionar persoas por teren exercido opinión ou defendido o dereito a decidir, abrirmos e re-apropriarmos os xogos da política en cada eido das nosas vidas é apanaxio de liberdade. 

É importante destacarmos unha consideración de raiz. O Procés activou unha descarada mobilización de ferramentas xurídicas para incidir sobre a dinámica político-institucional aquén e alén Catalunya, e, de maneira directa, unha instrumentación do dereito para fins político-partidarios, con uso alargado de medidas de excepción. Unha modalidade hispana da asimétrica guerra xudicial ( lawfare) conceitualizada polo militar Charles Dunlap nos Estados Unidos para instrumentalizar o sistema xurídico visando a estratexia de amedoñar, desmoralizar, proscribir persoas, políticos e políticas non desexadas, estabelecendose a “presunción de culpa”. A fasquía  maiormente conservadora da Xustiza respeito á cuestión territorial , sendo  un vello fenómeno o dunha xustiza da que non gostamos, obsoleta, ineficiente afastada do cidadá, está a levar certos feitos e concorrencias  a un paroxismo. A diversidade territorial e nacional do estado español, que tería servido para excluir o”autoritarismo” que pensamos  limado volveu aflorar. A crise actual do Estado non é  máis do que unha serie de fenómenos suplementares exacerbados que   modifican o trazado mas non o crearon. A “xustiza de estado”, a falta de fasquía modernizadora, entrefebrada de longos períodos de estancamento social, económico e autoritario, foi procurando para maior proveito dos soberanos un corpo de funcionarios dispoñibeis para a maquinaria estatal dunhas castes aferradas ás vellas estructuras. Así como doutros saberes estatalizados temos a percepcion de teren dado o salto á modernidade, sobre a formación dos xuristas paira a dúbida de obsolescencia, especialmente se temos presente o pano de fondo da globalización, que glosou moi ben Mariano Rajoy cando espetou aquel obsceno “o que non é legal non é democrático”. Portanto, non debería sorprendernos descobrir agora a  moi conservadora cúpula estatal da xudicatura e os seus tiques autoritarios.  O sorprendente é que esa diversidade nacional do Estado – cun balanzo de forzas sempre desequilibradas- non teña servido nos últimos anos para imitar métodos, ponderarse e tratar de substituir a forza por outras relacións, unha maior conciencia discursiva do funcionamento estatal da sociedade. Con certeza, nada axuda a situación política o errado vieiro de xudicializar  a vida até o espectáculo da explotación e manipulación da vítimas.

Se non había de abondo coa criminalización de cargos eleitos e de líderes da sociedade civil catalá, os casos dos rapeiros Valtonyc, La Insurgencia e Hásel, a tuiteira feminista Cassandra Vera, o secuestro xudicial do libro “Fariña” de Nacho Carretero, a instalación de Santiago Sierra en ARCO e a sentenza do  Tribunal Europeu dos Dereitos Humanos contradicindo a decisión da xustiza española de punir dos mozos Stern e Roura por teren queimado fotos do rei Xoán Carlos en Girona en setembro de 2007, deitan entre os moitos exemplos posibles (entre a máis recente represión do activista galego Emilio Cao e a condena a Francisco Rodriguez pola queima dunha bandeira en 1989) unha visión de España que dende a perspectiva xurídica é a cópia en negativo do momento político. Esa cópia en negativo – quer dicer, por contacto- non é mais do que a difuminación de política, economía e dereito en management. Reducidas a xestión, só resta dar conta da eficacia da gobernanza, esa miraxe onde a esquerda reducente se recoñece. Manter en prisión a J. Sánchez e J.Cuixart por seren suspeitos de reincidir sobre un suposto delito sobre o que non foran xulgados- sancionando un crime ainda non cometido- configura un falso teito do que estando “aletargado” álzase agora como presente inelutabel, a dereita e a esquerda, creando un estado de ánimo que o asulaga todo nun só plano, nun só dereito: o paradoxo dunha suspensión da democracia para mellor defendela en nome da eficacia normalizadora.

Que é o que impide de envolver os Estados nos tribunais nacionais e internacionais ? Os estados febles e as nacións sen estado sistematicamente subestiman o valor instrumental do dereito internacional. De feito, os estados coloniais e as superpotencias moldaran os discurso legal para os seus intereses co obxectivo de dominar os estados febles. A dominación foi xustificada co pretexto de que eses estados non eran de abondo “civilizados” para obter  lexitimidade para exerceren a soberania e a autodeterminación. A aplicación do 155 debruza nesa retórica neocolonial direccionada segundo Rajoy “a voltar á legalidade, recuperar a normalidade e a convivencia, continuar coa recuperación económica e celebrar eleccións”. Cando o que conta é a eficacia da gobernanza, só iso, ao cabo, é doado en previsión desa lóxica instrumental,  voltar a facer da “lei”  unha ferramenta infrautilizada por uns e sobreutilizada por outros.

Velaí a Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de protección da seguranza cidadá, a tamén denominada “lei mordaza” que tipifica alomenos 15 accións penalizadas ( manifestarse en frente à sede do Congreso, o Senado ou aos parlamentos autónomos se “a seguranza for perturbada”, impedir un despexo, recusar a disolución dunha concentración ou manifestación…) ainda que direccionadas a debullar o que Giorgio Agamben chama “a criminalización da intención”. O cidadá como culpado en potencia ou presunto culpabel. Se “intención” fose de seu un crime e non apenas un factor agravante, deslizaríamos cara un rexime autoritario manifesto  onde todos nos tornamos suspeitos. A roupaxe é outra, mas o recurso a expedientes de rebelión e sedición, refrenda encamiñamentos autoritários.  Se o lawfare visa a tentativa de deslexitimar os chamados estados mal-intencionados nun dereito internacional que está a ser implantado para xustificar intervencións en estados febles, suspeitos , non dispostos ou “incapaces” de sucumbir ás ameazas dos fortes, a xudicialización conservadora da política vixente no estado español  a raíz do Procés visa des-democratizar a sociedade a partires de extrapolar, como fai o utilitarismo, do individuo ao todo social. O que equivale a lexitimar a estratexia do chivo expiatorio do sistema. Mais non só por iso, colidindo con significativos intereses económicos, empresariais e xeopolíticos españois e duas formación políticas manchadas pola corrupción sistémica, non podemos ser conniventes co asoballamento de garantias e dereitos fundamentais, como o princípio contradictorio, de ampla defensa en dereito procesal, de reserva de lei e de presunción de inocencia,  de xuiz imparcial e de proximidade, etc. 

Populismo punitivo

Somos como nos tratamos.Todas as reformas que foran feitas no Código Penal de 1995, o chamado Código Penal da Democracia, foran para endurecer as penas, nunca para reducilas. España é un estado que ostenta, segundo o World Prision Brief, o 4 lugar do ranking europeo de encarceramento (61.526 presos, incluindo, aí, presos provisórios) e cuxa media de prisión é 2,5 veces maior do que a europea. Porén, eis un paradoxo ainda carente de descrifrado, sendo  un dos estados europeos cunha taxa de homicidio máis baixa tén a maior duración das penas. A este respeito non hai que precipitar causalidades enganosas: facermos da prisión un “mortuorio” non reduce directamente as taxas de homicidio nen nos fai máis seguros. De feito, até a entrada en vigor da prisión permanente revisabel, o máximo de pena no estado español son de longa duración, de 25, 30 ou 40 anos.  Por iso sorprende -talvez non tanto- que non se perciba como grande escándalo que  teña que ser  o  Tribunal Europeu dos Dereitos Humanos quen lle lembre á sociedade española- e de paso tamén á europea- que o dereito de opinión, expresión e manifestación alicerzan a súa liberdade ou que sendo España un dos paises cun cumpriemento de penas mais severo haxa quen obvie que unha condea de 40 anos xa é o dobre que o conceito dalgunhas cadeas perpétuas na Europa ( a primeira revisión adoita ser a partir dos 15 anos de encarceramento, no  Código Penal español a partires dos 25 anos).

A promulgación da “lei de seguranza” é correlativa á desfragmentación do Estatut e ao oportunismo de utilizar as notícias tráxicas de asasinados como elemento de presión  mediàtico-demoscópica para manter no cárcere permanente revisabel como quere o PP e Cs ( a lei non especifica claramente como unha persoa pode probar que fora rehabilitado despois de 25 – 35 anos, o que significa  poderia permanecer na prisión até morrer).

Ambos e dous son fenómenos sintomáticos que nos informan que temos errado, ainda que fose de boa fe, ao pensarmos que a xustiza non era un problema entanto todos acreditaran na igualdade de todos ante a lei, en canto todos accederan ao que lles tocaba por dereito ou non chamaran unha atención excesiva. Coa fraude fiscal, a economía sumerxida e a corrupción acontece o mesmo. Con outras palabras: non ofendía a desigualde perante a lei ou que algúns meteran a mao na caixa ou tiveran máis que a súa cota xusta entanto unha determinada porcentaxe de dominados ocuparan o seu lugar. O increíbel é non termos combatido na altura a desigualdade inscrita na lei española desde a xefatura de Estado cara abaixo – toda domesticación precisa regras e os seus valedores, desde o xuices aos xornalistas. Porén, canto máis falamos da confusión de roles, do referendo do 1-O na Cataluña ou da tipificación eufemística da criminalidade do outro como coartada continua, mais fican á luz o legalismo ideolóxico como forma interna do nacionalismo español. A sobrevida tipificación por rebelión de dous líderes do soberanismo catalá ten a eficaz función  de servir de ameaza de criminalidade do mesmo xeito que a a negativa a derogar a cadea perpétua baixo o impacto do crime de Níjar,  suavizada co eufemismo de  “prisión permante revisabel” e con matices para evitar inconstitucionalidade, non serve apenas para un endurecemento das penas mas vén alicerzar a estructura de poder da caste.  Ambos e dous aproveitan e explotan o trauma da contorna social e familiar, porén é necessário prestarmos atención ás consideracións liminares de Foucault e comprender que a atribución da “prisión preventiva”, o delito de rebelión e a cadea perpétua non se fai co alvo de reprimir os supostos delitos. Alén diso, positivan a lexitimación do poder reafirmado nas “infraccións da lei”. Quer dicer, o populismo punitivo ( populist punitiveness,Anthony Bottoms) funciona como nacionalismo interno que combina a eficacia desculpabilizadora do sistema penal propio dunha democracia de mercado co exceso do espectáculo, quer no plató televisivo, quer no plató pornográfico nacional do Parlamento. Porque nen mesmo as vítimas teñen o monopólio do sofrimento (o que as victimizaría ainda máis). Isto é o que para Paul Ricoeur implica a lóxica cínicamente utilitarista, que para ser eficaz debería permanecer oculta, non podendo satisfacer a regra de publicidade. De producirse o corte entre inculpados e xustos, entre os presos como inimigos e os cidadáns,  entre os uns e os outros, lémbranos Foucault, os que están fora acabarán tendo a impresión de non seren responsábeis de quen está dentro.

Non hai linguaxe completa, de aí a súa tendencia a alargar o seu dominio. No caso en cuestión, o legalismo ideolóxico preséntase como populismo punitivo, bén visibel en PP e Ciudadanos na súa oposición a revogar a prisión permanente revisábel, que se instaurou apenas hai  dos anos para os crimes máis graves. A posición de Ciudadanos renunciando a lexislar e derivando a cuestión ao Tribunal Constitucional  é o verdadeiramente importante na nova realidade: a procura de maior eficacia ideolóxica do nacionalismo español lévao a defender punicións que non respostan ao alvo reeducador e o principio de reinserción das penas privativas de liberdade. Non importa reeditar un argumentario  anterior ao s.XVIII, cando do que se trata é apañar votos de brazo dado dos medios que instrumentalizan a dor en base á eficaz estratexia de espaventar ainda que nos torne indixentes intelectuais e primarios. Cómo se pode ao mesmo tempo respeitar o dereito e defender a “cadea perpétua” encoberta? Ao abeiro da retórica do management e da redución da politica a eficacia, regresa a vella empresa de restituir o sistema da normalidade que perpetua a distinción entre os uns e os outros con base no aparello penal. Porén, a suposta eficacia da cadea perpetua non existe: non é posibel fixar unha relación causal entre condeas duras e maior seguranza para os cidadáns.   Como antes coa  ETA e os GAL, o impacto psicolóxico das cargas policiais o 1-O, o ataque jihadista na Rambla de Barcelona xuntamente cos medos criados por asasinatos recentes, diminuiu radicalmente a demanda cidadá polos procesos legais e por políticas ponderadas e respeituosas cos dereitos humanos.

 

Cando o xogo de linguaxe xurídica é isolado co alvo de arranxalo todo, encomendandolle unha suficiencia reparadora, extendendo o principio do xuizo a todos e a todo, esa linguaxe tórnase depredadora e con ela devala a realidade que informa e conforma. Porén, non nos podemos encomendar a unha só linguaxe. En Girona, os axentes da policia española ruben o muro do patio da Escola Verd e cargan animados pola resistencia pacífica dos cidadás. Como noutros colexios electorais, a policía instintivamente realiza a súa acción máis banal de combater o “inimigo interno” sen por iso haber presenza dun xuiz, do mesmo xeito que non hai xuices a verificar ao vivo, a pé de obra pública, nos despexos  e nas fábricas, a natureza das reglas por eles impartidas. Porén asignanse a misión de velar pola poboación (abstracta) en vez de respeitar os suxeitos de dereito. Máis tarde Diego López de los Cobos xustificaria esta caste de accións con evidencia sincera: para “cumprimento do ordenado pola autoridade xudicial”. Eís a linguaxe depredadora en xogo:  a xudicialización tornándose unha oposición á política, o que foi a xustiza entanto a política tivo oposición. Alén do alargamento da contención policial de tensións político-sociais  como a do referendo do 1-O,  a campaña do 155  está servindo para unha ampliación da participación da policía na institucionalidade do país. O direcionamento do mesmo a  un coronel da Guardia Civil, e non a un coronel calquer, codifica aquela mensaxe de Filipe VI comparecendo vestido de civil mas brandindo un discurso de  Caserna.

Podemos establecer esta hipótese: vivirmos nos marcos do posibel. Con outras palabras: avocarnos a escoller unha realidade na que non hai alternativa. Unha dominación que non deixa nada fora. E  que nun momento de crise social e económica transparece como pensamento público da caste no poder  sob as estructuras xurídico-policiais de control da sociedade. É a domesticación quen establece o xuizo malia a simulación de ser a súa consecuencia. A própria decisión do Tribunal dos Dereitos Humanos é expresión máxima de que non hai un afora ao dominio. Que sob a misión de “protección social” se teñan imposto e naturalizado imperativos de Estado. Sinteticamente, as medidas de excepción como o 155  poden ser visadas como dispositivos de gobernanza que levan á suspensión de dereitos e garantias en nome da defensa da orden constitucional, provocando algo asi como unha legalización da inconstitucionalidade

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: