As mulleres aturan cárregas domésticas desproporcionadas e presións derivadas das normas sociais e culturais. O nesgo de xénero é o centro de atención nesta xornada mundial. Mulleres de todo o mundo exixen a fin da agresión sexual, do abuso, do feminicidio e da desigualdade. O Concello de Cedeira súmase ás protestas e campañas que se tornaran virais nas redes sociais
[Pingota Comunicación] O goberno de Cedeira vén de convocar para o día oito unha concentración “polos dereitos das mulleres e pola igualdade real de xéneros”. O acto terá lugar na praza do Concello, na Laranxeira, e dará comezo ás 12.30 horas. A intervención correrá a cargo da concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, que explicará os motivos da folga feminista que ese día se convoca en todo mundo. Desde o executivo local invítase á veciñanza, a todos e todas, a tomar parte nunha concentración coa que se pretende reivindicar os dereitos sociais e laborais das mulleres e esixir a igualdade entre xéneros. A título persoal, as concelleiras sumaranse á folga.