off
Editorial, Feminismo, Globalização, Movementos sociais, Política — 7 Marzo, 2018 at 9:24 a.m.

Cal é o papel dos homes na greve internacional de mulleres?

by

A greve feminista interpela os homes e chámaos a participar, embora nun segundo plano. PP e Ciudadanos únicos partidos que non apoian a greve


Cal é o papel do home na greve feminista? Moitos homes hanse preguntar neste intre cal é o seu papel na greve de mulleres. Participarmos das manifestacións e concentracións? Traballarmos do mesmo xeito para que só o baleiro deixado polas mulleres  sexa visibel? Ficarmos na casa ou ofrecernos en grupos de voluntarios coidando e cociñando para que elas se poidan manifestar? Facermos os servizos mínimos nas empresas para que as nosas compañeiras se manifesten?

Como calquera greve ou protesta interpela a mulleres e homes por igual. No plano normativo, unha greve xeral limitada a un sexo non sería legal. Trátase dunha greve laboral sen precedentes para denunciar as desigualdades e a fenda de salarios, entre outras reivindicacións. A novidade é que tamén se trata dunha greve de cuidados de quen históricamente se ten ocupado da contorna, a familia e a crianza. Será tamén unha greve de estudantes e de consumo. Se as mulleres deixan de facer estas tarefas diarias fica en evidencia que son elas quen  costuman encarregarse. Mulleres fortes que loitan polo seu futuro e contra as inxustizas diarias: menos salario, dupla xornada laboral, humillación, acoso e maltrato.

Os sindicatos maioritarios chaman a un paro de duas horas por quenda sen distinguir o sexo do empregado, ainda que os colectivos feministas esperan que moitas persoas, nomeadamente as mulleres, non traballen durante 24 horas.

A dominación patriarcal tende a salvagardar o poder. Hai síntomas visibles de quen sentido perder privilexios saca as unllas. Trabállase para acabar coa dominación, for a que for? É a greve xeral a mellor de acadar as reivindicacions das mulleres? Talvez non se esta xornada se enxergara como dirixida apenas a unha parte da poboación.  Porén a ollada é comprida. Trátase dunha carreira ideolóxica pola igualdade.  Con certeza, a dimensión mundial da greve ten un valor máis simbólico e constructivo do que inmediatamente efectivo, como calquera greve ou efeméride. Porque a soberania non é dada mas é un facer e desfacer colectivo e institucional. Trátase de ocupar o espazo e marcar o tempo, imaxinar a cartografia dun territorio transitabel, servindo para visibilizar os problemas das mulleres, colocando as súa revindicacións laborais no lugar e na axenda. Non é un dia non tanto para convencer mas para denunciar a humillación patriarcal vinculada á dominación polo traballo e pola ausencia de traballo.  Esa domesticación do capital que premia a productividade e penaliza o coidado e todo o que precisa de tempo. Velaí a reacción-ameaza da “patronal galega” (o patrono, o padroeiro, o proprietário de fábrica ou do establecimento) rexeitando a greve xeral de mulleres alegando que esta vai “afectar á produción e prestación de servizos de empresas” alén de “prexudicar iniciativas de negociación impulsadas no eido da igualdade”.

Se hoxe hai unha greve feminista mundial é por cansazo: que se enxergue que a loita polos dereitos laborais das mulleres é unha loita colectiva contra a dominación. Un dia para os homes nos retirar do espello de control, de subxectivación e de submisión . Esa condescendencia, ese paternalismo froito da nosa cobardía. E traballar para o 9M.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off