off
Estado, Galiza, Imprensa, Redes sociais — 7 Marzo, 2018 at 09:31

Adanismo, realidade e omisión da primeira investigación xornalística da “fariña”

por

O que hoxe debulla “Fariña” foi desenmascarado nos oitenta polos xornalistas  de investigación de  Cambio 16, A Nosa Terra, El Correo e Interviu


A prosa xornalística que estes dias retoma as conexións dos clans da droga e do branqueo de capitais en Galiza, a raíz do secuestro xudicial do libro “Fariña” de Nacho Carretero, sofre de un certo adanismo. De desmemoria. Esquecimento que a boa fe o autor tratou de enmendar  nunha entrevista a Antena3: “una suerte de recopilación de cosas que más o menos en Galicia” …todos sabían diso. E acrescenta que desde os 80 os xornalistas galegos fixeran un traballo  “enorme e moi exhaustivo” e “case todo o que aparece en ‘Fariña’ xa estaba publicado”. Fariña axústase á ficción televisiva, porén precisou un debate posterior   co autor do libro, un xuiz, un policia, unha nai coraxe,  dous avogados especializados e o xuiz Garzón (talvez un resto de conciencia de que sobre a historia do narcotráfico en España pasouse na punta dos pés).

O título deste texto é unha evidencia e ao mesmo tempo unha modesta provocación de quen nos oitenta socializou na memoria xeracional dos corpos consumidos pola “fariña” e nas leituras furtivas de barberia na primeira xuventude. Evidencia, porque os humanos estamos enredados nunha urdidura de significados, expectativas sociais e valores que terminan completandonos como humanos, incluindo a nosa memoria colectiva e a  individual,  mas tamén a corporalidade (que é o cérebro senón un órgao socializado?) que nos lembra como realmente somos entre ausencias. Provocación, porque é una forma de se descentrar do ollar hexemónico das epistemoloxias individualistas que se converteran en funcionais co noso tempo, especialmente cun modelo capitalista necesitado tanto da ideia de explicacións individualistas do comportamento como de consumidores e creadores que se acreditan e se pensan a si mesmos como autónomos. No entanto, somos seres sociais, a sociedade está en noso corpo como noso corpo na sociedade, e isto paréceme válido para calquer momento histórico, incluindo a sociedade líquida contemporánea. Se como indica Bauman a mudanza contínua é o referente do estrutural na sociedade líquida, encanto os saberes e prácticas con pretensión de estabilidade se converten en fantasmagorias que son eliminadas antes que posan tomar corpo, esa fluidez resignifica os horizontes antes que teñan sido definidos con clareza. E non hai horizonte que os meios non  mostren coa vangloria da despolitización e a domesticación consumada, por moito que esa fluidez se transmute nos maiores valores da democracia.

Carretero abre “Fariña” citando a  Eisenhower en Auschwitz : «Grave todo. En algun momento, algun bastardo vai se levantar e dicer que iso nunca acontecera». Eís mais unha vez esa pulsión documental ou de arquivo convivindo coa vaidosa pulsión epocal de apropiarmos  do que circula ceibo («alá cada quen») polas hemerotecas e libros. Seica a procura da verdade alimenta a pretensión de autoridade de quen posue ou acredita posuir a certeza do testemuño (“eu estaba alí”), como se cair no esquecemento que non é o xornalista  -nen as fontes- o titular do dereito á información, mas os cidadáns. Precisamente por valorizarmos o que en “Fariña” hai de intempestiva prosa de coraxe e resistencia á hydra (esa mordaza) que sempre prohibe de falar, sorprende quen hoxe se atreve a desafiar o ben-pensado que lé o que lé e vé o que vé,  teña pouco presente as obras primas do xornalismo investigativo do narco e do contrabando. Talvez un elá revelador da dificultade para ouvirmos nos meios principais calquer discurso que deite unha crítica dos atributos dos propios media mainstream como constructores de acontecimento.

O que máis ben me interesa é esa especie de dispositivo no que estamos mergullados. Para min o máis importante do secuestro do libro de Carretero é fitarmos como este momento de magnitude amplificada pode restaurar a diferencia con respeito ao que foi osificado nun imaxinario social de identidades e oposicións, iconos, estereotipos e símbolos. “O efecto Fariña”, por así o expresar, tórnanos á dimensión histórica do que foi omitido e silenciado sen por iso alargar o foco en diferido tirando da hemeroteca. As entrevistas e debates, coa “pegañenta”  voz e imaxe de Garzón, fan a referencia ao histórico onde galegos e galegas continuan a funcionar na construcción do acontecimento como donantes. Por así decilo trátase de estereotipos cos que estamos familiarizados, até acadar ese ponto tan pavero do relato que estes dias circula por Galiza de que ao cabo todos estabamos de acordo co winston das bateas (esa transubstanciación do marisco a eito, o dunha terra naturalizada, farturenta, sempre disponibel).Nesa caracterización o uso do castrapo non é mais do que a inconfesa desidentificación do idioma co país. Está por ver se a serie de Antena3 reflicte que o antagonismo do narco derivou máis da xente, das mulleres de clase operaria  vencelladas á contorna familiar e social das vítimas das drogas (Érguete) e dun certo xornalismo investigativo perante o desleixo da maior parte de xuizes, policías e políticos. O que contrastaria co que vén de afirmar o xuiz Garzón:No permitimos que Galicia se convirtiera en una pequeña Sicilia”, como si só ficase el para dicir a derradeira palabra, até que altura debe exercerse o poder de xulgar a pequena minoria que foi apañada coas maos na masa, o prezo que está disposto a sacrificar a maioria dos que dominan para non deixar de dominar. A conciencia potenciada reafirma a natureza fabricada dos últimos corenta anos e alimenta con facilidade unha teoría da historia dos “grandes homes”. Porque, malia toda esa xente,  ese imaxinario suburbano polo que debecería Blanco Amor, ainda non houbo relato que o contara.

Rara comunidade de practicantes

Nos últimos corenta anos toda a investigación xornalística foi mudando radicalmente.Por que? Porque ao cabo esas investigacións xornalísticas co alvo de que a xente comprendera que estaba nun Estado que non estaba ben e que había que mudalo, funcionaba só na medida en que, de feito, bastante xente xa sabía ou acreditaba saber que non só había que mudar España mas como mudala. E a partires de que esa certeza, que se supoña sentirse no percurso da historia e implicados nunha transformación radical desta, borrouse, que  é o que aconteceu? Aconteceu que esa imprensa crítica, esas análises e investigacións, comezaron a virar en falso. O que antes era crítica agora soa a triste lamento.Porque, alén diso, tampouco está claro se a xente ten vontade de estar ben informada.

De feito, do afirmado por Garzón ben podería derivarse a convicción absoluta de que o narcotráfico desapareceu -ainda que Carretero se esforce en convencernos do contrario ao final do libro- e, portanto , non hai conexión posibel coa política, de que cada vez hai menos realidade. Isto mesmo xa acontecia en certa medida cando as primeiras investigacións do narcotráfico foran publicadas, de que era esa xente de má fe a que nos facía acreditar que o narco se apropiara das rías e dos politicos que gobernaban. Quer dicir, que o franquismo, a corrupción, o narco e a realidade existen.

A imprensa non é de balde, nunca o foi, nen o será. Un prezo que se mide hoxe polo  prevalente modelo de “meios de comunicación concertados” e  o farturento fluxo de axudas públicas via convenios, concesións administrativas ou  enormes campañas de publicidade institucional. Malia a súa de tendencia apodíctica, o xornalismo investigativo tamén ten por regra xeral un estatus de formación institucional que conta cun discurso próprio. Sen adoptar o perfil daquelas institucións que procuran obxectivos socialmente definidos con compromisos orzamentarios, lexislativos e criterios de militancia específicos, a realización xornalística de investigación é unha práctica institucional que tamén conta cun límite exterior.  Hai cousas que deberían decirse e hai formas de dicilas, como sinala Lyotard. A obxectividade como código, ética e ritual. A prosa con demostracións de probas e argumentación. O testemuño que “tira da manta” (a disposición a tornarse significante no discurso de outro), a entrevista  común e a “encuberta”, a conversa. A presenza visibel do actor social como tesmuño confiabel no meio dunha dramática procura de probas.

Velaquí o paradoxo: o xornalismo de investigación precisa tempo e recursos para desvelar e comprobar o oculto para que a “auténtica” realidade poida amosarse “como é” (ao cabo, unha reformulación da vella pregunta pola realidade que alentou a sospeita metafísica do pasado). Precisa reflexividade formal e política que opera na conciencia cidadá “intensificándoa”, ao deslocala co alvo de acadar un coñecemento do común. Coñecemos as “dificuldades” dos medios convencionais  a pór  recursos e esforzo para ir alén e abordar a realidade interior devagariño ou aproveitar bons correspondentes no exterior, non son suficientemente lucrativos.  Sexa como for, seria errado ver niso unha mera consecuencia das dificuldades (financeiras) da imprensa escrita. Iso é un efeito da tentación permanente  de  elidir a acción  e voces  que revelan os aspectos negativos que contribuen para desacreditar o poder. Non sendo todopoderosa, os media exercen poder e dominación simbólica cando van na mesma dirección. Talvez por iso conveña preguntarmos  se o  xornalismo de “recortar e colar” é apenas un dos seus efeitos superficiais, dada a grande parcialidade das opinións expresas en  moitas cabezallas da imprensa dominante que  esconden sua adesión á ideoloxia neoliberal  sob pretensións de obxectividade  e neutralidade, arrombando ao vacio, sen dicer nada de seus argumentos,  ao xornalista radical que se esforza levar as cousas á raiz, e a escoller (escollas que non deben ser arbitrárias e mutiladas).

É, precisamente, este contexto dunha hexemonia  da problemática da memoria o que verbo da retirada da edición española de Fariña por orde xudicial nos leva a perceber, nunha obra de más de trescentas páxinas, un sintomático silencio respeito ás investigacións periodísticas dos oitenta, de A Nosa Terra a Cambio 16. A ausencia de referencia ás seminais pescudas sobre o negocio do contrabando de  tabaco e droga, á marxe que despois, en determinados casos, os seus autores o trasladaran a libros, como o de Perfecto Conde en Interviu, publicado en 1991, Suárez  na Cadena Ser moito despois, e Elisa Lois nas posteriores crónicas para El País.  Sorprende  que os xornalistas de A Nossa Terra e El Correo Gallego,  a propia Lois, Hermida,  A.Freire, Leiro, Pérez Docampo e o ignífugo Pepe Rei,  non conten para o best-seller. O ninguneo de A Nossa Terra é especialmente salientabel. Quen outrora practicara un xornalismo honesto e intransixente na boca do lobo, non deberían desmerecen dos que hoxe se xogan a faciana ou mesmo lle tiran proveito.

Unha obra prima do xornalismo investigativo foi  nos oitenta Cambio 16 (aquel que foi secuestrado alomenos cinco veces e censurado e non actualmente existente na rede) cando levantou a lebre  desenmascarando as conexións entre narco e política. Eís o artigo de outubro de 1984 intitulado “Os patróns do contrabando son de AP”, dunha série de reportaxes para Cambio 16  (num. 672 e seguintes). Esta foi a primeira pescuda a serio, afondando en pormenores e datos obre o narcotráfico en Galiza, en confrontación directa con AP (logo PP). Todo o que foi escrito depois vén desa fonte que os novos xornalistas nunca citan. Antes e depois do que hoxe relata Precedo houbo xornalistas que pescudaron nas fontes do narco: Cid para Cambio16,  Conde para  Interviu e Xavier Vinader.  Os tres fan parte, entre outros,  do que Mariano Sánchez define nunha entrevista realizada por Luis Díaz Güell na sua tese (“Periodismo y periodista de investigación en España,1975-2000”) como “supervivintes dunha xeración que foi acurralada”, mas tamén  silenciada e esquecida en diferido.

Restos de pós-verdade

Mellorou a  vida democrática e a consciencia política dos cidadáns? Está menos anestesiado o leitor pola rotineira normalidade da corrupción e a impunidade ou tornouse algo así como un substituto inofensivo que facilitou a despolitización e mesmo o cinismo? Porque  as verdades masivamente publicadas en España non pesaran contra as mentiras dos outros? A era da “pós-verdade” non se caracteriza esencialmente por unha actitude radicalmente diferente do público cara  verdade (que precisa ser demostrada), mas pola percepción dos xornalistas de que a opinión xa non os segue (eís Filesa, Gürtell, Pokemon ou Breixit ). Un dos paradoxos da era dixital é que para o público restaurar a confianza na información fidedigna dos medios tradicionais, o único xeito efectivo seria o de barrar os outros medios ao que o público está cada vez mais inclinado a consultar. En España os medios que despertan desconfianza son os que conceden certificados de confianza. Un informe da Universidade de Oxford e publicado polo Instituto Reuters para o estudo do xornalismo en 2015 concluia que só o 34% dos cidadáns de España acreditan que poden confiar na maioría das novas publicadas nos medios. Vivemos nun novo contexto: os biosbardos estériles e cada vez mais alienantes das redes sociais.

Obnubilados pola incomprensible actitude dos eleitores que se negan a acreditar na verdade núa que lles presentan, non parecen darse conta do vínculo entre diminuír a difusión e credibilidade dos medios convencionais e o profundo enredamento destes medios cun oligarquía económica e política desacreditou. Cómodamente asentados nunha posición dominante nos meios, descoidan os seus propios erros e mentiras. Devecendo por un poder de influencia que consideran que están perdendo, parece que consideran que, para recuperar alomenos parte da súa credibilidade, hanse impor  a aqueles que o rexeitan, delimitando o espazo de autoridade  dos medios confiábeis. A falta de continuidade na memoria xornalística aboca a sermos ainda máis escépticos se callar en canto á incidencia do xornalismo de inquérito social sobre a sociedades galega e española, a miudo manténdose en posicións cobardes coa verdade. Talvez porque, alén do presentismo, a procura obxectiva e subxectiva da información tamén precisa do exercizo da memoria. Nomeadamente, porque a raiz do Procés catalá e a “lei mordaza” a caste ligada ao franquismo está a ser desenmascarada a ollos das novas  – e non tan novas- xeracións o que realmente se agocha baixo a praia e o asfalto. Por iso é necesario  valorizarmos a investigación de quen fixo da pescuda e da escrita xornalística unha ferramenta  para colocar na práctica o que está escrito e non para permanecer no arquivo.

O que semella estar por trás da idea de desaparecimento da verdade como valor de referencia da loita politica e da mudanza das institucións  é  angueira e desespero dun certo xornalismo por desempeñar o papel de certificado de feitos relevante que permitan aos eleitores votaren corretamente. Se os xornalistas profesionais teñen unha responsabilidade nas evolucións sociais e políticas das últimas décadas foi en nome dun rol prescriptivo raramente reivindicado entanto os principais meios de comunicación permaneceren na esfera de influencia dos poderes políticos e económicos, tornándose víctimas -non sempre- os propios xornalistas merescentes ou non de descreto que atinxe as oligarquías económico-políticas. Quen define e encadra o discurso e o espazo non pode asimesmo ocupar ese  topos ao mesmo tempo, como dicía Bertrand Rusell: unha clase non pode ser membro de si mesma. 

A corrupción sistémica espeta as raiceiras na tramas de negocios vencelladas ao franquismo e os casos de inxentes fraudes económicas que foran investigadas polos Vinader e compañía a pé de obra, fiduciarios dun xornalismo comprometido como axente de transformación social que quería camiñar face unha democracia sen cainzos. A reacción das cúpulas do Estado ao Procés e ao referendo catalá do 1-O e a agudización das eivas dunha democracia alicerzada no franquismo, deitan luz sobre a retroactividade causa-efecto entre o que aquelas investigacións xornalísticas apuntaban ou mostraban entón e o andazo real de corrupción e vasos comunicantes. Todo sen grandes consecuencias xurídicas, nen para reformar as institucións, só para algunha condea particular perfectamente delimitada nos seus atributos persoais para que non atinxa o que representa ou  ben para amedoñar e perseguir a disidencia sen que existira o que Rafael Cid ten chamado “unha reforma social das institucións”.

Como nunha reedición do diálogo platónico de Teüt e Tamus, a memoria volve estar agora, quizais de maneira máis intensa ca nunca, no cerne de todos os debates. Paul Ricoeur fitou esa cultura histórica que nos asulaga marcada polo “frenesí documental”. Se está no centro dos debates é por unha anovada vontade de non esquecer por mor das violencias e barbáries padecidas en todo o mundo e por un xiro tecnolóxico que puxo ao noso dispor ferramentas capaces de preservar a información en cantidades que tenden ao infinito técnico.  O paradoxo do asunto descríbeo Borges a través de Funes, o rapaz de percepción e memoria infalibel. O seu mundo era intolerabel xa que, sospeita Borges, “non era quen de pensar”. Porque “pensar é esquecer as diferenzas, é xeralizar, abstraer”. Quer dicer, esquecer o que non é necesario para ficarmos co esencial. Porén, acho que esa capacidade de preservación infinita está a provocar unha lasitude que,  en contra do que parece, lévanos a sermos pouco cuidadosos e esquecer de máis. Non é precisamente a suspeita de que a memoria está en perigo, de que xa non podemos lembrar nada e o esquecemos todo o que nos leva a preservar compulsivamente datos e máis datos? Porén o dato non é o relato e o acontecimento non é a historia.

O libro xa ten substituto na serie de televisión: e durará o que duran as series de ficción. Despois virá a indiferencia absoluta da ollada fixada na pantalla. Porque talvez prefiramos fitar os efectos desta Galicia Vice imaxinaria que aqueloutra real mas sen atractivo que acontece arredor. A vella confusión entre o mapa e o territorio; esa actitude colectiva na que as crenzas e emocións persoais prevalecen sobre os feitos, que pasan a seren menos decisivos na formación da opinión pública do que todo aquilo que atrai a emoción e a crenza persoal, o sentírmonos reflectidos.

Coa perspectiva acadada e sabendo a discreta repercusión do xornalismo de investigación  na vida social e institucional española, parece que prescindir da xenealoxía da investigación xornalística do narcotráfico e  branqueo de capitais xa é un hábito do desk-journalism  (xornalismo de gaveta baseado no “denuncismo”), o que non deixa de ser tanto un sintoma da desvalorización, desde o mesmo colo da profesión, do que está escrito e da própria praxe de verificación de feitos, do que sendo descoberto afora, na rúa e no arquivo, non ia direccionado a permanecer fosilizado no papel mas para transformar as institucións.  Non imos entrar en pormenores, mas o que é importante aquí é o xeito en que o discurso xornalístico de investigación, que en principio tendia cara un obxectivo emancipatorio, foi virando nun discurso que xira sobre si mesmo para dicir eppur si muove. Certo é que haberá editorialistas a alegar que, debido á multiplicación de pensamentos únicos, a guillotina moral do politicamente correcto -da que ao parecer se libra o presente- foi armacenada na loxa de aderezos históricos. Porén, un grave problema sobreengadido á burbulla da inmediatez é que, malia estar prohibido pola Constitución, moitas publicacións teñan sido secuestradas en diferido polo poder xudicial. O que non facilita a súa incorporación crítica ao que nos tocou vivir.

A conxunción de algo que  ten sido meticulosamente descrito antes, mas foi elidido, e algo que aconteceu -mas que é ignorado porque falta dunha história anterior – na miña opinión, ilustra o conceito de pós-verdade. Esta noción non fai alusión, contrariamente ao que se acredita, á manipulación da realidade, á simples distorsión dos feitos, á mentira. Todo iso é tan vello como o diálogo platónico antes aludido e non ten nada a ver co valor apodíctico do libro “Fariña”, co seu secuestro xudicial e co oportunismo de Antena3, que non resta mérito á calidade da produción. Contodo, se a pós-verdade é algo novo, é porque o seu contexto tamén é inédito: o barullo e a confusión derivados do excedente informacional, da caverna estéril e das redes sociais cada vez mais alienantes, a paifoca convición  de que o coñecimento e a simples posibilidade de accesalos é a mesma cousa. Non me corresponde a min reivindicar para o presente a hipótese dun xornalismo libertario fronte  ao xornalismo cesáreo, ainda que a alternativa libertária lle acaia ben a estes tempos de colapso da competición liberal e planexamento centralmente autoritário e efémero, malia a aparente horizontalidade dos discursos.

A democratización real mídese pola participación e acceso ao arquivado, dicia Derrida. Contrariamente, as infraccións da democracia mídense polos “arquivos prohibidos”. Nun contexto reactivo marcado por ataques sen precedentes á liberdade de expresión e reunión e unha anovada instrumentalización da xustiza sob a estratexia de amedoñar – o que nos torna a todos uns suspeitos ou indiciados por ” difamación” ou “rebeldía”- a procura de referentes pode ser unha parte esencial de “reconexión” do xornalismo crítico para alargar a nosa percepción deste fenómeno e doutros que acontecen trás dos muros. Malia a tradición existente, como explicar esta falta de influencia do xornalismo investigativo desenvolvido durante a despois da Transición até o punto que o xornalismo actual non o teña como referencia para mudar as cousas ou para millorar a capacidade da sociedade para achar democráticamente solucións a problemas encirrados?  Politicamente, a resposta é moi simples: a esquerda española non precisa dele porque é un poder que xa non ten. Porque xa non hai poder que os medios de comunicación non obstenten. O retrato de Gregorio Morán en “El cura y los mandarines” ben podería ser estendido ao mandarinato do xornalismo.

Porén, se “todos o sabian” na Galiza (e na España, pois o do narcotráfico, como a gastronomía, foi asimilado aos estereótipos galaicos), non debería ser causa de grande excitación.  Como o nordés, malia estarmos afeitos, non debería facer graza ningunha para ficar na fácil fascinación de vérmonos reflectidos quizais por primeira vez nunha serie española no xeito de falarmos e nunhas singularidades  recoñecibles no contexto cultural e industrial de noso.  Con certeza, a ficción alicerza nunha realidade histórica, social e emocional que a proxecta e a fai máis universal e que o debate de Antena 3 reforzou. Malia a evidente oportunidade de abrirmos a posibilidade de asisar nos vincallos e desaxustamentos entre realidade e ficción que o libro e a serie nos presentan para enxergar cuestións soterradas que deberian servir ao coñecimento e madureza social e política do país, permanece a dúbida de se nun contexto mediatizado e xudicializado no que o medo – o inimigo número da sociedade e do xornalismo- e os longos tentáculos de poder que nunca se encontran face a face, está a ser inoculado en pequenos xestos que ateigan as cabezallas brincando coa desmemoria. Un instrumento clásico de control social, nomeadamente en quen mergulla no autoritarismo pós-democrático é a manipulación da opinión pública. Tratase de reducir a complexidade do debate intelectual e da opinión a un cerne de  consentimento confortábel e previsíbel. Debemos continuar a dormir  ben tranquilos depois de ouvir Garzón. Ao cabo, libráronnos de sermos Sicilia. Algo que todos xa sabíamos: Sicilia non é Galiza, e viceversa.

Coda: fascinemos coa beleza imaxinaria baseada en feitos reais, esquezamos a historia e de quen a contou por moi reais que sexan- porque o pasado por ter pasado non deixa de ser real. A pós-vedade é exactamente iso. Ainda que acreditemos inxénuos que non é  responsabilidade de ninguén. Nen de Bea Gondar nen da xuiza, nen de Carretero nen de Évole e os xornalistas, nen de Garzón ou de Antena3 e os seus espectadores, madia leva! De todos e de ninguén. Talvez algo partillado por todos. Ese suposto saber que todos sabíamos. Talvez  esa paifoca actitude acrítica é o que está a se tornar preocupante.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: