off
Agro, Galiza, Historia, Movementos sociais — 6 Marzo, 2018 at 13:21

Presentación do libro “Rebeldía galega contra inxustiza”

por

Luns 12 de marzo ás 20:00h no salón de actos da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol


Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo é o primeiro dos monográficos De Nós. Monografías con perspectiva galega, a nova cabeceira que edita Sermos Galiza S.A.. A publicación coincide cos acontecementos de Trasancos (marzo de 1918), unha data que a día de hoxe se está a conmemorar desde o asociacionismo cultural de Ferrolterra. O caderno fai un percorrido polos masacres máis significativos. Comeza con “As mortes no Campo da Porta”, sobre os feitos decorridos en 1894 na parroquia pontevedresa de Salcedo e asinado polo historiador Xosé Álvarez Castro; continúa con “Que se vaian todos! Conflito, loita e morte en Oseira”, do investigador Xosé Ramón Ermida Meilán, que fala do masacre de 1909 e con “Os mártires de Nebra: cans, 1916”, do historiador Eliseo Fernández.

Tamén recolle “Transancos, marzo 1918: revolta popular coas mulleres na vangarda”, un traballo asinado polo historiador Francisco Rodríguez Sánchez;  “As mártires de Sofán. Algo máis que atavismo”, do historiador Xan Fraga, e “Sobredo: paz, xustiza e traballo”, de Xosé Manuel Suárez Estévez, historiador e membro do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo. Fechan o monográfico o investigador Antón Capelán Rei, que afonda na repercusión que todos estes sucesos tiveron no ámbito literario e artístico, onde destacaron, polos seus traballos, Ramón Cabanillas e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e a historiadora Lucía Veciño Souto, cunha peza sobre o papel das mulleres nas revoltas agrarias.

A publicación deste primeiro monográfico responde á necesidade de garantir a memoria destes sucesos e a contribuír a divulgalos. Trátase de masacres con moita repercusión e cunha grande mobilización detrás, con duras consecuencias no plano represivo a raíz do golpe do 36. De feito, os acontecementos silenciáronse e son descoñecidos mesmo naquelas zonas que máis sufriron a represión. Aliás, é salientábel o papel central que cumpriron as mulleres nos movementos agrarios. Que a maioría de asasinadas fosen mulleres dá conta da súa importancia, que tamén fica de manifesto nas imaxes que reproducen os actos agraristas.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: