off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 5 Marzo, 2018 at 8:39 a.m.

Operación de substitución: a barafunda

by

A rexa centralización das partículas atómicas que integran o Réxime do 78 resulta condición sine qua nom para a supervivencia do sistema. A súa centrifugación autónoma, pola contra, representa un signo de decadencia e mesmo de devalo senil. Por iso o Procés supón unha ameaza para o atado e ben amarrado que escenificou a Transición e logo lexitimou a vixente Constitución. Un modelo trasteado daquela maneira polo duopolio dinástico hexemónico PP-PSOE,  un como poli bo e outro como ruin, segundo corresponda.
Isto supón que cando un dos dous alicerces en que se sustenta a andrómena dá mostras de obsolescencia por fatiga de materiais, fágase preciso buscarlle un substituto antes que a súa lorda vaia a máis e termine demolendo todo o edificio. Neste sentido, escribín noutro sitio que a irrupción de Cidadáns no circuíto político podía fitarse como unha terceira “operación reformista”. Enredo que, como os seus antecesores do PDR con Miguel Roca e Antonio Garrigues en 1984 e o máis recente de UPyD con Rosa Dez, funcionou desde a periferia ao centro xeográfico. Tamén que no seu afán por copar a centralidade do taboleiro eleitoral a xente de Albert Rivera entraría en competencia co PP de Mariano Rajoy e en menor medida co PSOE de Pedro Sánchez.

A debandada de gnus.Rei León

Porén esa análise pecaba de simplicidade e falta de perspectiva. En realidade deixaba fose o principal da trama activada pola Marca España para preservar os seus intereses  futuros. Porque Ciudadanos non foi catapultado á pista de baile para ser o terceiro en discordia, senón co obxectivo de calcar mellorada a tóxica dereita oficial. Sen o estigma de corrupción que arrasa a Xénova 13 e sen o lastre daqueles antecedentes pós-franquistas que impiden aos populares homologarse como unha dereita civilizada. En realidade, os da camisola laranxa viñeran para ficar o cetro conservador en todo e por todo.
Os poderes fácticos deron por case amortizadas ás hostes do PP tras o seu espléndido fracaso en “o desafío catalá”. Un partido no goberno que é relegado á marxinalidade na comunidade onde debe facer sentir toda a autoridade do Estado non é alguén en quen se pode confiar a defensa da unidade nacional, única e indivisibel. Mais é, polo contrário, unha formación nova sen un pasado comprometedor que foi a primeira a enfrentar o movimento de independencia sen complexos. É a operación de substituición, embora non sexa claro que é ao mesmo tempo unha operación reformista. De feito Cidadáns salta á fama para reivindicar ao grande o statu quo, ou sexa, para presentarse como o supremo fiador da recentralización.
Algo desnecesário nun partido que apenas ten estrutura a nivel do Estado e que carece de experiencia de goberno. Por iso, os meios de comunicación lanzáronse a recrear as condicións obxectivas para que o transvasamento sexa posible co resultado de tecer un novo bipartidismo que neutralice as turbulencias desatadas pola crise económica en amplos sectores da sociedade española. Proxecto que precisa, por unha banda, implosionar ao Partido Popular en favor de Ciudadanos, como no seu día aconteceu con UCD para dar paso ao combinado PP-PSOE, e, por outro, desestabilizar a Unidos Podemos (U-P) a fin de minguar a súa identidade en favor do partido socialista.
Desta maneira, a trapaza deixaría un elenco de nova planta formado por Ciudadanos no centro dereita e un coitado PSOE no centro esquerda, deixando os restos do PP e U-P na cota dos extremismos execrabeis. A iso é ao que se adica con especial belixerancia o xornal El País mediante pormenorizadas enquisas que demostrarían o implacábel devalo do tándem Rajoy-Iglesias. Desta forma, pastor e gado partillarian hoxe o que din as sondaxes que colocan os dous líderes como os de menor confianza entre os votantes. Porque como predicen os relatorios de Metroscopia, nen os seus pròprios afiliados confían na casa e as respectivas militancias están maioritariamente dispostas a asinar polos seus direitos competidores, saiulles a burra capada.

Con todo, unha cousa é o mapa e outra o territorio. Alén diso, a opinión publicada non sempre consegue suplantar á opinión pública, nen a demoscopia á democracia. Aínda que non deixa de sorprender que sexan políticos como Rivera e Arrimadas, que nunca referendaron a constitución (por mera razón de idade, como a maior parte do corpo eleitoral), os novos cruzados unxidos para manter as esencias patrias. Quizais sexa debido a que os heterónimos de Rajoy e Sáenz de Santamaría xa dan o calo como copríncipes do reino virtual de Tabarnia. Con iso a Segunda Transición, como modelo continuista, seguiría os pasos da Primeira Transición, conxurando a  falsaria rutura democrática que, aínda sen tento, envovle o niño de vespas catalá.
Chegados a este punto, cabería inquirir sobre que estraño virus político-social impide que na España da crise conflúa unha alternativa ao goberno do Partido Popular (PP) semellante á impulsada polo eleitorado portugués, onde funciona un executivo progresista que está a lograr cauterizar os efectos máis perniciosos da austeridade imposta pola Troika tras o rescate financeiro da súa economía. E a resposta non queda lonxe da distinta maneira en que nun e outro país concretouse a transición da ditadura á democracia. Os nosos veciños, mediante un proceso de segregación radical respecto ao anterior réxime con notable participación da esquerda alí representada polo Partido Socialista de Mario Soares e o Partido Comunista de Álvaro Cunhal. Noentanto, aquí, pola contra, os seus homólogos foran decisivos para argallar un consenso continuista sobre a base da restauración da monarquía prevista pola franquista Lei de Sucesión á Xefatura do Estado de 1947, coroada despois na figura do Rei Xan Carlos I, na altura designado por Franco como Xefe bicéfalo do Estado e das Forzas Armadas.
De aí a lealdade inquebrantable a ese compromiso fundacional do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) que proban e documentan tantos feitos e disposicións deseñados para a perpetuación a divinis do Réxime do 78. Como a reforma exprés e endóxena do artigo 135 da Constitución que blindaba o pago da débeda xerada polo fracaso bancario; o sostido apoio da “santísima trindade” formada por PP, PSOE e Cidadáns á aplicación do “estado de excepción” na Catalunya que en práctica supón a activación do 155; ou o recente acordo do secretario xeral socialista, Pedro Sánchez, con Albert Rivera para competir a investidura presidencial do candidato do PP Mariano Rajoy, desprezando forzar unha ampla coalición prol cambio con Podemos, Esquerda Unida, ERC e outras formacións furtivas. Esquécese que o modelo que inspira a Cidadáns é Emmanuel Macron, o que fose ministro de economía do goberno socialista francés, polo demais moi ben considerado por Yanis Varoufakis nas súas moi interesantes recentes memorias Comportarse como adultos.
Esta é a razón de fondo pola que o ocaso do PP non suporá o fin do bipartidismo dinástico hexemónico. Simplemente mutará, dando entrada ao xogo de quendas sistémico á nova dereita que lidera o cidadán Albert Rivera.Un espécime orgullosamente centralista, igualmente viciado no legado dos atados e ben amarrados, agora renovado na corte de Felipe VI, cuxo antecesor no cargo goza da mais generosa pensión non contributiva que se encaixa no seu reino.

 

(Nota: Este texto é baseado na substancia de un artigo publicado no blog El Salto)

One Comment

  1. Esencialmente concordo coa análise.

    Quizais conveña lembrar que a guerra que nas Españas (a dicir de Machado) artellaron os fascistas… gañárona, ao contrario do que sucedeu na Europa democrática cos nazis e fascistas italianos, que acabaron sendo derrotados.

    Desa maneira énos fácil entender “o lastre daqueles antecedentes pós-franquistas que impiden aos populares homologarse como unha dereita civilizada”.

    Temo, pois, que a resistencia ultra vai ser notable, e a manobra de recambio, complexa.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off