off
Cedeira, Ciencia, Cultura, Galiza, Medio ambiente, Ortegal — 26 Febreiro, 2018 at 10:31

A Deputación asina cos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño o convenio do Xeoparque de Ortegal

por

A institución provincial contempla nos seus orzamentos anuais unha partida de 500.000 euros para apoiar o proxecto. González Formoso destaca o “traballo conxunto de Deputación e concellos para por en valor o patrimonio e a riqueza natural da zona”


[Pingota Comunicación] O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e os alcaldes e alcaldesa de Cariño, José Miguel Alonso Pumar; Cedeira, Pablo Moreda; Cerdido, Benigno Galego; Moeche, Beatriz Bascoy; Ortigueira, Juan Penabad; San Sadurniño, Secundino García, e Valdoviño, Alberto González, asinaron esta mañá, na sede da institución provincial, o convenio de constitución do Xeoparque de Ortegal.

A creación do Xeoparque de Ortegal, que xa foi refrendada a finais do ano pasado nos plenos municipais dos sete concellos participantes, e o mes pasado no pleno da Deputación da Coruña, contribuirá á promoción e desenvolvemento destes municipios, ao tempo que posibilitará, cando a UNESCO emita un informe favorable, a integración dos mesmos na rede europea e global de xeoparques.

Con esta iniciativa, a Deputación e as entidade locais asumirán durante os vindeiros catro anos, con opción a catro adicionais, a xestión dos recursos persoais, materiais e técnicos dun proxecto que incidirá dun xeito positivo na súa proxección xeoturística.

Tras ser aprobadas as bases do Xeoparque de Ortegal, cada un dos concellos deberá confeccionar de xeito individualizado unha Memoria, un Plan de actuacións e diversos estudos de calado económico-financeiro e técnico administrativo, cos que finalmente se artellará un Plan Director que rexerá o funcionamento do Xeoparque de Ortegal.

Nesta mesma liña, o texto suscrito esta mañá na sede da Deputación da Coruña prevé a creación dun Consello Director, cun organigrama integrado por representantes de cada un dos concellos e representantes da Deputación da Coruña, e cuxa presidencia rotará anualmente entre os municipios.

Formoso incide na importancia do proxecto para revitalizar a economía dos concellos de Ortegal

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que se trata dunha “gran iniciativa e un exemplo de como se poden poñer en valor nunha comarca os recursos naturais e patrimoniais co obxectivo de crear emprego e dinamizar as actividades económicas”,  potenciando o turismo especializado en ámbitos coma o xeolóxico ou o ornitolóxico.

González Formoso sinalou a importancia do “traballo conxunto dos concellos e a Deputación para a conservación e posta en valor do patrimonio e a riqueza natural da zona”, e reivindicou a necesidade de investimento institucional para mellorar os indicadores socioeconómicos da comarca. Neste sentido, destacou a necesidade de investimentos para revitalizar o FEVE e a infraestruturas viarias, e sinalou o compromiso da Deputación para continuar apoiando aos concellos “dentro das nosas competencias, como xa facemos a través do Plan Único, que supuxo un importante incremento nas achegas que reciben os municipios de Ortegal, ou cos investimentos nas estradas provinciais”.

Neste sentido, a Deputación xa reservou nos orzamentos do presente ano unha partida de 500.000 euros co obxectivo de apoiar a constitución do Xeoparque de Ortegal.

Este texto é do Gabinete de Comunicación da Deputación da Coruña. O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: