off
Arte, Opinião, Política, Politica espanhola — 21 Febreiro, 2018 at 4:03 p.m.

Gobernar é administrar a morte (o caso ARCO-Santiago Sierra)

by

(Con motivo da inquisitorial ofensiva contra a liberdade de expresión que está a levar ante os tribunais a representantes electos, artistas, cantantes, escritores e simples cidadáns que exercitan o lexítimo dereito a decidir e expresarse, reproduzo a continuación o artigo publicado en 2013 en varios medios alternativos co título ? Gobernar é administrar a morte?, referido ao boicot a Santiago Sierra, a quen a organización da Feira Internacional ARCOmadrid 2018 acaba de censurar a súa obra “Presos políticos na España contemporánea”).

É a entrevista que nunca existiu; foi borrada do mapa polo seu editor. O pasado 19 de xaneiro o diario EL País publicaba unha extensa conversa con Santiago Sierra, o artista español de máis prestixio internacional que en 2010 orixinou un fenomenal escándalo ao rexeitar o Premio Nacional de Artes Plásticas. Para loitar contra ese esquecemento programado polos gardiáns do sistema, nos damos o feliz incomodo de reproducir os treitos chave  da entrevista secuestrada a partires da primeira pregunta que dá pé ao talentoso axuste de contas do artista.

Sierra argumentou entón a súa renuncia nun telegrama (O Estado son vostedes e os seus amigos) á ministra Ángeles González-Sinde: non quería servir a un Estado criminal. Nesa liña ía o declarado ao xornal do Grupo Prisa. Con todo, surrealistamente, o medio fixo desaparecer do seu arquivo dixital a entrevista, polo que hoxe é case imposibel recuperala. Pasou á clandestinidade e con ela a lucidez con que Sierra expón o seu ideal libertario.

Aquí deito todo o que Sierra dixo a El País eliminou do seu disco duro para abortar a súa circulación, creando un novo xénero xornalístico: a censura por arrepentimento; que é como tentar queimar na fogueira ao artista herexe, a súa obra e o seu pensamento. Pura dinamita cerebral.


 

EP.-Na súa opinión, cales son os asuntos máis preocupantes ou indignantes do que sucede actualmente no plano político e social en España?
-O outro día lin unhas declaracións de Gallardón afirmando que gobernar é repartir dor, e niso leva toda a razón; ou administrar a Morte, como dicía con maior audacia Agustín García Calvo. Os partidos políticos son en todo o mundo, e aquí tamén, organizacións criminais cuxos esforzos van destinados a meter man na caixa común e repartirse o botín do público entre os seus amancebados, xefes e familiares. Nen dereita nien esquerda. Aquí a única direción notábel é acima e abaixo, eles arriba e os demais abaixo, obvio. Os partidos políticos pertencen á banca, que é quen os financia, do mesmo xeito que os sindicatos maioritarios pertencen ao Estado, que é quen os financia. A corrupción non é unha anécdota, a corrupción é o Réxime e a extorsión, o seu método. O Estado é un corpo parasitario e o seu obxectivo nunca será o ben común mas o privado, o benestar de clase, da súa clase. En España temos unha Administración colonial que fan o que lle digan fose a cambio de impunidade nos seus desfalcos. España pertence activamente á maior organización terrorista da historia do planeta: a OTAN, principal sospeitosa dos atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid, entre moitas desgrazas. España é unha monarquía pola graza do Pentágono; a quen o que lles importa é a estabilidade das súas bases militares. É súbdita da Unión Europea, unha auténtica cova de piratas, desde onde un día se ordena desmantelar a industria para contentar aos industriais do Norte; outro, desmontar a agricultura para contentar á agroindustria da Franza; ou, como vemos ultimamente, acirrar o roubo a canadas sobre a poboación peninsular. A Unión Europea quérenos como camareiros e albaneis coa ciencia prohibida e a cultura de xeonllos, sen universidades; brutos, pobres e doentes. Este é un país de asasinos e de asasinados, coas cunetas cheas de esquecidos e as rúas cheas de intocábeiss. Aquí entérrase aos fascistas con gaiteiros e celébranse as matanzas do Novo Mundo e, cando non, divírtense matando bestas os domingos. Logo está a mafia de Roma, que entende a sodomía como un método pedagóxico perfectamente aceptado; os señoritos, a clase dos peixes gordos, o fútbol, os media, etcétera. Un maldito desastre. É a apoteose dos cretins. Mas o que realmente é preocupante é a obediencia. Este é o maior problema que temos, a obediencia e a candura.
-O traballo non é necesario. E o que estou a dicir é iso: o traballo sempre é explotación. É necesario fuxir dos imaxinarios que dignifican ao traballador sen cuestionarse a natureza do traballo. Se á moralidade burguesa lle incomoda o que fago, poden irse á ópera, que aínda hai entradas. Alí non verán pobres. Eu non son propietario de cadeas de confección de roupa barata con crianzas explotadas en países exóticos, tampouco vendo masivamente produtos tóxicos ou engano as vellas para roubarlles os aforros da súa vida, como fai a xente fina deste país. Gostaríame ver un día preguntas dese cariz dirixidas aos grandes peixes gordos. Desde a miña posición como artista, fago accións puntuais, sempre dentro da legalidade, porque non son o dono dun banco ou unha momia do Antigo Réxime. Sei o que é traballar e non gosto nada, así que van con todos os meus cumprimentos. Se para falar co sistema hai que ser un homeless, non poderiamos falar e só nos quedaría aplaudir desde a bancada.
-É un feito obxectivo (que ” O traballo é a ditadura”, título da súa exposición). A cuestión xa non é  se ao traballador se lle paga ou non con xustiza. Aínda que for pagado  “con xustiza”,  non está aí polo traballo,  mas polo diñeiro. Roubáronlle o tempo, o seu corpo e a súa intelixencia en beneficio doutro, non o seu. Non é o dono da súa vida, a súa vida é traballo. Como chamamos a iso? O traballo non nos fai libres. Non podemos estar de acordo coa máxima con que os nazis recibían aos seus escravos en Auschwitz (Arbeit macht frei). Tampouco dignifica. A dignidade do home non provén do traballo. Outra cousa é que non teñamos máis remedio que facelo, mas iso é para regalarlle a vida ás elites, non en beneficio público, nen individual. Tampouco nos fai especialmente felices.
-Porque a democracia é a outra faciana do fascismo, a democracia é apenas unha estafa, escóllese o ditador. E falamos deste e non daqueloutro  fascismo (o do “caudillo”). Fronte ao fascismo de Franco hai consenso fóra das covas franquistas, e por tanto dámolo por aceptado. En España está a lanzarse a xente á rúa manu militari. É coma se tivésemos unha treboada tropical permanente que destrúe casas a diario e deixa á xente na rúa, coa diferenza de que en calquera illa do Caribe a solidariedade actúa e organízanse tendas de campaña, hospitais, axuda internacional, etcétera. Os suicidios constantes siléncianse. E a xente que perdeu o ollo dun balazo de goma ou que foi torturada para ver logo os seus torturadores absoltos, ou as crianzas sen calefacción, nen papel hixiénico, que levaron unha malleira dos “defensores” da orde en Valencia por protestar. Puro fascismo. Os fascistas non adoitan parecerse a Hitler, son máis ben de gravata e bo corte de traxe, e usan carné de partido, de calquera partido, porque todo é un teatriño de quinta categoría. Non precisamos que nos gobernen, nen que tipos con pistola controlen as rúas, nen cimeiras  de ladróns, nen exércitos de persoas treinadas a quen só podemos desexarmos ver libres. Non os precisamos: todo o que puido avanzar a sociedade foi a pesar dos Encargados (título doutra exposición), non grazas a eles. Eles son os que en nome dos seus xefes privan á humanidade do progreso. Todos sabemos quen foi Franco, un asasino de masas, un sádico, unha grande desgraza. Outro Encargado. O chocante é que hoxe exista unha Fundación Francisco Franco dicíndonos os temas que non podemos tratar. O caso Always Franco, de Eugenio Merino, denunciado por esa fundación por faltas á honra, é coma se a Fundación Adolf Hitler denunciase a Mauricio Cattelan por faltas á honra. Delirante mas real. O de Franco merece un capítulo aparte, el e os seus franconsteins. Nos Encargados falamos dun fascismo ás agachadas, da grande estafa da democracia. Franco deixou todo atado e ben atado. Franco e a CIA.
-Liberdade é unha palabra roubada e lixada polas elites. Se alguén declarar ir procurar a liberdade algures, xa sabemos ao que vai: a roubar. Liberdade é un concepto que debe ser recuperado, porque define algo inexistente que urxe repensar. Ten difícil resgate, aind que merece a pena tentalo.


“O Estado son vostedes e os seus amigos” (Carta en resposta ao premio)

Estimada señora González-Sinde,
Agradezo moito á profesionais da arte que me lembrasen e avaliasen no modo en que o fixeron. No entanto, e segundo a miña opinión, os premios concédense a quen realizou un servizo, por exemplo a un empregado do mes.
É o meu desexo manifestar neste intre que a arte me outorgou unha liberdade á que non estou disposto a renunciar. Consecuentemente, o meu sentido común obrígame a rexeitar este premio. Este premio instrumentaliza en beneficio do estado o prestixio do premiado. Un estado que pide a berros lexitimación ante un desacato sobre o mandato de traballar polo ben común sen importar que partido ocupe o posto. Un estado que participa en guerras dementes aliñado cun imperio criminal. Un estado que doa alegremente o diñeiro común á banca. Un estado empeñado no desmonte do estado de benestar en beneficio dunha minoría internacional e local.
O estado non somos todos. O estado son vostedes e os seus amigos. Por tanto, non me conten entre eles, porque son un artista serio. Non señores, Non, Global Tour.

Saúde e liberdade!

Santiago Sierra

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off