off
Galiza, Língua, Normalización lingüística, Teatro — 13 Febreiro, 2018 at 7:32 p.m.

O programa “Lingua á Escena” da Deputación anima os concellos a programar espectáculos que promoven o uso do galego

by

Os concellos poderán solicitar até o vindeiro 20 de febreiro os espectáculos da Rede Cultural da Deputación da Cultura que se inclúen nesta edición dentro do programa “Lingua á Escena” destinado a promover o uso do galego.


Desde a Deputación da Coruña animan os concellos a ofrecer na súa programación os trece espectáculos do catálogo deste novo programa.

“Lingua á escena” é unha das novidades da Rede Cultural que neste ano 2018 conta cun orzamento que supera os dous millóns de euros. OS concellos teñen desde o 7 até o 20 de febreiro para se sumar aos distintos programas do circuíto cultural da Deputación da Coruña que, por vez primeira, ofrece un catálogo de propostas que teñen como obxectivo prioritario a normalización da lingua galega desde propostas culturais.

“Desde a área de Normalización Lingüística e Cultura queremos animar os concellos a solicitar os espectáculos de “Lingua á escena”, unha iniciativa que quere contribuír á dinamización da nosa lingua desde propostas culturais que van máis alá de se expresaren en galego. Quixemos que o tema central sexa precisamente a promoción da nosa lingua e a eliminación de prexuízos, que tanta falta fai”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

Entre os proxectos teatrais do programa, que é protagonista da maior parte das propostas, “Falar por Falar” de Tintimán Audiovisual, levará ata os escenarios un relato autobiográfico no que un actor nado no medio rural e un dramaturgo de orixe urbana confrontan as súas visión arredor da lingua galega. Carlos Santiago e Pepe Penabade desafían a realidade actual da nosa lingua nunha viaxe libre, sen prexuízos e sen idealizacións.

Co espectáculo de humor “Falar sen Cancelas” de Culturactiva SCG, os cómicos Pedro Brandariz, Fran Rei e Isabel Risco, achégannos unha aloucada comedia onde os seus protagonistas son vítimas dun virus que lles impide falar en galego en público. Dirixida por Diego Rey, a retranca, as improvisacións e as continúas cómicas reflexións sobre a galeguidade son os ingredientes principais desta obra onde as gargalladas están aseguradas.

A perda da fala tamén é o argumento de “Un bico para Alí” ( Fabaloba), quen presenta unha peza na que a nena Alí perde a capacidade de falar na nosa lingua. Non obstante, e grazas aos xogos, as historias e as cancións dos seus compañeiros, voltará a encher o seu saco de palabras e recuperar o tesouro perdido. Así mesmo, Luís Prego e Fabaloba únense para levar a cabo ” A casa encantada de Alí”, unha representación contada, cantada e pintada, que achega un xeito didáctico aos nenos e as nenas unha grande cantidade de recursos cos que aproximarse á lingua.

Tamén por partida dobre, a compañía teatral Talía bota man da comedia para abordar as distintas posicións existentes respecto da lingua galega con “Bicos con Lingua” e “Pelos na Lingua”. Dúas interpretacións destinadas a todo os públicos (galegofalantes, non galegofalantes, defensores do inglés como lingua universal…), nas que o humor actuará de fío condutor para subministrar un enfoque divertido e diferente sobre os usos e abusos do galego.

Destinada ao público infantil, “As aventuras de Gale” de Celtia Figueiras somerxe os máis pequenos nunha historia chea de aventuras e desventuras nos que se proxecta a grande riqueza que supón contar con música, poemas e libros en galego.

Pola súa parte, a compañía Quinquilláns Teatro presenta “Language Planning”, unha representación onde os conflitos que rodean ao ámbito lingüístico son enfrontados dende a ironía e o disparate, para acadar a supervivencia da lingua.

Malia o destacado peso que ten o teatro nas propostas de Lingua á Escena’2018, a poesía e a música tamén terá presenza nesta edición coa participación do dúo Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado). Ambas as dúas poetas desenvolven o espectáculo “Cría fame e bótate a correr”, onde a lírica é empregada como elemento dinamizador da lingua na procura de favorecer a vivencia positiva do noso idioma propio

O novo programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña contempla tamén un espectáculo de Ilusionismo con “Lingua do País” e “Laretando nas Lareiras” do mago Martín Camiña xunto con Fani Triana no segundo. Trátase de dous espectáculos máxico-lingüísticos, en que mesmo lle piden explicacións a Google pola utilización dos topónimos deturpados e enfeitizan ao público con asombrosas ilusión con cartas, cordas ou efectos de mentalismo.

Sen saír do mundo da prestidixitación, o mago Richard presenta “Memoria dun mago galego”. Unha función baseada na historia real deste mago, que por medio da ilusión vai describindo a súa evolución no emprego da lingua galega, para rematar falando das vantaxes que esta ten.

Outras da actividades culturais integradas nesta primeira edición de Lingua á Escena é “Música e lingua, repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nel” do grupo decano do Rock Galego, Zenzar. Dividida en dúas partes, esta iniciativa aborda en por medio dunha video-charla ao rock galego como elemento dinamizador da lingua na nosa cultura ao tempo que presenta unha análise do papel musical das mulleres no eido musical galego. A segunda das actividades programadas será un concerto de Zenzar na que se poderán escoitar algún das pezas dunha formación que leva 30 anos no panorama musical galego.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off