off

1968-1978-2018

por

Non falta simbolismo neste 2018, precisamente ao cumprirse cincoenta anos de Maio do 68, que a clase política española se preste a conmemorar ao grande o corenta aniversario de algo que ben podería ser considerado o seu antónimo: o Réxime do 78. Que na prática significava cortar toda a esperanza de recuperar as tradicións democráticas da España republicana a custa da restauración monárquica, unha tipoloxia política localizada nos antípodas do espírito daquela revolta popular xubilosa e transfronteiriza.
A política do momento arrola entre estas dúas cifras: sesenta e oito versus setenta e oito. Dez anos de diferenza que separan unha xeración bifronte. A que acadaba a maioría de idade legal e política coincidindo coa explosión libertaria parisiense, e a de quen alumou á cidadanía durante o referendo constitucional que puña fin á xeira da ditadura. Episodios os dous que podían ser ou non ser compartillados polos mesmos protagonistas. O un e o outro, con todo, asisten mexidos e xuntos neste 2018 á celebración da aprobación da Carta Magna. En realidade, e ben ollado, trátase dunha significativa minoría. Intégrana todos aqueles que hoxe teñan máis de 58 anos, e sempre que a parca os respeitara. Unha estatística que, no seu invés, cuestiona a lexitimidade dunha Constitución que hoxe goberna maioritariamente á poboación sen reflectir o seu necesario consentimento en medida e proporción suficiente.
Mas non é este o único paradoxo a visar. Abala tanto como aparenta a perenidade dun Réxime do 78 que, despois da crise económica provocada desde o poder financeiro, a grande recesión aplicada sobre os traballadores como consecuencia, o contundente movemento de protesta do 15-M que a enfrontou, e a entrada no sistema de novas forzas políticas que pretendían superalo, aínda asistamos con todas as honras ao seu botafumeiro. Porque iso e non outra cousa supon o ruxe-ruxe sobre a reforma ou modernización da Constitución para inaugurar unha Segunda Transición. Ao cumprirse medio século daquel 68, comprobamos decepcionados que mais unha vez sob o empedrado non está a praia. Begin the begin.
De feito, todos os partidos políticos, emerxentes e emerxidos, pertencen de facto e de iure ao Réxime do 78 e acatan as súas regras de xogo,  que queiran, que non. Mesmo aqueles que desde as troneiras de Catalunya pretendían acabar co seu dominio absoluto iniciando o camiño de saída, están hoxe ás súas ordes. Porque a aplicación in extremis do artigo 155 desa coitada Constitución os tornou firmes. A mudanza é que non haberá mudanza. A rotura, que haberá continuísmo. A promesa de proceso constituínte, que a excepción sempre confirma a regra. O que haxa de vir virá de brazo dado  daqueles que dominaron a andrómena nestas últimas catro décadas. Atado e ben atado.
Porén para que todo permaneza o mesmo no fundamental é preciso que algo mude  no doutrinal. De aí esas negociacións para “reformar e modernizar o modelo territorial” que na súa neolinguaxe e posverdade lembra a aquela Lei de Harmonización das Comunidades Autónomas (LOAPA) que abrollou doutro estado de excepción, o 23-F dos tricornios e a trama civil nunca desvelada. Divinas palabras para dar un mellor tratamento financeiro ao levantadizo Principado que permita recrutar para a casa común aos sectores nacionalistas máis conservadores tras o seu fracaso separatista. Seguramente na liña do Concerto-Cota que ostenta o País Basco en recoñecemento dos seus “dereitos históricos”. Con eles na chousa o mapa das autonomías transitaría a dúas velocidades: por unha banda, o minoritario modelo privilexiado basco-catalá, e por outra, os outros en maioría. Todo iso á conta dos artigos 14 e 138 da C.E. que prescriben a igualdade de todos os españois ante a lei. Cun colofón chocante. O Partido Nacionalista Basco (PNB), hexemónico en Euskadi, foi, de entre todos os partidos principais, o único que non tivo representación permanente na comisión constitucional, e o único tamén que fixo campaña a favor da abstención no referendo de ratificación.

Ainsa que xa sabemos que quen fai a lei fai a trampa. E ambas as duas cousas son patrimonio case exclusivo dos 17 gobernos autonómicos e as súas respectivas confrarías que reteñen o poder nesas latitudes. A inmensa maioría, segundo indican os balanzos fiscais, achega máis á caixa do Estado do que recibe polos seus servizos. Non como no País Basco, que é receptor neto de recursos debido ao seu especial posicionamento (formato ao que arela xuntarse a Catalunya do seny). Mas todos fixeron das comunidades un feudo para blindar os seus intereses partidistas, nunha singular e egocéntrica combinación do todo e as partes. Por iso, o conxunto das autonomías por regra xeral remuneran aos seus funcionarios con salarios moi superiores aos que rexen na Administración Xeral do Estado (AGE). Fenda retributiva que nalgúns casos superan os 22.000 euros por persoa/ano. A fidelidade do aparello burocrático, tanto no partido como no goberno, é un aval esencial para o asegurar o control sobre o territorio e a súa poboación. Por iso, a nómina clientelar desas demarcacións non deixa de medrar. En 2016 o seu montante supuña o 60% do conxunto, con 1,7 millóns de persoas, fronte ao 19% da AGE (o resto corresponde ao tecido local).
De aí o efecto bumerán do procés, volvendo ao momento de partida. Nen política nen socialmente se anuncia algo novo. O mesmo modelo produtivo tóxico sometido ás regras do capitalismo voraz, que utiliza o fetichismo do posto de traballo como escusa para a súa acción depredadora. Expúxoo o ministro Álvaro Nadal para xustificar as enerxías contaminantes: “a miña prioridade é crear emprego por diante do medio ambiente” (El País, 27/11/2017). Por suposto, nen o seu colega de Sanidade nen a de Traballo, atallou esas declaracións que parecen inspiradas no dito polo gran escritor norteamericano Upton Sinclair: “Non é fácil conseguir que alguén entenda algo, cando o seu salario depende de que non o entenda”.
O mesmo modelo de consenso abrasivo en que se baseou o continuísmo da ditadura á democracia. Pasma escoitar aos antigos antisistema de Ada Colau ou Iglesias afirmar que eles queren acabar coa política de blocos mediante unha especie de terceira vía concordante. Quero dicer, que ao final aqueles aguerridos activistas sociais descubriron que facer política supón acomodarse algún dos protagonistas históricos da Transición e do Austericidio, o duopolio dinástico imperante, no canto de arriscarse por un vieiro diferente que deixe atrás os herdos inmobilistas. En resumo, pouco disenso, escasa disidencia e ningunha oposición que realmente se opoña. É o que hai. A irresistibel erótica do poder non deixa boneco con cabeza.

 (Nota. Este artigo publicouse no blogue El Salto)

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: