off
Europa, Galiza, Politica internacional — 7 Febreiro, 2018 at 6:07 p.m.

Ana Miranda tomará posesión do seu escano como eurodeputada o 28 de febreiro dentro do grupo Verdes-ALE

by

Ana Miranda releva a Josu Juaristi dentro da coligazón Os Pobos Deciden o 28 de febreiro e representará o BNG na Eurocámara até maio de 2019, cando remate a lexislatura. Malia non contar con escano na Eurocámara, a representante do BNG en Bruxelas veu desenvolvendo un intenso traballo político nos últimos anos, coa presentación de iniciativas a través de representantes da coligazón.


A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, recollerá mañá no Congreso dos Deputados as súas credenciais para tomar posesión do escano no Parlamento Europeo, acto que terá lugar no plenario do próximo 28 de febreiro. Miranda tomará substitución de Josu Juaristi dentro da coalición ‘Os pobos deciden’ coa que a formación nacionalista galega concorreu ás eleccións europeas. . O BNG lembra, nun comunicado  que Miranda xa viña desenvolvendo un intenso traballo político no Parlamento europeo en defensa dos intereses de Galiza, coa presentación constante de iniciativas a través da representación da coalición. A modo de exemplo, a batalla ganada para que o sector do xeito non fose incluído na prohibición de redes de arrastre, -dada a súa condición de pesca artesanal-.

Asemade, o informe emitido pola Comisión Europea en relación ao sinistro do Alvia reclamando do Estado español unha investigación independente da traxedia, froito das xestións do BNG quen, acompañando as vítimas, non cesou no empeño de que Bruxelas tomase cartas no asunto para esclarecer a verdade, esixir responsabilidades políticas e resarcir ás vítimas. Tamén iniciativas en relación a vaga de lumes ou denunciando a persistencia do espolio do patrimonio do pobo galego por parte dos herdeiros do franquismo, ou a exclusión de Galiza de infraestruturas básicas como o corredor atlántico de mercadorías, entre outros asuntos. En 2014 reuníase con Agustín Pérez patrón maior de Cedeira para tratar  das cotas e descartes, da problemática da xarda, da frota cefalopodeira e do debalo nas condicións de traballo na pesca de baixura

A eurodepuda Ana Miranda nunha reunión co Patrón Maior de Cedeira na Casa do Mar, 2014
A eurodepuda Ana Miranda nunha reunión co Patrón Maior de Cedeira na Casa do Mar, 2014

No comunicado, o BNG pon de manifesto  que a toma oficial do escano permitirá reforzar a capacidade de actuación política do Bloque para sacar adiante as cuestións que afectan ao país, en particular as vinculadas aos sectores produtivos estratéxicos como pesca ou agricultura, moi dependentes do que marca Bruxelas, en materia de  medioambiente, co saneamento integral das rías aínda pendente, a cuestión de ENCE, a eucaliptización do país, ou a ampliación da Rede natura en Galiza.

Aliás, o BNG sinala que fará fronte “aos tratados comerciais neoliberais” e que reivindicará “a posición de Galiza como nación sen Estado”. Tamén denunciará “a involución democrática no Estado español co recorte de liberdades que supón a chamada Lei mordaza”. E todo, engade a formación nacionalista, “sen perder de vista a solidariedade con outros pobos do mundo e reivindicando unha política de asilo e acollida de refuxiadas e refuxiados digna de tal nome”.

 

 

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off