off

O procés reprocesado e cóntame como pasou

by
"O importante non é a verdade, senón o que se conta 
como verdade que, por regra xeral, é mentira."
 (Ana Rosa Quintana)

 

Estocada ao procés?, Ao final da escapada?, estes e outros semellantes foron os titulares e editoriais da prensa sobre o “desafío catalán” ao día seguinte de que eses mesmos diarios rendesen portadas e reportaxes especiais ao cincuenta aniversarios de Filipe V e a imposición do Toisón de Ouro á súa filla Leonor. Un beixamans real que causaría bochorno a calquera persoa cun mínimo de pudor e sentido do ridículo. Porque unha das chaves do panorama informativo español consiste en desprezar o importante e transcender o anecdótico.
Deformación que se acaba de escenificar en dúas recentes secuencias recollidas polos medios de comunicación en perfeita sincronía. Pola primeira soubemos que desde o Goberno presionouse aos membros do Tribunal Constitucional para que este organismo resultase favorable ao recurso de amparo que solicitaba a suspensión do pleno de investidura do Parlament. Un auténtico bombazo que en países con maior sensibilidade democrática provocaría a inmediata reprobación do Executivo e probablemente a apertura dunha investigación xudicial para o seu esclarecemento e rendición de contas. Pero aquí foi visto e non visto. Proba de que a corrupción política está tan normalizada en España que apenas crea alarma social.
A segunda, pola contra, mereceu honras de gran exclusiva xornalística e deu para abrir telexornais, monopolizar faladoiros e acaparar debates durante xornadas. Trátase da captura dunhas mensaxes de Carles Puigdemont nos que o ex president mostraba a súa consternación polo adiamento da sesión de investidura. Os textos foran captados do teléfono móbil do deputado Toni Comín por un cámara de televisión desprazado por Telecinco a Bruxelas. O que se chama estar no lugar preciso no momento adecuado. Algo enormemente meritorio mesmo para os espías máis habelenciosos nestas lides, que adoitan comparecer nas contornas onde borboriñan conflitos de Estado. Por iso resulta totalmente lóxico que o programa de Ana Rosa Quintana lanzase as campás ao voo ao difundir os wasap que evidenciaban a fraqueza do “bolxevique do procés”.
Outro suceso do xornalismo de investigación vernáculo? Claro que desta vez, o impacto foi o contrario do producido pola manifesta intromisión no Constitucional. Mentres a afronta contra a división de poderes por parte do goberno era practicamente ignorada pola opinión publicada, o deliberado asexo no smartphone do representante eleito e a súa divulgación con valor nos medios convertíase na noticia do ano. O evanxélico denunciar  palla no meu e viga no teu. Porque o certo e verdade é que a interceptación furtiva desas mensaxes privadas está tipificada no actual Código Penal, artigo 197, con penas de un a catro anos de cárcere. E os que afirman que neste caso prima o dereito á información ou xustifican a xustiza que agrada ao príncipe? ou asumen unha versión low cost daquel galáctico  Estado de dereito tamén se defende nos sumidoiros?.
Mágoa porque cando a corrupción dun réxime tórnase metástase e contamínao todo, a única esperanza de rexeneración debruza na xudicatura (véxase o arquivo da Operación Piñata sobre un presunto caso de “terrorismo anarquista”). De aí a dispar complexidade de ambos os acontecementos. Sobre todo tendo en conta que existe unha liña da sombra entre os tipos máis habituais de investigación: a xornalística e a policial. Que en ocasións, por razón de Estado, poden retroalimentarse. Quid pro quo (dou para que me deas). De feito, o xornalista de investigación máis premiado do país é un informador con dupla personalidade, tanto no profesional como no concernente á súa identidade. Co apelido Cervero figurou como membro dos Servizos Secretos da Garda Civil e co de Mendoza no seu rol de intrépido xornalista. A explicación é que o sarxento Cervero, tras ser inicialmente expulsado do instituto armado, fixo fulgurante carreira nos medios (contribuíu a desenmascarar a Luís Roldán) para máis tarde, xa coas máximas honras da profesión, reincorporarse ao corpo co rango de subtenente e o cargo de xefe de grupo da súa policía xudicial.

E aínda que moi posiblemente o referido “scoop” fose máis froito máis do azar que da necesidade, non deixa de admirar a cantidade e calidade de exclusivas do moi reservado ámbito policial-xudicial con que a multimillonaria presentadora (até edita unha revista coa seu acrónimo: AR) adoita adobar o seu popular (e ao seu nivel influente) programa de actualidade nas mañás de T5. Evidentemente o mérito perténcelle en exclusiva a Ana Rosa Quintana. Non só porque, dada a súa boa relación co cerebro da chamada policía patriótica (o axente encuberto que nun escrito dirixido ao xuíz admitía contar con colaboradores nos medios) coñeza á perfección os intríngulis das técnicas de investigación, senón porque ela mesma protagonizou un deses casos que deixan coa boca aberta ao persoal. Foi no ano 2000, cando publicou unha novela co título de “Sabor a hiel”. Un auténtico best-seller que, tras achegarlle bastantes millóns e coa enormidade de máis de 100.000 exemplares vendidos, Planeta tivo que retirar ás presas do mercado ao descubrirse que a estrela do xornalismo televisivo plaxiara por xunto a varias escritoras famosas, entre outros Angel Mastretta. Con grande desembarazo, Ana Rosa tornábase por dereito próprio en pioneira da posverdade, en perfecta coherencia co por ela sincerado nun deses cambalachos chamados Cursos de Verán ao recoñecer que “o importante non é a verdade mas o que se conta como verdade, que por regra xeral é mentira”. Descartemos, entón, a teoría da conspiración mas tamén que sexan “Os papeis do Pentágono”.
Todo isto serían brincadeiras e ocorrencias de pouca sonada dignas de paparazzis e influencers do tres ao cuarto de non ser porque o que está en cuestión son valores democráticos fundamentais. O vello dilema do fin e os medios. E non houber indicios serios de que beiran a legalidade por parte daqueles que precisamente teñen a misión de seren os seus principais valedores. Algo que semella un guadiana ao largo da instrución político-xudicial rachando o procés. Un reprocesamento que parece orientado sobre todo a atopar rastros de violencia que faciliten ao tribunal xustificar medidas tan excepcionais como a prisión provisional e, chegado o caso, botar man do previsto no artigo 384 bis da vixente Lei de Enxuizamento Criminal co propósito de inhabilitar aos procesados con só ditar auto de procesamento. A crear ese clima belicista parecen contribuír informacións de parte tipo “a Garda Civil conclúe que o Govern deseñou un Exército para defenderse de España”. A por ellos?
Mas algo debe ficar claro, se por trapos ou por farrapos, ocorrera esa contaminación dolosa sobre unha mobilización popular que en todo momento caracterizouse por producirse pacífica e cívicamente, poderiamos argumentar que “Franco voltou”. Porque precisamente esa implícita vulneración da presunción de inocencia é ao que instaba o artigo 214 do Código Penal da ditadura na súa tipificación do delito de rebelión ao permitir tal medida punitiva sen que constase exercicio de “violencia”. Di o artigo 472 do C.P da democracia: “Son reos do delito de rebelión os que se alzasen violenta e publicamente para calquera dos fins seguintes”. Dicía o artigo 214 do C.P. da ditadura: “Son reos do delito de rebelión os que se alzaren publicamente e en aberta hostilidade contra o Goberno para calquera dos obxectos seguintes”. A violencia do Estado franquista non precisaba a escusa da lexítima defensa.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off