off
Movementos sociais, Opinião, Política — 2 Febreiro, 2018 at 12:44 p.m.

O legalismo ideolóxico como fracaso da democracia española

by
"Un home  que non se ocupa de política non debe ser 
considerado un cidadá pacífico, mas un cidadá inútil"
(palabras que Tucídides pón en boca de Pericles)

“O problema de Catalunya é eminentmente político e non se arranxará co Aranzadi na mao”
(Herrero de Miñón)

"Ser catalá ainda non está prohibido" 
(Joan Gaspar)

Hai tempo que veño mantendo a tese de que o “legalismo ideolóxico” é o máis claro síntoma de fracaso da democracia española, do colapso e  crise dun bipartidismo centrista e mórbido e da sua deriva cara formas explícitas de autoritarismo pósdemocrático ou  de comportamentos fascistizantes  nun goberno que foi democráticamente eleito. Un legalismo exacerbado nos gobernos encabezados polo conservador Mariano Rajoy, que limitou a súa acción a facer cumprir a lei e a Constitución, ainda que a doenza vén de lonxe o que leva a cuestionar se é síntoma e expresión secundaria ou mais ben o miolo do asunto. Se o legalismo é síntoma,  o problema subxacente é a fasquía dos seus materiais constructivos – as bases xurídico políticas alicerzan nas das cortes franquistas-  e que eclosionou mais unha vez a semana pasada na chamada da ministra Saez de Santamaria (ou foi Rajoy?) ao Tribunal Constitucional e a posterior extralimitación de funcions do alto tribunal. Quer por vontade de intimidación, quer por fraqueza ou incapacidade, o legalismo substánciase en dispositivos como “lei mordaza” mais tamén na deshumanización do adversario con tipificacións  ad hoc e, nomeadamente, na transferencia aos xulgados da resolución de problemas propios dos  debate sociopolítico. Obviamente, unha transferencia de responsabilidades do executivo ao xudicial que viola a separación de poderes acaba por o asulagar todo, degradando  xustiza e política. “Convocáronse  eleiciónss para que gañe o constitucionalismo“, afirmaba Cospedal, ministra de Defensa, o 5 de decembro. Non é normal que ainda onte o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, vaticinaba e ‘El País’ avanzaba que os deputados presos e os que están na Bélxica serán inhabilitados antes do xuizo. Pola sua banda, Pérez de los Cobos  (o mesmo que se apresentou voluntario o 23-F de 1981) seica avisou ao conseller Forn que o 1-O o cumprimento da lei  estaba “acima da coexistencia cidadá”. Quer dicer, o panlegalismo vai simplificado as cousas : ainda no suposto que Puigdemont fose investido, ficaría inhabilitado de aquí a dous meses xunto a Junqueras, Rull, Turull, Comín, Ponsatí,  Serret e Puig. Porén, a inhabilitación é unha figura cuxa natureza xurídica fica en evidencia perante o acolchado nacional-popular de dous millóns de cataláns (47%). Por moito que  se atribua Soraya o teren “descabezado o independentismo.

Un informe de The Economics e o xornal Le Monde vén de rebaixar o estatus democrático do estado español. Segundo o diario francés Le Monde, que reflicte as conclusións do relatório anual dun influente grupo de reflexión británico, a crise catalá poderia custarlle a España o seu status de “democracia plena”. Poderia ser rebaixada a categoria de “democracia defeituosa”  (“flawed“) por causa da manipulación da crise catalá, de acordo co relatório anual no ranking “The Economist Intelligence Unit” (EIU), citado como exemplo no Fórum de Davos por Filipe VI para defender a forza da democracia española (mas iso era no relatorio de 2016). No de 2017, España podería pasar “democracia plena” a “democracia defeituosa” por mor do “trato represivo” e “negar un voto democrático” na Cataluña.

O índice EIU está baseado en cinco eixos: procesos eleitorais e pluralismo, liberdades civís, funcionamento estatal, participación política e cultura política. Dependendo da súa clasificación, os países clasifícanse como “democracia plena”, “democracia imperfecta”, “réxime híbrido” ou “réxime autoritario”. Noruega está clasificada como a máis alta mentres que a Corea do Norte atópase na parte inferior das clasificacións. Que sexan principalmente os pesquisadores dos paises protestantes que fan este tipo de traballo normativo de base esencialista e que  acaden os mellores resultados é en si próprio revelador do consenso neoliberal no que mergullamos mas tamén do diferente calado da cultura democrática nos paises da UE e mesmo sinal dunha mínima ainda que esencial ética social capaz de avanzar alomenos un paso alén do formalismo legalista das prácticas hexemónicas.

Repárese porén que para a o think thank EIU, ese devalo español débese á tentativa do goberno de Madrid de “impedir pola forza o referendo ilegal sobre a independencia da Cataluña o 1 de outubro e seu tratamento represivo sobre figuras políticas independentistas”. A España pode xuntarse, en 2018, ás fileiras das “democracias defeituosas” (pontuación entre 6 e 8). O informe tamén denuncia os cargos de “rebelión” e “sedición” contra líderes separatistas, catro dos cales aínda están en prisión preventiva, e considera que  o trato represivo “nunha democracia moderna, ver que os funcionarios eleitos son procesados ​​por acusacións  que parecen arcaicas (…) non semella ser o  máis acaido  para  clasificar España como unha democracia plena. Ao que habería que engadir : E como é que se un candidato se puido apresentar e a xente o votou, agora seica non pode ser presidente? Cando un parlamento é obrigado a tomar decisións alleas á súa vontade , podemos seguir a falar de democracia parlamentar? 

Cando Sáenz de Santamaría emprega expresións como “restablecer a democracia na Cataluña” , que é o que está a dicir? A legalidade vixente do artigo 155 da CE? Refírese talvez á unidade do Estado español? De todo iso pódese e deberíase falar. Porén, en ningún caso o que na súa afirmación está en causa é a democracia. Quer dicer,  Soraya Saez de Santamaría, exhibe a vontade de “restablecer a democracia na Cataluña” persuadida de que a verdadeira democracia está do seu lado mália pertencer a un goberno que interviu desde os despachos as competencias de outro. A visibel erosión do concepto – tanxibel tamén na reacción dos estados europeos- leva a preguntarmos que é entón a democracia, o que é unha “democracia plena”, grave cuestión que fica lonxe do alcance deste artigo mas tentarei deixar algunhas pinceladas. 

A crítica do modelo democrático herdado da Transición do 78 dase en plena emerxencia da crise financieira, o resgate bancario  e a visibilización do alcance sistémico da corrupción. Acho que para comprendermos ben a natureza do Procés catalá, debe ser debullado sob a demanda democrática, o ideal democrático que informa tanto o soberanismo cuanto o unionismo. O que nos leva perante o intanxibel demos, o suxeito político de quen procede o poder. Por tanto, alén da forma da democracia, o que o demos exclue é a trascendencia. Quer dicer, o pobo ten de se recoñecer a si mesmo como suxeito e como autor.  Cando Eurípides pregunta como é posibel que o demos que non asisa nen razona  leve a bo porto a polis  xa apunta o risco que  mina todas as democracia modernas. Montesquieu define a democracia precisamente como un rexime onde non abondan nen o imperio da lei nen a forza, xa que precisa máis un elo, que é o da virtude (a súa libre adesión ás leis). O relevante aquí non é competencia mas que o pobo se recoñeza ao recoñecerse como soberano. De aí que na tipoloxía do ranquing da EUI fique claro que no ideal de democracia plena, a máis rexime, menos democracia. Porque a capacidade do pobo para asumir os seus atributos non pode predefinirse nunha doutrina nen nas leis nen pode reducirse ao hemiciclo. A democracia prodúcese alí onde o pobo produce condicións desa afirmación. A democracia moderna atopa así a súa figura máis acaida na resistencia e nas prácticas e discursos de mobilización e de ruptura real coa lóxica esencialista da democracia. A política en democracia non pode ser portanto un automatismo, a dun demócrata supostamente capaz de axir democráticamente. Non hai nada automático. A estructura das fábricas e o aparato xurídico non levan automáticamente á emancipación nen á unha radicalizacion democrática. Hai vida democrática alén da representación política. Cómpre termos presente que todo o que representa conecta co representado, mas tamén o  afasta. En rigor, porque o esencialismo democrático, cuxa deriva máis problemática é o legalismo exacerbado, acha que a democracia é o valor fundamental e que o resto das demandas (feministas, igualdade de oportunidades económicas e sociais, e de minorías, etc) serían decisións posteriores que se derivarían. De aí que Saez de Santamaria eluda que o risco inherente ao que denomina  “restablecer a democracia na Cataluña” – a “democracia real” na súa acepción fundamentalista como partido que representa os verdadeiros intereses do pobo- non é outro que acarretar como efeito indefetibel o seu oposto: o devalo  ou suspensión da própria democracia  a través dunha vontade de reescribir a xurisprudencia,  de facer un corpo xurídico a medida, para poder xustificar o que se fai a partires de agora.

Desde comezos do s.XX a definición de democracia por oposición ao que non é ele mesma ten alicerzado decisivamente a prístina contradición de capitalismo e socialismo. De aí a dificultade de apañar a súa definición xa que cada campo denuncia a falta de democracia do outro, como se o ese outro fose o fascismo. Nestes lares, por exemplo, a asimilación esquemática da democracia como simples reverso da barbarie achou no  feito de ter combatido o franquismo ou no simples xuramento da Constitución do 78 a súa plena lexitimidade, até o punto de se confundir co statu quo. O que o Procés catalá lle veu lembrar ao estado español é que as maiorías non se definen en termos de cantidade, mas de cota, parte ou montante maioritario, no sentido  que lle dá o antropólogo Arjun Appadurai. E é proprio da maioría negar a súa finitude  e a incompletude que a atravesa. Fronte o montante da soberanía do pobo español, a(s) minoría(s)  é o que tende cara abaixo, é o lastro do real.  Canto máis visibel se fai a diferenza entre maioría e totalidade, máis inaturabel é a minoría a ollos da maioría. Desde o momento que a minoría soberanista se concibe e pasa a ser concebida como relevante en número acaba sendo apercebida como perigo. O A por ellos ! é a voz do estado de frustración que sirve para explicar en parte os excesos sistemáticos que lemos cada dia no xornais. É a voz de confrontación cun imposibel, co Real lacaniano. A propia mudanza de perspectiva que o Procés propiciou.

Neste marco, o Procés catalá foise tornando un obradoiro político  que puxo en causa esa redución conservadora da idea de democracia. Algo que non é novo e que recupera, ainda que fiaccamente, unha idea de democracia menos compatibel coa simples submisión a  unha norma imposta desde acima. Unha arela de alargamento democrático como necesidade soberana e non como luxo que tivo o seu momento a escala estatal no movimento do 15M, no meio dunha paradoxal despolitización masiva, para acabar cun retorno á partitocracia e a outros productos políticos degradabeis como expresión final daquel movimento. Por iso resulta preocupante que o seu silencio se sume ao da xudicatura cando non se protesta contra medidas lexislativas que violan os máis elementares principios do dereito. O exceso legalista ten así como correlato a falta de cultura xurídica perante medidas dirixidas á criminalización da intención.

No estado español, resulta que a lei de enxuizamento criminal permite inhabilitar un cargo público que ainda non foi condenado se o xuiz o procesa e  aprisiona alomenos por delitos de terrorismo, pertenza a banda armada e rebelión. Este último, o delito  de rebelión, que piden na España mas non na Dinamarca ou na Bélxica. Rebelión é un delito que precisa unha violencia que non houbo , cousa que percibe “The Economist Intelligence Unit” (EIU) ao calificala  de “acusación  arcaica”. Un arcaismo encanto a descripción identificatoria de “rebelión” só satisface a pretensión, que non toma en consideración nen o contido intencional nen descriptivo, parasitando e corroendo a linguaxe. A ilusión esencialista do legalismo ideolóxico leva así a situacións de abuso de “prisión preventiva” en situacións que os contradin os feitos (ter xerado violencia, risco de fuga e de destrución de probas que ainda non foran obxectivados). A cada auto semella cada vez máis insustentabel manter a “prisión preventiva”. No caso do Joaquim Forn mesmo é absurdo. E todo isto cando o propio TC confirmou que un podía ser activista para acadar pola via democrática hexemonía e gañar independencia. O auto de Llarena contradí explícitamente a doutrina do TC e sáltase o dereito penal desde o momento que obvia a responsabilidade penal sempre é individual (quer dicer, non se pode manter en prisión a Junqueras, Forn e os Jordis porque Puigdemont decidira permanecer en Bruxelas). Desde cando existe o delito colectivo? Desde cando as condeas en grupo no dereito penal?

Malia todas as evidencias e malia o  sistema ser tecnicamente garantista, sempre se sobrepón o edificio ideolóxico ( se o que está en causa a unidade de España, cómpre facer o que faga falta). Ao cabo, o maxistrado Llarena atinaba na diagnose cando aló polo 2012 que ” cuestión da identidade catalá e da integridade do estado español non ten ningunha resposta xudicial, mas política”. Mas erraba o maxistrado na prognose, non atinaba co que, en calquer caso, foi temeraria inversión de medios: unha resposta política por medios xudiciais. Ou bebendo das fontes pre-marxistas, o que Proudhon  problematizou como dominio de gobernabilidade tecnocrática sobre a soberanía dos cidadáns.

O legalismo exacerbado é o filtro que nos impide captar o real dunha especie de enxeñaría ideolóxico-política para responder ao que é esencialmente un tema político ou  para rexeitar o voto democrático. E iso pode xustificarse apelando aos intereses de Estado, mas non para salvagardar a legalidade democrática xa que é substancial a esta a nídia separación de poderes. Porque de seu o legalismo non garantiza o principio de legalidade e a vontade soberana. Coa aplicación do artigo 155 comprobamos como a descentralización autonómica  se pode desfacer en poucos minutos. A perda de autogoberno en Cataluña é o desvelamento anamórfico da imaxe distorsionada da real democracia española: amóstranos até que punto é formal a descentralización e a división  de poderes no Reino de España.

O tempo dirá se todo isto  é  fume de palla ou sinal dunha mudanza duradoira de hexemonía ideolóxica.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off