off
Europa, Galiza, Medio ambiente — 24 Xaneiro, 2018 at 07:38

Cedeira lembra o desastre de Chernóbil para abrir a posibilidade dun programa de acollida de nenos por familias locais

por

[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira vén de iniciar un proceso de colaboración coa organización humanitaria Ledicia Cativa para contribuír á divulgación das consecuencias que aínda hoxe, máis de trinta anos despois, segue a ter o accidente nuclear de Chernóbil e tamén para abrir a posibilidade á acollida de nenos da zona por parte de familias da localidade. Esta contribución dará lugar á celebración dun encontro informativo con membros da  ONG para que a veciñanza coñeza de primeira man os requisitos a cumprir por parte das familias que poidan estar interesadas en participar no programa de acollida.

Esta iniciativa vai dirixida a nenos/as e adolescentes, de entre 6 e 17 anos. Son estadas de dous meses de verao para que os participantes “poidan afortalar o seu corpo e o seu espíritu”, tal como pon de manifesto o executivo local. O Concello está a estudar unha posibel data para a celebración desde encontro, co que se pretende lembrar o até de agora considerado “maior desastre medioambiental da historia” e “os milleiros de persoas que recibiron grandes doses de radiación, aos mortos imposibeis de cuantificar e aos milleiros de desprazados” .

As consecuencias a curto e longo prazo seguen a ser cancros, leucemias, malformacións xenéticas, alén dunha angustia psicolóxica permanente. Ledicia Cativa é unha organización galega que desde hai máis de 20 anos fai posibel que crianzas e adolescentes poidan afastarse, alomenos durante os dous meses de verán, dunha realidade dura e perigosa.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación. O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: