off
Cedeira, Cultura, Ortegal — 23 Xaneiro, 2018 at 7:51 a.m.

Cedeira proxecta en vídeo o seu patrimonio xeolóxico e arqueolóxico

by

[Pingota Comunicación] O patrimonio estará presente nas próximas xornadas no día a día da xente da vila. O vindeiro venres, día 26 de xaneiro, o Concello de Cedeira dará a coñecer un vídeo sobre a riqueza xeolóxica do municipio, un documentario que leva por nome “Cedeira xeolóxica” e vinculado á participación de Cedeira no proxecto “Entre arcos e cantís”. Trátase dunha aposta polo ecoturismo financiada a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de A Mariña-Ortegal na que tamén están presentes os municipios de Ribadeo e Burela. De feito, no acto previsto para o venres -que será ás 20.00 horas no Auditorio Municipal– tamén se pasará o traballo audiovisual conxunto.

 

O achado do Campo do Castro

A segunda cita co patrimonio local terá lugar ao día seguinte, o sábado 27. Neste caso, consistirá na proxección do vídeo no que se recollen os traballos arqueolóxicos levados a cabo no Campo do Castro e que tan bos resultados deron coa localización, a primeiros de decembro, da quinta “pedra formosa” de Galiza nun emprazamento fortificado ubicado no alto dos cantís . O acto dará comezo ás 12.00 horas e será no auditorio. No mesmo participará o arqueólogo Emilio Ramil, responsabel do grupo de excavación arqueolóxica, que explicará os contido das imaxes recollidas por Alejandro Ramil Blanco, así como a importancia dos restos alí atopados xa que se trata dunha sauna castrexa ou monumento con forno propio da cultura castrexa e da antiga Gallaecia. A estructura tería uso ritual con baños de vapor e caracterizada por unha gran pedra decorada no medio do edificio, a coñecida como pedra formosa, que separaba  e isolaba a cámara da terma evitando a perda do vapor.

O goberno de Cedeira convida a veciños e veciñas a secundar coa súa presenza a celebración duns actos convocados coa finalidade de aproximar á cidadanía ao coñecemento dun patrimonio de noso como primeiro paso para conservalo e contribuir á súa potenciación.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off