off

O prezo da violencia de Estado na Catalunya

by

No Parc de la Ciutadella nunca tantos furgóns da policia se viran para acompañar a constitución do Parlament.  Tamén meia ducia de camións con parabólica. Faltaban Rajoy e Saez de Santamaria na bancada do Govern. O milimetrado discurso do novo presidente da mesa, Roger Torrent, tivo un aquel de apelación á claudicación e á renuncia, a unha recuada que sob a urxencia de recuperar as institucións semella lonxe do mandado das urnas. Non se perda porén, a guillotina que pende sobre o pescozo de Junqueras, Forn, Sánchez e Cuixart. No mellor dos casos, un adiamento de certas decisións. O discurso posibilista de Torrent ( o lider da súa formación ERC está na prisión) contrastaba co que pouco antes Ernest Maragall pronunciaba para lembrar a violencia do estado español e a impresentabel situación dos presos e dos exiliados. A cuestión que marcará a lexislatura, para alén da inicial entonada conciliadora e o chamado ao entendemento, será  se a actual maioría parlamentar pode reclamar unha acción política diferente do mandado dos votos das eleicións de 21-D. A fasquía conciliadora de Torrent leva implícita a consideración de que os votantes non souberon o que votaran ( e nunca o saberán entanto se exixa unha maioría de votos superior ao 50% inaplicabel cos criterios de votación ponderada en termos territoriais) porque o denominado “baño de realismo” non é outra cousa que atender ao que ditan determinados lobbys político-mediático-empresariais. Non contradí esa realpolitik a realidade da maioria parlamentar que expresa a soberania popular resultante das eleicións do 21-D? Quer dicer, á cidadanía catalá non a representa a Audiencia Nacional nen o Tribunal Constitucional nen propiamente o congreso español e menos ainda os consorcios mediático-empresariais. Porén, o apelo ao realismo non é máis do que a evidencia da forza. Esa é a súa normalidade: gañar pola forza e nos despachos o que non se gaña nas urnas. Que o candidato da maioría xurdido nunhas eleicións sob o reglamento e arbitrio do Estado non poda ser investido.

Mais un exemplo do absurdo no que está instalado o estado español: o ministro Zoido vén de informar que a manobra policial de 6000 efectivos para reprimir o 1-O costou 87 millóns dos impostos de todos nós para pagar o chamado orxiástico do  ’“a por ellos!”. O ministro Zoido- que pasará á historia por ter reprimido violentamente unha votación- xustificou esa factura pola “hostilidade” dos votantes.

O paradoxo é que nunha comparecenza na que Zoido acha que está acusando leva a  cabo un inédito exercizo de autoinculpación de todo o que aconteceu o 1-O: a decisión foi súa, o operativo fracasou xa que houbo referendo, costou o que costou e  tamén admite que alomenos nun colexio houbo violencia desproporcionada (para cando unha investigación da fiscalía?). Están de acordo os españois  con ter gastado 87 millóns de euros ( mais os 63 milóns en axuda militar para evitar un pronunciamento de Letònia a favor do procés) para bater en persoas que querían votar? Non era evitabel? Para que serviu? Podemos agardar outra cousa do goberno Rajoy? Malia a evidente incapacidade para facer política, este goberno celebra terse coñecido.Porén, esta comparecenza de Zoido non se entende sen a marcaxe de Cidadáns. Un devalo ou deriva cara a extrema dereita.

Quen ten a forza e quen fixo dela mercadoria ainda teima en apropiarse da “convivencia” e da “normalidade”. Normalidade, u-la? A prisión preventiva non é un abuso de lei? Alguén pensa que o que está a facer o PP é o que “le viene mejor a Cataluña”? Segundo a FAES, con certeza. O guión que se está a escribir arestora na Cataluña é o do conflicto como estratexia política desde que a FAES ditara aquela directriz  dos anos 90 (que non evidencia ) de que na Cataluña se perseguía o castelán. Unha estratexia adiada cando precisaron do apoio de CiU mas reeditada até chegar a deturpar a lei e rachar co denominado pacto constitucional: malia a Constitución prever que a última palabra na relación Catalunya-España a tiñan os cataláns, a súa voz acabou por non ter efecto político ningún, como aconteceu co Estatut de 2006. 

A xente quer serenar os ánimos, mas é evidente que non se pode acadar iso con xente na prisión e no exilio. Pódese pasar páxina? O goberno do Partido Popular (con Cidadáns) teima en manter o conflito porque o goberno de Rajoy é o principal interesado en non pasar páxina.  Xa lles convén a política de terra queimada: por iso teiman en autoadxudicarse o convivio  ou autodefinirse como constitucionalistas, cando o único que fan é defender o artigo 155, como se non houber mais artigos ca ese, como se non houber mais constitución ca española. Ao cabo, o que queren os republicanos cataláns é redactar unha de seu.

Involución. Contrariamente ao que afirma Soledad Gallego Díaz na súa columna de El País,  “formular unha comparecencia  por Skype non indica o  grave trastorno  en que está a vida política catalá”, mas a española. Se acreditamos, claro é, que comparecer por Skype en plena sociedade da información poida ser indicio dun  “grave trastorno” e non, digamos,  enviar a policia a bater en persoas que querían votar pacíficamente, ditar prisión preventiva de cargos eleitos por teren convocado un referendo que formaba parte do seu programa eleitoral ratificado nas urnas, convocar unhas eleicións anómalas ou realizar unha investidura sob a ameaza e chantaxe do 155 (ese novo artefacto a medida do lobby de Estado que acompaña á perversa “lei mordaza” para defenderse da cidadanía). Puigdemont é un fuxido da xustiza española, por outras palabras, un refuxiado fronte a inxustiza española. Como é posibel que o andazo discursivo pròprio de políticos irresponsabeis, amigos da impunidade e dos sobresoldos, acabe nesgando a percepción do que acontece na Cataluña? Entanto Human Rights Watch denuncia o “uso excesivo da forza” por parte da policia o 1-O, a perspectiva española obvia que o independentismo ten votantes reais, maiormente xente do que hai. Como no conto, a repetición dunha crenza polas institucións do poder produce unha confianza cega na súa veracidade. Lémbranos Umberto Eco que todo relato elaborado a propósito é máis cribel que os feitos realmente acontecidos. Como é posibel entón que unha acreditada xornalista como Gallego Diaz teime nese relato estigmatizador malia a política informativa do xornal El País teña sido condenado a rectificar? Non imos agora reparar nas capas de xornais como La Razón, El Mundo ou ABC. a quen Rajoy daba as grazas o outro dia. E enténdese, reparemos só na capa de hoxe de El País: “Los separatistas amenazan con Puigdemont o eleccións”. Cómo é que se pode ameazar coa persoa dun político democrático escolleito pola maioría? Para alén da fórmula para facer efectiva a investidura (é aceptado como candidato e para a CUP o seu apoio está condicionado ao programa político de materializar a República coa fin de desenvolver unha legalidade de seu que afortale a mudanza social e económica) Carles Puigdemont ten  plena lexitimidade após aplicación do artigo 155 e tamén porque fai parte da listaxe máis votada entre os independentistas.

Isto só é a punta do iceberg dunha completa xudicialización do contencioso que  terá o seu eco en instancias xudiciais europeas e internacionais. É lento, mais é cuestión de tempo que se acabe atopando a “comunidade”  que xulgue e verifique pública e colectivamente tanta impunidade e falsidade de Estado.

Onde é que xurde tanta soberba e tanta inquina para perdirlle aos Jordis e ao cargos eleitos encarcerados se retracten das súas conviccións? Talvez o espírito sipaio ou  de servidume voluntaria que levou á esquerda española a aceptar a idea de España da dereita. Até cando esta democracia tutelada, até cando tanta molicie? Sereeeno!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off