off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 15 Xaneiro, 2018 at 8:50 a.m.

Cidadáns: “Operación Reformista” número 3

by
Rosa Díez e Fernando Savater. Fotografía: UPyD.

Para os que na altura non estaban en activo, hai que lembrar que a “Operación Reformista” foi un intento de crear unha partido couceira capaz de condicionar a política española máis aló do dueto entre socialistas e conservadores. Aquilo fretouse en 1984 baixo a denominación de Partido Democrático Reformista (PDR) e contou co financiamento a fondo perdido dos grandes da banca e a patronal. O seu portavoz informativo foi o Diario 16 de Pedro J. Ramírez, e os seus máximos expoñentes eran dous avogados de pompa: Antonio Garrigues e Miquel Roca. Como secretario xeral figuraba o empresario Florentino Pérez, hoxe patrón disimulado dalgúns dos medios de comunicación preferidos pola sedicente esquerda.
Máis que un partido, o PDR era nunha coalición de grupos rexionalistas, coroada pola Convergència i Unió (CiU) de Jordi Pujol. Unha fórmula parecida á que tentou desenvolver con incerta fortuna Pablo Iglesias en Podemos coas súas confluencias. O elenco reformista integrábano tamén segundoxénitos como o Partido Democrático Liberal (PDL), Unió Mallorquina, o Partido Rioxano Progresista, Converxencia Canaria e Coalición Galega. Con esa amálgama a Marca España da época pretendía apañnar cos votos necesarios para impedir ao PSOE, enpoleirado perigosamente ao poder en 1982 expropiando Rumasa, que renovase a súa maioría absoluta nas próximas eleccións.
Mais non aconteceu nen unha outra nen a outra. A “Operación Reformista” saldouse cun rotundo fracaso ao non lograr o PDR representación nos comicios do 86, e o temido felipismo esqueceu o seu imberbe radicalismo após aprobar arbitrariamente o referendo para manter ao país na OTAN, confirmándose así como un bastión do sistema. O mismísimo Miguel Boyer, todopoderoso vicepresidente económico do primeiro goberno socialista, e factotum do acoso e derriba ao emporio da abella, converteríase andando o tempo nun valedor da Fundación de Análise e Estudos Sociais (FAES), o berce ideolóxico do núcleo duro do Partido Popular (PP).
Tamén da periferia cara ao centro proveu o segundo intento de “Operación Reformista” rexistrado desde a transición. Comezou o ano 2007 desde Euskadi co nome de Unión Progreso e Democracia (UPYD) e tiña á súa fronte á ex conselleira do goberno vasco e eurodeputada socialista Rosa Díez. Nesta ocasión os seus fundadores tentaron dotarse dun atrezo moito máis cultural que político asumindo as teses gramscianas sobre a hexemonía social. Perfil que se visualizaría no apoio recibido de famosos, artistas, escritores, xornalistas e profesores universitarios, entre eles Fernando Savater, Mario Vargas Llosa, Albert Boadella ou Antonio Elorza, nalgúns casos persoas convictas de “dupla militancia” coa nacente plataforma cívica Ciutadans de Catalunya. UPyD tivo unha vida de primeira e un enterro de terceira, pasando de rabuñar un escano en 2008 a cinco en 2011 para quedar fose do parlamento só catro anos máis tarde. Precisamente cando o seu homólogo na fe do “patriotismo constitucional”, o combinado de Albert Rivera, tomaba a substitución con mérito ao converterse na cuarta forza política do Estado.
E á terceira foi a vencida. Ou polo menos iso é o que tentan transmitir os mesmos poderes fácticos e asimilados que estiveron conspirando a favor da “Operación Reformista” desde os seus balbucios. Para oficiar esa percepción non só aducen os excelentes resultados obtidos por Cidadáns nas autonómicas catalás, onde tras levantarse como líder da oposición na consulta de 2015 colocouse como o partido máis votado na cita celebrada o 21 de decembro en cumprimento do artigo 155 da constitución. Trofeo este último que os seus mentores nos mass media pretenden extrapolar a escala de eleccións xerais convencidos de que tanto PP como PSOE e os seus líderes respectivos teñen xa máis pasado que futuro. Nesa tarefa o diario do Grupo Prisa é quen leva a voz cantante no que parece ser unha mudanza de estratexia respecto do que até a data foi  un roteiro fidelizado con Ferraz.
Afinal de todo o exposto, erraríamos na apreciación se cairmos na compracencia de atribuír estes experimentos reformistas a meros produtos de mercadotecnia. Non é o caso, por máis que até o sorpasso catalá de Cidadáns as iniciativas que precederon puidesen parecer avatares alleos á nosa realidade. Contodo, todos os indicadores sociolóxicos facían sospeitar que, consumada a fase traumática da Transición, a presión da maioritaria clase media abriría o camiño a unha opción ideolóxica intermedia entre o firme conservadurismo da dereita AP-PSOE e o presunto rupturismo do esquerda PSOE-PCE. Era o que tradicionalmente viña acontecendo en democracias europeas máis asentadas, como a alemá e a inglesa, onde a cota liberal tornábase a miúdo no árbitro da contenda política. Mas na España, unha vez máis, era diferente e o mapa distaba de retratar o territorio. Debido ao atado e ben atado do consenso e o seu consecuente “correlación de debilidades”, axiña se viu que eses dous blocos traizoaban as súas credenciais ao chegaren  ao goberno a fin de capitalizar o enorme continxente de votantes cuxo ideal de vida era de xeito sinxelo prosperar materialmente. Sendo neste derby os socialistas quen máis abxuraran dos seus principios, como proba o feito de que acaparasen o goberno duas veces mais  anos que os seus adversarios populares.
No entanto, esa obsesión por ocupar o centro político a calquera prezo tería consecuencias para ambas as formacións cando o electorado comprobou que entre “azuis e vermellos” apenas había diferenzas a hora de encarar a crise de 2008 que levou á modificación exprés do artigo 135 da Constitución para satisfacer a cobiza dos mercados financeiros internacionais. Primeiro Zapatero e logo Rajoy deitaron as maos no manual neoliberal para facer que a factura a pagasen os traballadores. Porque desde arriba só deitan mentiras, como acabamos de comprobar coas explicacións exculpatorias dadas na comisión de investigación do Congreso polo tres últimos ministros-capos de Economía e Facenda do duopolio: Rodrigo Rato, Solbes e Elena.
Por iso é polo que a exitosa irrupción desta terceira “Operación Reformista” xestouse sobre o desgaste do bipartidismo dinástico PP-PSOE, ainda que aplicando un gradiente contraditorio coas arelas anovadoras que Cidadáns declara no seu programa. Foi insistindo na preservación do statu quo como o partido de Rivera converteuse nunha opción de Estado ao oficiar como baluarte sen par da unidade de España ante o “desafío independista” en Cataluña. Precisamente a comunidade autónoma que lle deixou sen grupo parlamento ata culminar unha travesía do deserto de seis anos de duración. Porque o pecado orixinal do Réxime do 78 que o contaminou todo como unha pinga malaia, ao eliminar a ética do mundo da política pactando coa Monarquía do 18 de Xullo, terminou deixando orfa á sociedade de verdadeiros valores democráticos.
A pregunta sería: existe sitio no galiñeiro político español para tres partidos que representan variantes dun mesmo epicentro desde a lealdade ao statu quo cando precisamente a clase media está a deixar de ser un referente social? Estamos ante un exemplo paradigmático de “significantes baleiros” Non, sinxelamente é unha radiografía da anomalía española. Nunca como agora a ideoloxía electoralmente dominante estivo tan afastada do ser socialmente imperante por expresa conformidade dos estratos dominados. A función crea o órgao.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off