off
Opinião, Política, Politica espanhola — 8 Xaneiro, 2018 at 6:14 p.m.

Aínda vestida de seda a UME militar queda

by
Nevarada con veículos na AP6

A ofensiva do neoliberalismo ten moitas e diversas facetas. A máis evidente, e por iso a que maiores críticas recibe, é a que ten que ver coas políticas austericidas que impoñen os gobernos adictos. Os axustes estruturais e os recortes de dereitos implantados para facer recaer os custos da crise sobre a cidadanía representan o ataque máis flagrante contra o Estado do Benestar. Pero non foi esa a única agresión nin a primeira. Antes producíronse outras máis finórias que arranxaran o camiño para drenar recursos públicos sen chamar a atención. De feito, a fórmula expoliadora que se concretaría durante a gran recesión socializando as perdas e privatización as gaños tivo o seu mellor referente nun conxunto de operacións e manipulacións destinadas a menosprezar e socavar os fundamentos da sociedade civil.

Para acadar ese alvo non só foi esvaciado de contido social o Estado. Ao mesmo tempo, e posto que o imaxinario estatal non se pode eliminar da orde instituida sen crear un baleiro desestabilizador, procedeuse a reforzar a súa vertente disciplinaria-policial-militar. Tratábase de compensar o despezamento do asistencial, tras transferir os seus activos ao campo oligárquico-empresarial, acentuando o seu perfil seguritario e paternalista. Práctica en xeral ben acollida entre unha poboación magoada pola proliferación de guerras próximas, catástrofes naturais, traxedias humanitarias, novas epidemias e os cada vez máis frecuentes e indiscriminados actos terroristas.
Precisamente unha das mudanzas no Estado que máis favoreceu a súa intitulación como moderno Leviatán está na utilización do exército en misións de paz fóra das súas fronteiras naturais. O que se denominou “inxerencia humanitaria”, unha variante de agresión da mesma estirpe inmoral que a expresión “danos colaterais”, utilizada para safar da violencia exercida contra inocentes. Ao esconxuro destas experiencias as guerras modernas convertéronse nun campo de batalla cuxo indisimulado obxectivo  é sementar o pánico entre as persoas non contendentes, permitindo que hospitais e escolas aparezan con frecuencia na diana das razias castrenses.
Este relanzamento da militarización máis aló dos cuarteis e dos conflitos declarados, compleméntase con novas formas de xestionar autoritariamente o público no día a día das nosas sociedades con técnicas de videovixilancia e controis sobre transeúntes en edificios, aeroportos e zonas urbanas concorridas. Sempre co pretexto de ofrecer un servizo á comunidade velando pola seguridade dos seus membros, que é a forma parasitaria á que mutou o Estado gorila tras desvalixar o Estado de Benestar. E iso con toda naturalidade. Así, o masivo desemprego civil, convertido no ingrediente caníbal da nova economía, convive co incesante incremento dos persoais dos corpos militar e policial. E un país tan teoricamente celoso das súas liberdades como Francia leva máis de dous anos baixo estado de alarma, con soldados armados até os dentes patrullando polas rúas das súas principais cidades a fin de previr ataques xihadistas.

Neste aspecto España non fica atrás, aínda que use outro tipo de ansiolíticos. Alén diso, innovou na dirección de levar o espírito militar, a inxerencia humanitaria, ao interior do seu propio territorio e co timbre de excelencia como servizo público. Un exemplo vímolo de ter na intervención da Unidade Militar de Emerxencia (UME) para axudar aos miles de automobilistas atrapados na autoestrada de peaxe AP-6 durante o recente temporal de neve. Todo un completo caos até que chegaron os reforzos dos uniformados da UME e puxeron orde onde a autoridade civil, e por tanto a única responsabel ante a cidadanía, demostrara a súa ineptitude. Un episodio de suceso que se unía a outros da UME en casos de grandes inundacións ou loita contra incendios incontrolados.

 

Por que ten que existir un corpo de exército específico para intervir en asuntos que tradicionalmente foron competencia de protección civil? Onde leva esta continua transferencia de recursos e atribucións desde a sociedade civil ao estamento militar?

 

Sen dúbida a que ao mesmo tempo que se desmantela a parte do Estado que realmente demanda a cidadanía se afortale e lexitime polo lado que escapa á súa competencia, e que mesmo chegado o momento pode ser utilizado para enfrontala (a UME conta con 3.500 efectivos das tres armas). Como se podería pedir responsabilidades á UME ante unha actuación neglixente cando depende de estruturas alleas ao mandato popular? A intromisión da lóxica militar na esfera da sociedade civil supón unha ameaza para os valores da democracia e a súa supeditación a protocolos de regulación autoritaria baseados en negar a soberanía dos cidadáns.
Por eses  vieiros emotivos non é nada raro que aos gardas civís do A por ellos !  tamén son considerados Benemérita. E é que a clase política abxurou da súa condición representativa ao sentirse apañada na pinza da mercantilización do público rendibel e a militarización dos sectores de impregnación social. Como demostrou a súa parálise no bloqueo da AP-6, unha concesión pública que incumpriu os seus deberes como concesionaria (Abertis, un xigante do Ibex 35). Até a data ninguén na Administración dixo que a Fiscalía vaia a actuar de oficio contra a propiedade da peaxe para esixir danos e prexuízos en nome dos afectados, a máis diso pasar a correspondente factura polo gasto da mobilización da UME.

O único que fixeron goberno e oposición foi botarense a culpa  para apañar unha presa de votos das persoas que só sentiron eficacia e responsabilidade na actuación da UME. No caso do goberno esquecendo que en memorabel ocasión foi o proprio presidente Rajoy quen tentou sacar tallada do conflito esixindo a dimisión da entón ministra de Fomento Magdalena Álvarez, como agora fan os seus adversarios pedindo a cabeza de Íñigo de la Serna. Simples xestos para a galería, karaoke político. Certamente, no canto de cesar será recompensado en canto a controversa aclare. Igual que fixo o PSOE ao promocionar á censurada Álvarez á presidencia do Banco Europeo de Investimentos (BEI), cargo que abandonou á forza para sentar no banco dos acusados na monumental estafa dos ERE de Andalucía.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off