off

Un Procés a ritmo de Tribunal Supremo procura un goberno republicano para Cataluña

by

A revalidación da maioría absoluta independentista supuxo unha victoria sobre o 155.  A posibel saída de Junqueras de prisión (que tamén sofren Jordi Sànchez, Jordi Cuixart e Joaquim Forn) albiscábase como un xesto de distensión en territorio comanche. O caso é que o destino da lexislatura catalá pódese decidir en Madrid, malia os cataláns teren votado, mais unha vez, mal e o aveso.  Após o exaltamento mediático da Inés Arrimadas (Cs) a noite eleitoral, os poderes españois non teñen asumido que as anómalas eleicións do 155  nada resolveran ou normalizaran malia seren decretadas á súa medida. Pola contra, a cidadanía catalá demostrou que  o independentismo non sofriu erosión agás na súa faciana contraautoritaria e municipalista. Porén, os falcóns da imprensa, xudicatura e economía teiman en desestabilizar a situación. E Rajoy confiandolle a política á xustiza para resolver o problema de maneira legal ou policial e ao ritmo que marque o Tribunal Supremo logo que a política catalá ficara coartada durante anos polo Tribunal Constitucional. Porque arestora a listaxe de investigados é comprida e calquera persoa que pretenda liderar esta nova fase terá de axir coa piola do xuiz Llarena atada aos pés.

Entanto a esquerda española pasa o inverno, PP e Cidadáns disputan con ferocidade a enseña do españolismo máis inflamado. Acontece que mentras o soberanismo pasa por un periodo de  reflexión por ver de superar a atomización da maioría na que a CUP  alomenos para a investidura, xa non é tan decisiva, o Estado reactiva a súa ofensiva xudicial, económica e política como se a cidadania non tiver votado. Pola via institucional pouco mais se pode facer (é por iso que na Cataluña hai unha maioría heteroxénea que acha que debe ter Estado de seu). Nesa xeira de disputa interna do independentismo gañou unha candidatura diversa cuxo liderado está espallado entre Barcelona e Bruxelas e na que resulta dificil debullar o papel do PDECat (que é propietario da marca Junts per Catalunya). ERC, que non contaba con esta derrota e perante a evidencia dunha dificil restitución do president  Puigdemont, ten por diante recuperar o espazo perdido, dialogando cos comúns (un vieiro co que concorda Junts per Catalunya). Por diante está o posibel exilio indefinido dos de Bruxelas que en caso dun retorno á “normalidade” alegan que o Govern continuaría intervido  e que o que se precisaría agora é capitalizar o pulo do 21-D para forzar ao Estado a negociar nun dificil contexto de prohibicións, cárcere, censura, acatamentos do 155 e beixa-maos.

Máis alá do 50%

Para alén do relevante dato de que os resultados do 21-D deixaran ao PP un furado de 1,6 millóns e números vermellos a PSC, Catalunya en Comú e CUP (de acreditarmos que Cidadans, JxCat e  ERC cobriran gastos en relación aos orzamentos anunciados para a campaña), a máis de ter intactas as atribucions como  Govern, a  partires de aquí o soberanismo  deberá trazar unha estratexia para alargar a súa base social, ollando á esquerda, aos concellos e á xente dos barrios. As dúas sensibilidades do independentismo, entre quen acha que a fin última do Procés ten de ser a independencia e quen acha que é un vieiro para acumular forzas deberán defrontar un escenario pouco optimista para a negociación no que impor solucións non negociadas sería un erro para as dúas partes.  Se non for suficiente coa experiencia atesourada até o de agora ( visibel na amplitude, consistencia e teimudas mobilizacions perante a incapacidade de dar unha resposta satisfactoria por parte dun Estado fosilizado)  ficou claro  onde  teñen que  continuar a traballar. A máis do obxectivo de configurar un goberno decididamente republicano cun plano de choque social, as forzas soberanistas  precisan catalizar forzas e movimentos non independentistas para deseñar e desenvolver un proceso constituinte nídio sen ambigüedades  e sen a miraxe dos prazos. Neste sentido, alén dos resultados que atordoaran a CUP, a formación municipalista deberá manter o seu perfil horizontal distanciandose dos partidos que antes ensaiaran un roteiro de prazos como agora  disputan o convencional e sobrevalorado relato das lideraxes. A victoria de Cidadáns en nucleos urbáns importantes  reflicte e indicalle  ao soberanismo onde ten que alargar a súa base social para ir alén do  50%.  Malia dispor de apenas 4 deputados, a chave está nas súas maos para alén de quen está emprazado a formar Govern, ceibándoo dos efeitos do 155 como tarefas imediatas do independentismo e do retorno dos exiliados e libertazóns dos presos. O novo roteiro do Procés, nunha lexistatura complicada  e coa previsibel obertura do goberno constituido cara outras formacións como os Comuns, talvez permita recuperar para a política a gramática da multitude nesa especie de obradoiro político europeo que é a política catalá, non só a que irá a ritmo que marque o Supremo e a que resposta ao  momento institucional no Parlament, mas a que habita no intersticial, horizontal e marxinal, que permita a concreta apropiación e rearticulación do saber/poder hoxe conxelado nos aparatos administrativos do Estado e da UE. Nada máis e nada menos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off