off
Galiza, Normalización lingüística — 20 Decembro, 2017 at 11:08

O PP veta o trámite da lei para garantir que o galego poida ser usado no eido económico

por
A dereita  non ve “necesaria” a iniciativa lexislativa popular promovida pol’A Mesa e apoiada por máis de 28.000 persoas porque podería crear “un efecto contrario ao desexado” e impediron que chegase a tramitarse.

A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta que o Partido Popular continúe a oporse aos avances para a  lingua galega. Evidenciouno co rexeitamento á iniciativa lexislativa popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

A defensa da ILP correu a cargo do presidente da Mesa, Marcos Maceira. Este, explicou a necesidade de contarmos cunha lei que protexa os dereitos lingüísticos ante as reiteradas vulneracións e discriminacións que se producen en Galiza. Neste sentido, Maceira enunciou casos reais de situación que acontecen a diario no ámbito socioeconómico, onde o normal é que a lingua non estea. “Casos como as centos de peticións para que Ikea dea opción de galego na súa web, casos coma o das empregadas de Extel ou Ferroatlántica que defenden o uso do galego como maneira de manter os postos de traballo no país ou como a aseguradora Génesis tivo que dar marcha atrás na negación de facilitar documentación e contratos en galego” apuntou Maceira.

Para a Mesa, o idioma debería ser o alicerce sobre o que establecer os principios mínimos da política galega, porque a normalidade da lingua galega ten que ser a mostra da cohesión social e da unidade do pobo galego. 

..“gostaríanos que os deputados e deputadas do PP que aman a lingua galega saian do armario lingüístico”, afirmou Maceira

 

Hoxe, o PP rexeita unha proposta que comezou a súa andaina co apoio de 125 persoas representativas de diferentes ámbitos, mais que finalizou con máis de 28.000 asinantes. Tamén contou co apoio de asociacións de comerciantes, persoas usuarias e consumidoras, sindicais, de persoal do sector da tele-atención e mantivéronse xuntanzas con institucións como a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Consello da Cultura Galega, Instituto Galego de Consumo, Secretaría Xeral de Política Lingüística, entre outras.

 

O PP nega que o galego teña os mesmos dereitos que o castelán, o eúscaro e o catalán

 

Maceira recriminou que o PP se auto-exclúa da unanimidade que debería existir en torno á lingua e se absteña ou directamente actúe en contra da cativa lexislación e acordos que amparan a lingua, a Lei de normalización da lingua galega ou o PXNLG. Un PXNLG elaborado coa participación de 1000 persoas, aprobado unanimemente polo Parlamento que se concretou en 440 accións que trece anos despois seguen inactivas.

“Imaxínanse un país con lingua propia oficial onde as actividades económicas que se poden realizar en galego son anecdóticas? Un país onde non poidan asinarse contratos ou ter formularios na túa lingua? Ese país existe e chámase Galiza” afirmou con rotundidade o presidente da Mesa.

A Mesa denuncia que os últimos sete anos, os gobernos do PP foron os máis agresivos para a lingua galega. Isto implicou un importante retroceso do galego tal e como demostran todos os estudos. A pesar do diálogo mantido con multitude de entidades e partidos, tamén o PP, este preferiu consolidar a súa animadversión á lingua. Porén “queremos recoñecer o interese de persoas do Partido Popular dentro e fóra do Parlamento por tentar que o seu partido apoiase a ILP”, sinalou Maceira.

Finalmente a Mesa anima a continuar traballando polo impulso do galego en todos os ámbitos: “O traballo non remata aquí, non imos ficar de brazos cruzados mentres vostedes votan contra a lingua propia de Galiza. Cremos que a situación do galego non é irreversíbel e por iso o seguiremos empregando, defendendo e impulsando”.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: