off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 20 Decembro, 2017 at 8:07 a.m.

O atraco sindical dos ERE

by

Se ninguén nos coacciona á hora de votar, temos o goberno que nos merecemos. Se nos afiliamos voluntariamente a un sindicato, temos os sindicatos que nos merecemos. Uns e outros, gobernos e sindicatos, están aí porque nós o quixemos. Son os nosos representantes. Esa é a traxedia que se oculta tras a cada vez máis profunda involución social. Un mal que vén de abaixo-arriba, sen complexos nin eximentes. Co noso aval. E contribuíndo de paso a fomentar unha cultura de sometemento e resignación que fai innecesario aos poderosos empregar a forza para alcanzar os seus obxectivos.

Esa sería unha das explicacións posibeis do que vé de acontecer na próspera Austria. Onde grazas ao apoio dunha parte importante da poboación, un recoñecido partido xenófobo logrou por segunda vez entrar no goberno da nación. Xibarizando iso que chaman democracia e non é senón unha tómbola que se activa cada catro anos. Unha mera técnica de tenteo. Como unha rifa ou unha quiniela. Con só inserir na urna unha papeleta xa precociñada co nome do partido e os da súa tribo. Sen apenas capacidade de deliberación nen menos de decisión pola cidadanía. Mas tamén programados de abaixo-acima, soberanamente.
E asín proceso após proceso eleitoral, ímonos afastando cada vez máis de algo que se pareza minimamente á verdadeira política, e empedrando o camiño para que os que veñan detrás reproduzan ese ADN de mansidade porque é o costume. A liberdade de elixir e consumir contra o dereito a decidir por un mesmo e aprender da experiencia vivida e non diferida. Vímolo no Concello da capital, onde a iniciativa Madrid decide! , que oferece aos cidadáns a posibilidade de participar telematicamente no goberno da cidade, está a resultar un completo fracaso. A xente non “quer complicarse a vida”. Nen unha soa das propostas expostas suscitou respostas que superasen os 7.000 apoios nun censo de 2,7 millóns de habitantes.

Mas sería derrotista e falso atribuír toda a culpa aos representados, eses que chamamos “os de abaixo”. En realidade os actos de nugalla, a mentalidade conservadora, a covardía e o conformismo están instigados polos actores intermedios que aceptamos felizmente porque vén no guión. Eses axentes institucionais oficialmente encargados da xestión do público no noso propio nome. Partidos e políticos, sindicatos e sindicalistas, e nesa orde de cousas todos os órganos de mediación aos que o home e a muller da rúa entregan un cheque en branco cada xe tempo para que lles suplanten. Sen contrato por medio e sen capacidade efectiva de reversión cando a crúa realidade desmente as bastas promesas feitas. Uncidos ao xugo da mistificación partillada, vítima e verdugo terminan confundíndose.
O exemplo máis indecente desta canibalización ambiente témolo no infame e boiante tráfico dos ERE. Un choio para os sindicatos da concertación (CCOO e UXT) que fan caixa cobrando cantidades multimillonarias por asesorar nos despedimentos masivos que as empresas aproban ao amparo da lexislación laboral. En teoría empregan aos seus avogados e contables para verificar as partidas das prestacións a pagar. Aínda que na realidade esa intermediación convértese nun florecente negocio para as estruturas sindicais.

De maneira que a teoría de “loita de clases” tórnase un “compadrio de clases” desde O momento en que empresarios e líderes sindicais comparten botín. A máis despedimentos, máis negocio para todos.

Así se produz esa grandísima anomalía consistente en que malia a crise que levou a España a ser o segundo país da Unión Europea con maior índice de desemprego e un dos que ten a taxa de precariedade no traballo máis elevada, o carrusel dos ERE siga en máximos. Agora mesmo Banco Santander e Bankia están inmersos en senllos expedientes de regulación de emprego, segundo o cínico eufemismo ao uso para camuflar o que significa o desemprego forzado. No primeiro caso afectando a 1.364 persoas e no segundo a 2.510. Unha enorme clientela para o sindicalismo de amiguiños, que fai máis ricos a CCOO e UXT e contribúe coa fervenza de prexubilacións anexas a empeorar aínda máis o futuro da caixa de pensións.
Neste sentido o expediente Bankia resulta especialmente odioso. Cando a súa cúpula dirixente e as de Comisións e Uxeté acaden os seus últimos obxectivos sindicais, consumarase un atraco histórico. Porque o diñeiro que se utilizara para destruír eses millares de empregos e pagar xenerosamente aos comisionistas nas negociacións sairía dos máis de 16.000 millóns de euros sacados aos españois para o rescate de CajaMadrid-Bankia. E aínda por riba, o tesouro sindical recaerá nas mesmas centrais condenadas, persoa interposta, polo repugnante caso dos cartóns black. Felizmente aínda fican sindicatos íntegros, como CXT e CNT, que só se financian coas cotas dos seus afiliados, néganse a embolar cos ERE e renuncian ao maná das subvencións para formación.
Rematemos cun enigma: por que case non se informa do que ocorre no macroxuízo dos ERE de Andalucía? Por iso mesmo, porque se trata dunha fraude entre a Junta, empresarios e os sindicatos CCOO e UXT para repartirse ao redor de 855 millóns de euros (a barbaridade duns 142.000 millóns das antigas pesetas) entre amigos, familiares, coñecidos e adictos á causa. Un proceso que levou ao banco a dous presidentes da Xunta de Andalucía (ademais de presidentes do PSOE) e a 16 altos cargos do seu goberno por presunta prevaricación e malversación de fondos públicos desde o poder está a pasar sen pena non gloria polo incrible feito de que os responsabeis son “uns dos nosos”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off