off
Galiza, Literatura, Pintura, Poesía — 20 Decembro, 2017 at 8:34 a.m.

Día Lugrís en Vilaboa e na Coruña

by

Este mes de Nadal chega a VIII edición do Día Lugrís que o Colectivo Lugrisián In Nave Civitas e a Asociación Cultural O Mural organizan o 21 e o 23 de decembro.O actos están abertos á participación cidadá


Co gallo do 44 cabodano do pasamento do artista Urbano Lugrís  o colectivo lugrisián In Nave Civitas e a asociación cultural O Mural celebrarán a vindeira semana o VIII día Lugrís.

O prólogo desta festa é a exposición de fotografía Mar de María Antonia na cafetería Monty Ambigú, que comezou o 16 de nadal e na que o poeta e fotógrafo, Xosé Iglesias, amosa aos terrícolas a mirada que os mariñeiros teñen do golfo Ártabro.

As actividades comezarán o xoves 21 de nadal ás 19:00 horas cun recital poético aberto na cafetería Monty Ambigú arredor da dita exposición fotográfica.

O día grande será o sábado 23 de Nadal con actividades de mañá e de tarde.

As 11:30 horas o colectivo, e todas aquelas persoas que queiran se sumar a eles, subirán ao autobús de liña cara a Rutis para participar na I Rota Lugrís por Vilaboa na que visitarán (arredor das 12:00 horas) os cadros da igrexa e os frescos das escolas parroquiais, obras (estás últimas) que non adoitan estar abertas ao público. Logo visitarán distintos lugares ligados á vida do pintor do mar e coñeceran testemuñas de primeira man do seu paso por Vilaboa.

Pola tarde, xa na Coruña, comezan os actos tradicionais, ás 18:00 horas, no Obelisco, coa pintada de paraugas con motivos da obra de Urbano Lugrís; para o que convidan ás/aos participantes a levar, chova ou non, os seus propios paraugas, pinturas e todo o seu enxeño.

Ás 19:00 horas, na rúa Olmos, 26, (entrada a oficina de Abanca) presentarase o folleto Tras os pasos de Urbano Lugrís. Unha guía polos principais fitos da cidade vencellados a vida e obra do pintor do mar. O folleto redactado polo colectivo ten ilustracións de Roberto Castro (que un ano máis tamén deseñou os carteis da convocatoria).

O folleto presentarase a pé do mural de Urbano Lugrís para cuxa protección naceu este evento, neste primeiro ano no que goza da máxima protección do noso ordenamento xurídico: Ben de Interese Cultural.

Deseguido; todos os interesados comezarán a Manifestación Atlántica cos paraugas decorados, coas as súas mellores galas mareiras e todo a potencia da obra de Lugrís para descorrer polas cinco últimas etapas da rota: rúa Estrela, 10; rúa Mantelería; Santo André, 200; rúa Caramanchón (praza de Pontevedra) e a Coiraza. Ao carón do mar, realizarase o acostumado Rito Orzánico, para coller forzas de abondo para encarar o tempo até o vindeiro día Lugrís.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off