off

Da conveniencia do soberanismo na Cataluña despois do 21-D

por

Cidadáns presentou denuncia e a Xunta Eleitoral Central da Zona Xirona obrigou a retirar os lazos marelos que enfeitaban a árbore de Nadal de sede da Generalitat. Foto: TV3

Querido amigo, acho que o soberanismo gañará as eleicións catalás do próximo 21 de decembro, porén non podemos saber cal será o alcance do trunfo nen as consecuencias que se derivarán, nen a cor do goberno nen o nome do presidente nen o roteiro. As ofertas programáticas son una nídia apelación ao voto emocional nun contexto de anormalidade onde faltan respostas en uns e outros, mas cómpre ter presente que a situación non é simétrica como desigual é a correlación de forzas. Nesta tesitura a pluralidade atomizada do independentismo podería favorecer a vitoria de Ciudadanos (ainda que nos inquéritos  case cinco de cada dez votan independencia, tres votan nacionalista españoll e dous votan autonomía ) dese proxecto de laboratorio impulsado polo Ibex-35 (quen está a pagar a súa campaña,  a máis gravosa de todas con diferencia?)  e co apoio mediático da dereita de fasquía aznarista contraria ao PP de Rajoy, cuxo immobilismo caciquil na Cataluña está a autoimpulsar a súa irrelevancia. Ciudadanos é o  millor posicionado para beneficiarse desde o seu inequívoco nacionalismo español. Unha especie de lerrouxismo posmoderno que non tería aparecido (a súa bolsa de votantes sempre estivo aí sen necesidade de se manifestar) se o catalanismo non tiver varrido os partidos caciquís para tornarse hexemónico.  Neste sentido, C’s (o contra-Procés) e o independentismo aliméntanse mútuamente.

Esta é a resposta en breve que che dou agora que vés de preguntarme mais unha vez desde Galiza como vexo o de Cataluña, sob a perspectiva dunhas  eleicións que o soberanismo tivo que capitalizar segundo a dinámica de campaña plantexada por Mariano Rajoy despois da aplicación do artigo 155 da CE. Unhas eleicións de Nadal na Cataluña que é moi dificil no considerar baixo os signo dunha anomalía sistémica. A  que semella a fin e o comezo dunha nova xeira do Procés e o final do rexime político do 78 que  a España zombi non percibe. Porque hoxe na Cataluña hai presos, embargados, multados e exiliados. Seica estas son as “garantías” das eleicións do 21-D fronte as do 1-O.

Sería bó que o soberanismo mantiver o poder porque neste obradoiro político europeu que é Cataluña albíscanse varios retos no horizonte que terán de ser defrontados. Por unha banda, o mandado popular emanado das urnas e, por outra, ensarillar o dialógo interno que teza entrefrebre a ferida que foi aberta en pedra. Ao meu ver só o soberanismo está en condicións de facelo  e non o bloco do 155 porque, para alén da súa lexitimidade, PP, PSOE e Cs foran os directamente millorados dunha situación ilegal baseada na drenaxe e usurpación dunhas institucións democráticas e a convocatoria dunhas eleicións que adelgazaron a igualdade de oportunidades que seica a lei eleitoral ampara. De feito, foi o devalo da política fronte a a deriva xudicial inoculada por un partido que sabe que é marxinal en Cataluña quen determinou esta campaña eleitoral sob o pensamento máxico de derrotar o independentismo “descabezando” a direción do Procés mas non para “descabezar” unha vontade colectiva. Unha só palabra serviu para deixar en evidencia a xudicialización da política e a separación de poderes:  “descabezar” foi o termo empregado por Soraya Saez de Santamaria para gabarse de que foi  o seu goberno español quen meteu no cárcere aos líderes do independentismo.  Que o candidato dunha das candidaturas con posibilidade de ser unha das máis votadas continue encarcerado só se entende segundo esa lóxica de sustración eleitoralista e posesión  propia do PP. Que os líderes de duas asociacións pacíficas e democráticas tamén padezan prisión provisional, insírese nunha nídia vontade de Estado de espallar o medo entre unha cidadanía amiga da paz. De escachar o movimento social que soergue o Procés. O bloco do 155 foi deitando luz sobre o seu obxectivo principal: liquidar o independentismo pola vía da xudicialización da política primeiro e pola ameaza e a coerción a seguir. E iso é incompatibel  con restituir e reconciliar. Para Xavier García Albiol esa cidadanía irredenta ainda “non escarmentou” e o empertigado Josep Borrell, compañeiro do partido de Iceta (escapóuselle a palabra indulto  e houbo de rectificar presionado polo PSOE) con quen partillou acto na sexta-feira, espetou sen rubro que había que “desinfectar” o país, e a seguir ditou impávido que había que comezar  polos media logo de rirse dun político que está na prisión por ter practicado unha violencia que non foi predicada nen practicada.

Meu amigo, como atento observador hai anos de todo o que acontece na Cataluña, sabes ben que os lugares comúns tantas veces atribuidos ás desavinzas entre Cataluña e España son de todo menos apodícticos. Eses tópicos non explican nen conducen algures, porén alicercan nun medo de orixe (a “constitución hibernada”, en expresión de Rafael Cid), se ben nalgúns casos de refluxo en forma de violencia verbal serven de indicadores da escalada dun conflito que aumenta segundo o grau de disonancia entre a representación política do poder do Estado e o grau de drenaxe da histórica vontade de autogoberno dos cataláns.

Porque de estaren abducidos os cataláns, tamén o estarían os españois que teiman en afortalar o discurso da España autoritaria e determinadas maiorías absolutas, porque é trampulleiro e de ínfimo rigor intelectual demonizar por perigoso e insolidario o nacionalismo catalán desde o nacionalismo español de Estado que perpetua  o pano nos ollos perante unha realidade complexa. Por que o argumentario que se utiliza quer para criticar, quer para anatemizar o  nacionalismo catalán non sirve cando se trata do nacionalismo de español, alemán ou francés?. Con certeza, como dí Pablo Iglesias, España non é Fachilandia mas tampouco é unha democracia avanzada quen de recoñecer a complexidade porque o que o lider de Podemos non quer ou no pode ver  é que o poblema de fondo non é o que leva defendendo o catalanismo histórico, mas a resposta recibida por parte do estado español. Certo é que houbo erros no  soberanismo cando debruzou no discurso reactivo da “España que ens roba” ( para formular petición de mellora de financiamento)  ou cando  descualifica o votante do PP, un perfil que tan ben coñecemos na Galiza, que é tan real como o familiar ou o viciño do lado que se sinte representado polos amigos de Bárcenas que teiman en axir na política catalá co só cálculo do gaño que iso lle proporciona en España. Tentar enxergar o marco mental, o que lle pasa pola cabeza para sentirse representado por proxectos acima-abaixo debería ser unha tarefa urxente.  Como enxergar senón que o apelo a desinfeccións e a descabezar partidos democráticos que gañaran as eleicións como se fosen organizacións violentas poida ter a afinidade dun posibel receptor? Se ainda hai duas Españas, u-las? Decátanse que para tentar rematar co independentismo catalá estan adulterando e acabando coa separación de poderes e laminando dereitos civís? Por que a miraxe non é o dereito a decidir mas acreditar que o que torna democrático a un Estado é o “imperio da lei”, que as únicas respostas sexan as xudiciais e as policiais. O problema de Cataluña foi acreditar que o estado español axiría como Canadá ou Reino Unido, de acordo aos dereitos cívis.

A humillante intervención da autonomía culmina a castración do Estatut de 2006 e só serve para intervir os mossos d’esquadra, deslocar o tesouro de Sixena e abraiarse de como un ministro dita desde Madrid a anulación de medidas legais do goberno cesado sen dar conta no Parlament. Cando nunha “democracia emprazada” un partido  que só ten o 8% de apoio eleitoral (e en regresión permanente) daqueles sobre quen goberna por decreto, esa democracia está virando a ditadura.  Se ao amigo lector lle semellar excesivo chámeselle entón autoritarismo pós-democrático, aquel que se deriva da impotencia da política e da instrumentalización de xustiza como substituto daquela. A antipolítica como política. Confundir a xustiza constitucional coa xustiza penal é o primeiro paso para deixar de ser un estado de dereito (cando para combater ao adversario político non se utiliza a prisión). Os maiores de cincoenta anos seguro que teñen ouvido aquel retrouso ameazante do “se non  houber entrado en política, non teria terminado na prisón”. E quen dicia iso? Os franquistas.

Neste momento, o que tendo que ser excepcional acaba drenando o espazo político que é onde o conflicto e o antagonismo social deben ser abordados. N Europa, nomeadante desde o  leste , vaise espallando e callando, paralelamente á doxa pós-moderna-liberal, unha concepción da xustiza como brazo do poder constituido e non como brazo do pobo. Alén Polonia e Hungria, Austria xa ten un novo goberno no que a extema dereita xenófoba detenta unha grande parde do executivo. Un momento político no que se espalla por Europa o discurso do  medo. Soerguido nun “legalismo ideolóxico” no que o poder o xustifica todo e cuxos atributos se entrefrebran e mesmo se camuflan coas técnicas de poder non prohibitorias, protectoras ou represivas própias do “permisivo” rexime neoliberal  e cuxa realización paródica  como dereito é tamén unha trascendencia sub specie constitutione  que lexitima a enaxenación crítica e ética fronte ao refuxiado ou fronte o acontecido  na Cataluña. Non só en episodios como coa represión física directa contra quen depositaba papeletas, más tamén como sobrecondicionador da liberdade de expresión. A caracterización no Código Penal de delictos subxectivos como o odio ou o “delito imaxinario” de rebelión son exemplos de como inoculou a razón xudiciaria a vida social e política. España escorrega pola perigosa pendente de crear un inimigo interior. Se non acepta a pluralidade cultural  e nacional, España perderá os referentes democráticos. Unha pulsión autodestructiva que vén de lonxe, da época colonial.

Non habería que inserir aí a viraxe da dereita española que lle permitiu recodificar sen purgar as súas complicidades franquistas través dun discurso nacionalista desacomplexado sob a carauta desa mesma doxa ou doutrina neoliberal que lle deu mais unha vez a hexemonía de Estado? O apelo á “desinfección” é a expresión variante da “limpeza” desexada por Albiol e que xa practica a extrema dereita hungaresa -o jobbik das camisas negras e patrullas para cazar immigrantes. Do que só se pode realizar por meios técnicos porque responde a un rexime tecnocrático de xuices, empresarios e xornalistas ao servizo dunha ameaza, que xa está a afectar ás liberdades e dereitos fundamentais, que está a perpetuar non só a morte política e social dos encarcerados, mas debulla un escenario autoritario  en España que a convocatoria das eleicións tentou simular xa que a campaña que agora remata estivo inzada de ameazas xudiciais que mostran que a acción de descabezar o liderado do Procés  coa aplicación do artigo 155 para así afundir o independentismo non é mais ca unha pensamento ilusorio que teima en negar a realidade. Alén diso, o bloco do 155 mantén un silenzo nada alentador respeito ao levantamento do 155  e que se acepte o resultado democrático. Porén,  após o 21-D, cando haxa que formar goberno, a teimuda realidade emerxerá con todo o que foi elidido e evitado durante a campaña eleitoral. Liderando a nova xeira institucional, que levará á renovación do independentismo forzado polas cirscunstancias. O aprendizado da decepción, coa orella posta no mandado popular, deberá ser máis inclusivo e abranxente para así trazar novo roteiro xurdido das urnas mas co alvo de ir sandando as feridas abertas. E iso non o pode facer o bloco do 155 xa que estas eleicións alicerzan no simulacro de igual correlación de forzas e dun país dividido en dous, cando é evidente que están nesgadas pola desigualdade de condicións e por un proceso de desnaturalización do país en dous blocos.

Hoxe na Cataluña e na España hai máis argumentos para non votar ningún dos partidos que están a transitar o vieiro autoritario, o da represión e a humillación. As decisións da Xunta Eleitoral Central adoptou a mesma fasquía, algo que por outra parte non é novo e vén de lonxe: por exemplo, cando sob o apelo de neutralidade acaban por intervir no traballo xornalístico que non é outro que o dun profesional contratado e colexiado que está obrigado a interperlar, interpretando, o que acontece. E se non é así, non hai xornalismo. Pois ben, esta anormal campaña eleitoral tamén é a da excepción informativa na que se prohibiran dicir “violencia policial “ou “presos políticos”…levar lazos amarelos nas lapelas ou penduralos das árbores de Nadal en solidaridade cos  presos políticos. Aprendimos de Michel Foucault que non é preciso alegar maquinacións para enxergar as pretensas intencións ocultas do poder. Só compre ollar acima a foto da árbore de Nadal  cos lazos amarelos nun lugar público porque seica é considerada partidista. O que equivale a dicir que o que se trata de elidir é unha realidade: porque o que a patética teimosía da retirada de lazos amarelos significa é que o estado español está sumido nunha anomalía sistémica que permite a candidatos e representantes políticos unionistas o insulto e vexación dos candidatos encarecerados ou no exilio e na que institucións do Estado fan campaña a favor de determinadas opción políticas. Mentras remato estas liñas expedientan aos candidatos Junqueras e Sánchez per ter enviado mensaxes de voz desde Estremera e Soto del Real e a policia española identifica a Mireia Boya,  a cabeza de lista da CUP e outros militantes, nun acto eleitoral na capital do Segrià.

Acho que o soberanismo gañará as eleicións (que manterá os 2 millóns de votos) e o desafio será grande para dar cumprimento ao mandado das urnas, mas deberá continuar afondando na ars associandi, esa capacidade de convivio demostrada que consiste en ir  tecendo espazos de diálogo que recosan o que o 155 escachou. As pontes e pontigas contruidas nos últimos anos entre Junts pel Sí e a CUP  non é máis do que a plasmación no proceso de anovación do proxecto soberanista, de dereita a esquerda, con todos os seus pormenores e duplas hélices, desde a esquerda clásica até quen desde a experiencia municipalista non tentou veiculizar os movimentos sociais a unha estratexia eleitoral de partido.
De querermos  pór en perspectiva o acontecido no marco da globalización, na Cataluña ensaiouse nos último anos un modelo de ars associandi excéntrico ao mainstream europeu (hai anos que os cataláns  veñen gañando a independencia abaixo-acima e o independentismo tería acordado moito antes se o TC daquela non houber rexeitado a Loapa) que está a deitar a luz desde o miolo da Europa desenvolvida na necesidade de recontruir e retecer espazos de socialización que, para alén da creación de hexemonía, afortalen vincallos entre cidadáns fronte a xeira exacerbada de individualismo neoliberal. E iso só o pode facer unha sociedade políticamente madura e cosmopolita, ou se o prefires, unha nación de cidadáns resilentes acostumada a sobreviver, que fixo do castelán o seu segundo idioma e cunha grande porcentaxe de persoas chegadas de fora desde hai máis dun século e de cuxa desafección respeito a España xa avisara Montilla, un President andaluz.
A diferenza doutros a demanda democrática catalá acepta a pluralidade interna.Que Arrimadas e Albiol expresen  en perfecto catalá que queren menos catalá, seguindo a xeira desnormalizadora de Feijoó en Galiza, é tan insólito como irresponsabel. A España da dereita irredenta aceptaría que lle espetara un dos seus líderes que cómpre aprender menos castelán nas escolas e máis as outras linguas do Estado para reflectir así a España real?Non saben acaso que a inmersión lingüística é un dos maiores consensos desta sociedade e unha fonte de cohesión social?
O obradoiro catalá permite deitar luz en non poucas contradicións e incoherencias da esquerda tradicional española e dos comúns no seu proceso de aggiornamento institucional que van alén do tradicional eixo esquerda-dereita e que tamén mostra diferente expresión e implantación quer no eixo municipalista visibel no territorio quer no eixo metropolitano de Barcelona. Porén, o soberanismo fita a ollada nos comúns. Alén diso, cun parlamento con 7 partidos pódense construir moitas maioresías parlamentares. E co 50% dos votos o independentismo pode continuar traballando a prol dunha maioría social. O aprendizado da decepción podería servir para afondar nunha proposta política que precisa da organización da xente e o seu protagonismo.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: