off
Cedeira, Cultura — 15 Decembro, 2017 at 11:06 a.m.

Cedeira amplia o seu patrimonio coa localización da quinta “pedra formosa” que existe en Galiza

by

[Pingota Comunicación] Cedeira entra pola porta grande no mundo da arqueoloxía castrexa co descubrimento dunha “pedra formosa” -das que até o de agora só había catro en Galicia- na escavación arqueolóxica financiada pola Xunta de Galicia e executada polo equipo do Emilio Ramil na zona de Campo do Castro, máis concretamente na punta do Sarridal. As pedras formosas forman parte da ornamentación dos denominados “monumentos con fornos”, uns complexos arquitectónicos vencellados ao mundo castrexo e pensados para tomar baños de vapor. Un adro, unha antecámara -na que tamén existe un banco-, unha cámara e a entrada ao forno son espazos perfectamente identificables dentro da superficie dos cen metros cadrados nos que se está a traballar desde os primeiros días de decembro.

O arqueólogo Emilio Ramil sitúa a construción entre un século a.C. o e dous ou tres posteriores ao mesmo. Dase a circunstancia de que Emilio Ramil, xunto coa concelleira de Cultura de Cedeira e arqueóloga de profesión, María Xosé Rodríguez Pérez, foron quen de localizar, hai agora 28 anos, outra “pedra formosa” que saíu á luz como resultado da escavación levada a cabo en Punta dos Prados, no municipio de Ortigueira, polo que ningún dos dous podía ocultar a súa ledicia.

Rodríguez Pérez quixo agradecer á Xunta a súa colaboración económica que “pon en valor o patrimonio cedeirense”, e ao equipo que está a levar a cabo a escavación “por traballar sen descanso”. Rodríguez Pérez adiantou que o Concello dará continuidade a esta primeira intervención, que pecha mañá, coa consignación dunha partida específica nos orzamentos do próximo ano, ademais de xestionar outras posibles axudas. En canto á repercusión do achado, a concelleira tanto apuntou ao enriquecemento patrimonial do municipio, incluído o seu atractivo turístico,como á semellanza que existe entre o conxunto de Punta dos Prados co agora localizado no Campo do Castro. Isto, segundo a concelleira, vén de confirmar o contacto que houbo hai séculos entre as persoas que habitaron, durante máis de 400 anos no caso do cedeirense, ámbolos dous asentamentos.
Ramil, que chegou a recoñecer que “a min tocoume dúas veces a lotaría”, explicou que o que agora existe na zona do Campo do Castro “é unha sauna de vapor adaptada ao mundo castrexo”. Destacou así mesmo o perfecto estado de conservación que teñen a maior parte das estruturas, aínda que co paso do tempo chegaron a desaparecer a maioría das lousas do pavimento da cámara e a “pedra formosa” que no seu día foi quen de dividir as dúas cámaras, ademais de impedir a saída de calor ao exterior. Os restos de dúas paredes de pedra, situadas a ambolos os dous lados da cámara principal, chegarían a crear no seu día a bóveda baixo a que estarían as laxas, froito da temperatura lograda a base de pedras e da auga quentada no forno que aínda permenece oculto. En todas as estancias escavadas tamén foron recuperados restos de cerámicas da época castrexa que aínda non foran totalmente analizadas.

As localidades de Santa María de Augas Santas, Borneiro e Fonsagrada acollen as pedras formosas que ata o de agora foron atopadas en Galicia. Delas tamén existen constancia tanto en Asturias como en Portugal. O seu nome responde aos adornos que levan tallados. O equipo de Emilio Ramil nesta ocasión estivo integrado por catro arqueólogos máis -Víctor Tomás Botella, Ánxo López Felpeto, José Ramón Martínez Casal e David Abella- e cinco auxiliares -Xoán Carneiro Herrero, Carlos Rodríguez López, Macarena Teijido Ferreiro, Mónica Legaspi e Sara Ramil Blanco, ademais de Alexandre Ramil Blanco que levou a cabo o traballo audiovisual captado coas imaxes de dron.

 

 


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación. O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off