off
Arte, Editorial, Estado, Galiza — 12 Decembro, 2017 at 10:22

A aplicación do 155 para garantir un “espolio”?

por

A intervención do Estado precipita o desenlace do caso Sixena. Unha orde xudicial obriga a devolver a Aragón 44 pezas e obras de arte sacra que levaban décadas no museo de LLeida. A operación de traslado faise cando hai aínda 4 recursos contra o mesmo pendentes de resolución. O deslocamento ao mosteiro de Sixena, en Aragón, das obras que había no Museo de LLeida deita luz sobre o trato colonial do goberno español respeito  a Cataluña, Galiza e Euskadi, mas tamén ao resto do territorio español. Porque hai límites culturais que non coinciden cos da administración e cos do estado nacional xudicial. Sen dúbida, a significación é nídiamente política. Como todo o patrimonio espoliado aquí e en toda parte. Ao cabo, musealizar é un proceso político de activación, conservación e valorización dun conxunto de artefactos culturais, entendidos en sentido lato, non limitado aos bens mobles e inmobles co alvo de reproducir disciplinadamente o réxime de creación da verdade  dunha determinada hexemonía ideolóxica.

Por qué o goberno de Aragón non reclama  o fragmento do retábulo de Sixena  que está no Prado e outras pezas distribuidas noutros museos de España? Por que se subastaran pezas nos últimos anos e non se puxou para conseguilas? Por que estas formas para executar a orde do xuiz de Huesca? Por qué o retorno destas obras e non outras que están espalladas polos museos e coleccións privadas? Se hai un recurso, porque a sentenza non é firme, porque non se agardou á resolución? Certo é que só unha asociación aragonesa de defensa do patrimonio, APUDEPA, ten reclamado o retorno destas pezas a Sixena.  Entre as 44 pezas hais tres caixas sepulcrais de monxas e priores do século XV catalogadas e  protexidas polas leis do patrimonio catalás e fan parte dunha colección inseparabel. De todo o tesouro os tres sartegos góticos de Sabela de Aragón, Francisquina d’Erill e Betriz Cornel son as máis prezadas  xunto a catro fragmentos do retábulo de mármore de santa Ana.

Que dereito se tutela en medio dunha campaña eleitoral ?

Segundo o Estat nacional xudicial, os límites políticos coinciden cos límites relixiosos (anexións parroquiais, etc). O que se tentou facer desde o franquismo inculpando aos cataláns da queima da Verge del Cor. Unha concepción territorial e patrimonial que obvia que foi o bispado de Lleida quen se fixo cargo desde patrimonio perante o desleixo da propia administración aragonesa e española. Esta intervención non está alineada coa situación política na Cataluña desde a aplicación do 155? Por qué se tentou crear ex nihilo un idioma denominado “lapao”? Onde debe estar o patrimonio? A cuestión agora non é que se poda revetir unha sentenza que non é firme, mas a urxencia da medida, que atinxe a unha parte das obras (as que foran vendidas) e non a todo o tesouro. Unha sentenza de 2015 que se executa agora e non antes. Respeitanse sempre as sentenzas xudiciais  en todos os casos ou só cando é o Estado quen reclama?

As obras de Sixena fan parte da historia do Museu de Lleida, porén, de onde elas viñeran?

 A súa orixe está en Santa María de Sixena. As pezas datan dos séculos XV e XVI e durante anos foron obxecto de disputa entre os gobernos de Cataluña e Aragón. Agora, a aplicación do artigo 155, desencadenou a fin da disputa. Mas de onde vén o conflito? En 1936, os membros da FAI queimaron o mosteiro, que pertencía ao bispado de Lleida. O patrimonio fica eivado, mas Josep Gudiol, comisario da Generalitat, salva algunhas das obras coa axuda de xente do pobo. En 1940, os murais mudáronse ao Museo Nacional de Arte de Cataluña, para protexelos e restauralos. Nos anos 60, as monxas de Sixena asinan un empréstito indefinido das obras gardadas.

Entre 1983 e 1994, as monxas venderon 97 pezas ao Museo de Lleida e ao MNAC. En 1992 decidiron entregar as obras ao MNAC, mas morreron antes de que a Santa Sé a autorizase. A Generalitat e o MNAC pagaron 300.000 euros polas pezas. A isto engádense os 350.000 euros que calcula o Museo que costou restaurar e conservar as pezas durante décadas.

En 1998, o mosteiro de Sixena abandonou o obispado de Lleida e pasou a Barbastro-Montsó a Aragón. O litixio comeza entón a recuperar as obras.

En 2013, a normativa catalá impide a transferencia de obras se a conservación posterior non está garantida. A Generalitat, alén diso, lembra que nas normas internacionais prevalecen as circunstancias de adquisición das obras.  Aragón, pola súa banda, solicita que os contratos sobre as 97 pezas do MNAC e do Museo de Lleida sexan declarados nulos. As sentenzas declaran inválidas as compras que se formalizaran anos despois. Acreditan que non se puideron vender porque proviñan dun monumento protexido e que a monxa que a autorizou non foi lexitimada.

O 8 de abril de 2015, o xuíz do xulgado de primeira instancia de Huesca declarou nulas as compras de bens  realizadas pola Generalitat de Cataluña. O 12 de xuño de 2016, o xulgado de Huesca dá orde de transferencia provisional das obras. Ese ano, a Generalitat devolveu as 53 obras do MNAC. Os outras 44 continúan en Lleida.

A Generalitat e o Museo defenden que as obras permanezan na Cataluña. É por iso que eles levantaran unha batalla xudicial, mas o 155 impediu ao goberno manter a estratexia para evitar a transferencia.

O 4 de decembro o xuíz de Huesca estabelece un prazo para a entrega dos bens patrimoniais: a segunda-feira 11 de decembro. E autoriza á Garda Civil a usar a forza, no seu caso. O Museo advirte, porén, do perigo de trasladar parte das obras, e máis tendo en conta que as sentenzas son provisionais.

En mans privadas

Dí o antropólogo Marcial Gondar que para “achegarse ao sentido dunha imaxe, supoñamos relixiosa, non basta con limitarse ao estudo da mesma porque, dependendo que estea ubicada nunha igrexa, nun museo ou no salón dunha casa, vai ser sobredeterminada como obxecto relixioso, obxecto artístico ou obxecto decorativo”. As pezas de Sixena estaban nun museo público. Ao executarse a sentenza os bens irán ao mosteiro de Sixena. Vai a mans privadas, as das monxas sanxoanistas que que venderan o seu patrimonio á Generalitat. O proceso xudicial foi pagado con fondos públicos do Goberno de Aragón e do Concello de Vilanova de Sixena.Desde o punto de vista cultural e patrimonial era tan urxente facer o traslado antes das eleicións do 21-D?

Os Méndez de Vigo, a Orde de San Xoán de Xerusalén e os ultras

O irmán do ministro Méndez de Vigo y Montojo é o presidente da orde das freiras de Sixena (que tamén é coronel do exército español e  director do gabinete técnico do secretario de estado de Defensa). O próprio ministro recebiu unha condecoración desta orde relixiosa, concretamente de Cabaleiro de Honor e Devoción en Obediencia da Soberana Orde Militar de San Xoán de Xerusalén, Rodes e Malta.l Alén diso, o cuñado do ministro, Iñigo Pérez de Herrasti é un dos acusados polo ataque ao Centro Cultural Blanquerna o ano 2013.

 

CODA GALEGA. Encanto Montoro está a piques de vender un xacemento paleolítico en Vilalba, parado in extremis pola mobilización política e social, por qué se lembra agora La Voz de Galicia das pezas do mosteiro de Carboeiro que acabaron no Museo de Arte Marés de Barcelona co titular  “También hay arte gallego en Cataluña”? Cínguese La Voz a vixiar o que pasa na Cataluña e non o que acontece ao seu redor en Galicia? (un país que padece hai décadas os efectos traumáticos dun cambio caracterizado pola anomia e o esquecimento e, portanto, cunha dificil relación co seu pasado e coa  revalorización do patrimonio, precondición para a súa preservación e conservación)  Por que neste momento e non noutro? Se tan interesada está La Voz en pensar e xestionar o patrimonio Cultural Galego, por que  non se pregunta tamén polo estado das institucións da memoria e os seus bens en Galicia? E o estado das coleccións patrimoniais galegas? Por que non dan conta do estado do patrimonio dixital galego?  E os bens etnográficos? Como se protexe a memoria en cada concello de Galicia, como se conserva o antropolóxico sen conservar o medio que o xerou? Por que non denuncia a pasividade da Xunta de Feixoó perante o patrimonio espoliado polos Franco ? Por que non reclama os arquivos das institucións eclesiásticas, pías e asistenciais galegas (4.100 pezas documentais) que pasaron a mans do Estado como consecuencia das sucesivas desamortizacións (Desamortización de Mendizábal de 1835) e que están, entre outros, no Archivo Histórico Nacional ubicado na madrileña rúa Serrano, 115?  Porén, o xornal con maior tirada do país, perante o escenario do cambio traumático de Galicia, só tén oídos para o distinto. Curioso.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: