off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 11 Decembro, 2017 at 12:47

O disputado voto do 155

por

Si jo l’estiro fort per aquí i tu l’estires fort per allà,
segur que tomba, tomba, tomba, i ens podrem alliberar

(L`Estaca. Lluis Llach)

 

Se houber algo xenuíno no procés (en futuro xa, porque foi e non houbo), unha cousa que ninguén podía discutir sen ficar en evidencia, era a súa grande e entusiasta capacidade de mobilización a pé de rúa. As multitudinarias manifestacións do 9-N e o 1-0; as que se fixeron en repulsa polos atentados terroristas de Barcelona (tamén do mesmo signo cívico), e mesmo ese último plante nómade, no mesmo corazón de Bruxelas para pasmo dos eurocépticos, deitaban un plus de espontaneidade infrecuente nun país tan dado ao control remoto, o diferido e o de plasma, para a expresión política. Desde aquelas riadas de sociedade civil do 15-M envorcadas por rúas e prazas para reprobar ás institucións do austericidio e aos seus fieis machucas, nada igual produciuse nestes pagos. É o arrecendo embriagador do que nun valioso estudo Manuel Arias Maldonado chama  La democracia sentimental.
Mas  cando soou o chupinazo de apertura de campaña cara ás autonómicas do 21-D, quen máis quen menos na clase política correu aos estudos para congraciarse coa outra cidadanía, a da España inmóbil. Votos e boinas ben valen unha misa. A proba está nese primeiro debate a sete emitido hai uns días polo Canal 24 horas de TVE. Iceta, Arrimadas, Albiol, Doménech, Turull, Torrent e Rise, todos a un tempo aplicáronse en defender as súas posicións na caixa parva. E aínda que se afastaron do transformismo charramangueiro que empregaron outros dirixentes nas pasadas xerais para seducir á maioría silenciosa (un Iglesias ensinando o seu mau fornecido frigorífico a Ana Rosa, un Sánchez en plan Indiana Jones con Calleja ou unha Soraya Sáenz de Santamaría twisteando no Hormiguero), o elenco incorreu na arrogancia do neófito. Falaban de ouvidas.
Porque dalgún xeito, alén diso, o eixo daquel encontro foi o “Réxime do 78”. Quero dicer, a polémica sobre a vixencia da Constitución de marras. Dispositivo que o bloque proindependentista considera superado e mesmo causa do ferrollo que impide o lexítimo exercicio de dereito de autodeterminación, mentres os seus opoñentes estiman que segue sendo a base para unha próspera convivencia, sen importar moito que para iso se forzase o artigo 155. Certamente, no medio, nin contigo nin sen ti, situaríase CEC-Podem, nun desesperado intento de servir como punto de encontro fronte á polarización ambiente, a mesma panacea do consenso con que se formulou a cuestionada Transición. En calquera caso, empeño inútil. Ninguén no septeto tiña autoridade para pontificar sobre tales extremos. Ningún dos presentes, por razón de idade, referendara a Constitución en 1978. Ninguén, nen se quer o máis veterano Miquel Iceta, nascido en 1960, podía falar con coñecemento de causa. Como adoita dicirse, coñecen que os vasos serven para beber pero non saben para que serve a sede.
Faltos, entón, do xuízo e a experiencia precisos para unha análise competente, non debe estrañar que as formacións que postulan o X na quiniela do 21-D recorresen a airear aos catro ventos o seu lado máis íntimo e mexeriqueiro sen ruborizarse. O líder do PSC atoleirado outra vez en plan Elvis ante os espectadores de La Sexta, e a alma de “os comúns”, Ada Colau in person, confesándose con valor en Sábado de Luxe de T5, “o programa en que se entrevista aos principais personaxes e celebrities do panorama do corazón” (segundo proclama nos seus créditos). Un 12,4% de Share, con Belén Esteban de preguntadora a Colau. O medio é a mensaxe. Parece que a miúdo en política para chegar todo o máis alto antes hai que caer todo o máis baixo. Unha tentación da que ninguén está libre e que parece o fungueiro do carro cando os protagonistas son aqueles que dixeron vir para traer algo novo. Aínda lembro a disputa formada cando nun mitin público preguntei ao deputado e senador de Podemos Ramón Espinar se a sua defensa incondicional dos dereitos humanos era compatibel con “fichar” para a dirección do partido ao antigo JEMAD Julio Rodríguez, o xefe militar que dirixiu a ofensiva aérea da OTAN contra a Libia de Gaddafi. “Limitábase a obedecer ordes dos políticos”, contestoume rotundo. O que me permitiría replicar: “Ese é o mesmo argumento que usaron os nazis na sua defensa nos xuízos de Nuremberg: a obediencia debida”. Inútil é dicir que a concorrencia en manda tachoume de todo menos de bonito. O consentimento dos gobernados ás veces produce monstros.

 

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: