off
Galiza — 11 Decembro, 2017 at 8:28 a.m.

261 incidencias polo temporal e 4.300 persoas sen luz

by

O país continuará na influencia da profunda borrasca localizada ao norte da península Ibérica que desta volta achegará ar frío


Galiza rexistra  261 incidencias polo temporal, a maior parte delas en Pontevedra, segundo o 112. Os concellos máis afectados son Vigo, Pontevedra, Santiago, Soutomaior, Ribadavia e Lugo. O temporal obriga a desviar cinco voos con destino a Vigo e a cancelar outras tantas saídas.

A primeira hora desta segunda feira continuaban sen subministro eléctrico 4.300 clientes de Gas Natural Fenosa a  consecuencia da borrasca da fin de semana. Chegaron ser 20.000 persoas o domingo, as máis delas (11.700) no sul do país (provincia de Pontevedra). Na da Coruña estarían 5.000 afectados, por 3.000 en Ourense e apenas 320 en Lugo.

Segundo o informe actualizado ás 18,00 h, as incidencias máis repetidas dende o comezo do temporal teñen que ver coa caída de árbores e pólas nas estradas (87), bolsas de auga nas estradas (31), anegamentos en rúas (18) e vivendas (17) e cables de luz nas estradas (6). Por territorio, a que rexistrou máis incidencias foi Pontevedra con 144, seguida da Coruña con 72, Lugo con 27 e Ourense con 18.

As incidencias mais destacadas foron en Chantada co derrubamento da parede dunha casa habitada no lugar de Moreiras, sen feridos, sendo a zona precintada e balizada.  En Pontevedra, coa caída dunha árbore sobre un turismo que circulaba pola PO-10, na que non houbo persoas feridas. En Acevedo, a Ponte Sampaio, coa caída dun muro dunha casa. No concello de As Neves desprendéronse tellas e parte dun tellado á rúa dunha casa que estaba en ruínas.

Predicción a medio prazo

Segundo informa Meteogalicia a segunda metade da vindeira semana seguiremos con inestabilidade, polo tanto os ventos cambiarán de novo a norte e as chuvias terán un carácter máis irregular e intermitente, sendo máis probables na metade norte. Durante estas xornadas as temperaturas serán suaves para a época do ano. Con esta situación, agárdanse ceos anubrados con chuvascos xeneralizados acompañados de aparato eléctrico, que serán de neve en cotas arredor dos 900-800 metros. As temperaturas descenderán moderadamente. Os ventos soprarán de compoñente norte, con forte intensidade no litoral e de forma moderada no interior, aumentando a sensación de frío.

O martes irase retirando o aire frío e entrarán ventos de compoñente oeste que deixarán a Galicia con temperaturas máis suaves e moita humidade. Así, durante a mañá haberá chuvascos máis probables no norte e leste, aínda de neve en cotas arredor dos 1200 metros de altura. partir do mediodía os ceos quedarán cubertos con chuvias de carácter moi feble. As temperaturas descenderán lixeiramente ou quedarán sen cambios significativos. O vento comezará o día do noroeste e irá virando co avance da xornada ata quedar do suroeste á noite, en xeral frouxo con intensidade moderada no litoral norte.

No mar alerta laranxa até as 15 horas

O temporal deixará sentir os seus efeitos até últimas horas desta segunda feira, embora irá perdendo forzas paseniñamente. Informa Meteogalicia de que a alerta laranxa se vai manter na costa até as 15 horas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off