off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 7 Decembro, 2017 at 8:18 a.m.

Nacionalismo constitucional

by

Esa lealdade suprema que é o patriotismo
 (Herrero de Miñón)

O saio non fai o cura. Nen se poden importar a España valores compartidos de países con maior dimensión democrática. O concepto “patriotismo constitucional” (Dolf Sternberger), innovado na antiga República Federal Alemá (RFA) para promover unha convivencia cimentada no respecto dos dereitos humanos, superadora da etapa nazi, non ten aquí apenas percorrido xenuíno. Entre outras cousas, e sobre todo, porque o ponto de partida da nosa institucionalidade asenta na amnesia oficial do pasado autoritario e liberticida, e non na súa reprobación coas debidas consecuencias. Posibelmente como un efecto dese déficit fundacional, nestes precisos momentos asistimos a un golpe do nacionalismo constitucional. Así, mentres o bloco dinástico hexemónico se apresta a conmemorar o corenta aniversario da Constitución, esa mesma legalidade permite disolver o parlamento dunha Autonomía e encarcerar a varios membros do seu goberno por motivos políticos con desprezo do criterio dos seus eleitores.

Intervención urbana do grupo de arte efémera Luzinterruptus,  Madrid verán de 2016.

O segredo desta patoloxía radica no artigo 2 desa Carta Magna referendada daquela maneira en 1978. Aquel que dicía “a Constitución fundaméntase na indisoluble unidade da Nación española, patria común e indivisible de todos os españois, e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas”. Preceito que convertía o Estado no centro neurálxico dunha comunidade de cidadáns sobre a que orbitaban as súas nacionalidades integrantes como países satélites. É dicir, a soberanía nin se compartía nin se delegaba. Por iso caeu todo o peso dese “nacionalismo constitucional” sobre aqueles que, en representación do pobo que lles comandou, pretendían habilitar o dereito a decidir.
O problema abísmase cando sabemos, aínda que case todos os cronistas o agochen de xeito fraudulento e desavergoñado, que a redacción dese decisivo texto constitucional tivo unha orixe espúria e extraparlamentar. Non saíu dos traballos da comisión encomendada a confecionalo. Foi unha mensaxe imposta por poderes alleos a eses mandatarios populares a través da presidencia do goberno. E segundo moitos indicios, o ucase tiña procedencia castrense. Mas os “pais da patria” engoliran e acordaran asumilo como próprio. Así se forxou a historia malcontada da famosa Constitución. E armada con eses poderes, a Nación española, soberana sen paliativos, pode agora chamarse andaina á hora de meter en vereda aos que se afasten do seu oremus.
Cabería argumentar que en realidade se trata dunha cuestión secundaria, porque outro artigo de superior xerarquía normativa encomenda en exclusividade a soberanía (a suprema autoridade) á xente. Esta misión perfílase no contido do artigo 1, punto dous, aquel que proclama: “A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado”. Entón, aquí paz e despois gloria? O goberno do pobo, polo pobo e para o pobo. Democracia químicamente pura.
Mas hai un porén. Chámase soberanía transferida e compartida. Transferida porque fala de “soberanía nacional”, que se refere directamente á devandita “Nación española”, ente político “indisolubel” e “indivisibel”. E partillada porque hai outro elemento na estrutura constitucional que goza dunha hexemonía absoluta. Un ser de carne e ósos, alguén excepcional, porque o seu potestas é vitalicio, non concita auctoritas, e tamén é non eleito. Está no artigo 62, apartado h. E ese mandamás é o Rei que, alén de ser o Xefe do Estado (art.56), é o “mando supremo das Forzas Armadas”. Esas son as regras do xogo que fan posible o rigodón do noso nacionalismo constitucional: Nación española, Rei e Forzas Armadas. Como unha matrioshka de tres pisos. O perímetro péchase co nexo do artigo 8, punto 1:”As Forzas Armadas, constituídas polo Exército de Terra, a Armada e o Exército do Aire, teñen como misión garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional?. Mudemos o termo “constitucional” por “institucional” e teremos ao artigo 37 da Lei Orgánica do Estado da ditadura de 10 de xaneiro de 1967.
Todo isto foi posibel porque as cúpulas dos partidos de esquerda que asumiran a oposición ao franquismo entraron na senda do cacarexado consenso. E ao admitir a equiparación entre os “dous bandos” como un requisito para gañar a democracia tras décadas de ditadura, renunciaron da noite para a mañá ás que foran algunhas dos seus acenos de identidade. Estes son os meus principios, pero se non lles gustan teño outros, poderiamos dicir parodiando ao cómico. Aínda que a cousa vestiuse con roupaxes intelectuais co expediente de que se tratou dunha “concorrencia de debilidades”.
O primeiro en desfilar foi o Partido Comunista de España (PCE). No seu Manifesto Programa de 1975 podía lerse: “Respeitando o inalienabel dereito dos pobos a decidir libremente os seus destinos, a democracia política e social recoñecerá o carácter multinacional do Estado español e o dereito de autodeterminación para Cataluña, Euskadi e Galiza, garantindo o uso efectivo dese dereito polos pobos?. E en 1978 isto outro: “As autonomías no marco da Constitución serán un elemento esencial da democratización do Estado, xa que representarán o recoñecemento concreto das peculiaridades políticas, económicas e administrativas, idiomáticas, culturais, etc., dos pobos de España”. Pola súa banda, o PSOE falaba do “dereito de autodeterminación dos pobos” no XXVII Congreso de 1976, para dous anos despois, no XXVIII Congreso, falar de “a profundización autonómica plasmada na Constitución”. O bloco consensual, que agora abracadabra o artigo 155, constitúe unha unidade de destino no nacionalismo constitucional.

 (Nota. Este texto é plenamente debedor da obra de Xacobe Bastida "La nación española y el  nacionalismo constitucional. Ariel Derecho, 1998)

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off