off

O método Supremo para unha campaña eleitoral xudicializada na Cataluña

by

O Tribunal Supremo vén de retirar a euroorde de detención internacional sobre Puigdemont e os consellers que a antiga instructora do caso, a xuiza Lamela, imputara os delitos de rebelión, sedición e malversación polo referendo do 1-O, reclamando a súa volta a España. Porén, malia a aparente distensión desta medida (que non agardou á decisión belga do 14, talvez para evitar unha derrota xurídica)  que continua a manter en vigor a orde de detención estatal, se ben evita que só sexan xulgados por un delito de malversación e non por sedición e rebelión,  causa pasmo e estupor a facilidade con que os españois están a aceptar a anomalía dunhas eleicións na Cataluña, con persoas en prisión pola vontade (ou é venganza?) dunha das partes ideolóxicas en contenda. A mesma facilidade coa que aceptaran o relato oficial de que as eleicións do 1-O foran ilegais e merecentes de represión policial, insultos e porras. Sorprende que os propios partidos políticos soberanistas tamén a teñan aceptado sob a lóxica do mal menor(calquera outra opción supón entregar as institucións).

Os españois e, nomeadamente os cataláns, están a afacerse a viver nunha teimosa anomalía. Onte sairan de prisión duas conselleiras e catros conselleiros da Generalitat  que foran cesados por un goberno español que suspendeu o autogoberno catalá de brazo dado do PSC-PSOE e Ciudadanos en virtude do artigo 155 da Constitución. Unha acción punitiva que interpreta a constitución dun xeito cuestionabel. Porén,  o xuiz do  Tribunal Supremo Pablo Llarena deixou na prisión ao vicepresidente, Oriol Junqueras, ao  conseller de Interior, Joaquim Forn, e  ao exlíder da ANC, Jordi Sánchez, e o líder do Òmnium Cultural, Jordi Cuixart.

O xornal francés ‘Le Monde’ califica de “surrealista” o comezo da campaña eleitoral na Cataluña:”Candidatos no cárcere, outros exiliados na Bélxica, toda a rexión baixo tutela de Madrid desde hai máis dun mes…Trátase dunha campaña eleitoral surrealista a que onte  comezou  na Cataluña”. O xornal móstrase escéptico sobre a volta á normalidade após do Referendo do 1 de outobro: ” O procés (de independencia) rematou”, afirmou Rajoy. Após dúas semanas antes das eleicións, nada é menos certo”.

Arestora a  Policia Nacional rexistra a sede do Idescat (o Instituto de Estatística da Cataluña) polo censo do 1-O, entanto o Síndic de Greuges (O Valedor do Pobo catalá) afirma nun comunicado que manter na prisión aos activistas  Jordi Cuixart Jordi Sánchez, e ao esconseller Joaquim Forn e ao exvicepresidente Oriol Junqueras  supón “obxectivamente unha distorsió destes comicios e, por tanto, dos seus resultads”. E acrescenta: “Na situación actual, a campaña eleitoral tamén fica xudicializada”

Paseniño mas sen pausa vaise demostrando que estamos perante un sistema xudicial de parte. Hai dúas parte en conflito e o aparello xudicial está nas maos dunha das partes. A interlocutoria así o recoñece cando, entrando en contradición co propio TC que recoñece a lexitimidade da acción política do independentismo sob a constitución española,  se pronuncia e exclama contínuamente que se teñan conxurado, traballando e coordinando para acadar o obxectivo político. Seica non é iso acción política por medios democráticos? Un xuiz pode punir o feito concreto que transgrede a lei, mas como é posibel que se interrogue por unha acción política dirixida a…? Onde é que está o delito?

Mas non estabamos na fase de instrución? Este momento non é o do xuizo, mas o de instrución (que non ten porque acabar necesariamente en xuizo): por iso é preocupante, por inconsistente desde o punto de vista xurídico, que non se cumpran os requisitos básicos que determinan que a unha persoa a envien a prisión sen ter sido condenada. Eís o problema fulcral deste auto, o seu voluntarismo, a asunción de que non hai risco de fuga nen de destrución de probas, mas a seguir distingue entre os que fican no cárcere e os que deixa en liberdade alegando a posibilidade de reiteración no suposto feito delitivo. É función do xuiz de instrución ditar sentenza cando ainda non houbo xuizo?

Xestión do risco.Este auto fai un razonamento xurídico que fai da prisión provisional un uso discrecional. Non depende da sentenza, mas do xuiz que che toque. Se estamos na fase de instrución, como se pode soster deixar libre a Forcadell e manter en prisión a un vicepresidente que seica xa non é vicepresidente? O argumento de volver a delinquir que consistencia pode ter en persoas que xa non teñen cargo político ningún? Se Joaquim Forn non é conseller como poderá reiterar no suposto delito se xa non ten cargo executivo? Onde está o risco aí? Ou vai ser que agora é delito defender algunhas ideas ainda que sexa dentro da legalidade española?

Arrepía comprobarmos que se manteña en prisión provisional e coa ameaza concreta de que en función de como se manifesten na campaña eleitoral poden volver á prisión e co García Albiol (PP) azuzando mais unha vez o a por ellos! Non se entende como PsC-PSOE, Ciudadanos e PP teñen a baixeza moral de aceptar que se tipifique como “violenta explosión social”(algo dificil de enxergar diante dun movimento que se caracteriza por ser pacífico, algo recoñecido por todo o mundo). Que é que significa iso? Talvez unha excusa  a medida para manter en prisión a dous líderes sociais que se manifestaban pacificamente diante dunha Conselleria. Agora a responsabilidade penal volve ser individual- lémbranse cando xustificaban que era unha responsabilidade penal de grupo? A xustiza española encamiñando o perigoso roteiro da subxectividade.

As eleicións do 21-D seran as máis atípicas da democracia española e terán consecuencia determinantes para Catalunya…e España. Unhas eleicións tan anómalas como importantes. Lastradas, sen dúbida, pola indecencia das institucións de España, quer dicer, o goberno, o Parlamento, a Fiscalía Xeral do Estado (cuxa versión é  literalmente a do goberno español), o TS, a AN e a policía, polas violacións de dereitos e libertades concretadas nos representantes eleitos  e nos líderes sociais que ainda permanecen encarcerados.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off