off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 1 Decembro, 2017 at 8:22 a.m.

Homenatge a Catalunya

by

Cando os carabineiros espreitaban na noite
 e era un túnel a abóbada do ceo
 sen luz nas carruaxes, fixen un lume de estrelas na boca do lobo"
 (Joan Salvat-Papasseit. Nocturno para acordeón)

 

Até non hai moitos anos a política era a esfera case exclusiva da socioloxía. As masas e non as persoas dominaban ese teórico “arte do posibel”. Até que algúns pensadores, visto as resistencias que esas mesmas multitudes gregarias oferecían as mudanzas, empezaron a incorporar ás súas análises do colectivo a problemática da psicoloxía. Había que indagar o porqué de tanta retranca.
Dous deses estudosos que entenderan que o home é un animal social e moitas cousas máis, foron o grego-francés Cornelius Castoriadis, un marxista que terminou convertido en libertario sen ser nunca anarquista, e o arxentino-francés Eduardo Colombo, un libertario que sempre foi anarquista a tempo completo. Ambos os dous, escritores comprometidos co activismo político emancipatorio, procedían profesionalmente da mesma disciplina que Freud encimara, aínda que nas súas conviccións mestúranse diferentes escolas.

Capa da primeira edición desdobrada do libro “Homage to Catalonia” de George Orwell (1938)

Porén, o un e o outro, souberon ver na expresión “imaxinario social” parte das causas que facían tan difícil a construción dunha orde nova capaz de bascular da heteronomía excluínte á autonomía inclusiva. E tamén entenderon que no mundo secredo das palabras atópase outro dos niños que lastran a consecuente desconexión con tradicións, mitos, crenzas e supersticións. Eses fetiches que cando se pon en cuestión de maneira solvente parecen abrir o abismo ao nosos pés. De aí a vertixe ao descoñecido e a forza bumerán do xa sabido. A miúdo, moitos prefiren a inxustiza á desorde e conténtanse con dicir máis vale mau coñecido que bo por coñecer.
O denominado “desafío catalán” mostrou algo desa dualidade castrante. O mesmo termo “autodeterminación2, talismán teleolóxico para identificar o “procés constituent”, segundo como se pronuncie, pode ser unha cousa ou o seu contrario. Tan estreita é a liña da súa sombra. Se enunciamos o sintagma ao completo significa a ambicionada autoxestión, mas o se o cortamos damos vida ao seu contrario: auto de terminación. Punto e final. Unha reversibilidade que se manifesta tamén nese despropósito de proclamar a independencia e á vez non declarala, exercida con pompa polo president Carles Puigdemont. Aínda que a cousa é máis bruta se cadrar co que afecta á palabra “independencia”.
“Independencia”, novamente, como “autodeterminación”, remite a “soberanía”, a non ter ninguén por encima que coaccione o noso dereito a decidir. Porén, na mesma hipótese xa exhibida, se a deconstruimos, fica como na secuencia “in dependencia”, e de novo chegamos ao seu contrario. O prefixo “in”, segundo a RAG, admite dúas acepcións principais. A primeira equivalería a “dentro”, “ao interior”. A segunda prescribe “negación”, “privación”. Estamos pois no gume da navalla de Guillerme de Occam, como cando enfrontamos potencia e impotencia (o “m” en lugar do “n”, con idéntico fonema, é só un recurso orográfico). De aí o vaivén a que está submetido o conflito de marras: un proceso constituínte que esixe previamente outro deconstituinte, ambos co mesmo percurso: de abaixo-acima.
Un estigma do que ninguén está a salvo. Os españolistas inimigos do “procés” tampouco poden subtraerse a esa ruleta rusa das palabras actuando como puños. Acontece que eles controlan os tempos desde o poder. Están no ponto de saída e non no de chegada, e iso dálles unha enorme vantaxe á hora de impor as súas credenciais. Ocorreu este ano coa celebración do 12 de outubro como Fiesta Nacional, en lóxica expansión anti-independencista para gañar a batalla dunha percepción pública maioritariamente patrioteira. Era un “homenaxe á bandeira”, enténdese que á insignia do “todo”, a España unha e indivisibel, fronte á “parte” catalá rival que aspira a deslocalarse. Mas a  o ligame lingüista opera a favor do instituido. “Homenaxe” e á “bandeira” é un oxímoro, unha contradición nos seus termos, unha atribución espúria, tal que dicir “o discurso da ra”. Como a súa propia etimoloxía indica, “unha homenaxe” só é atributo dos seres humanos. Nunca dun farrapo, aínda que se vista de bandeira, que é sempre a insignia dun bando. Outra cousa é que na práctica histórica persiste ese investimento da lóxica, que sexa o “homo” o que debruce ante unha bandeira. Proba de séculos de submetemento humano irracional.
Por iso moitas revolucións aplican mudar o nominal das cousas: os meses do ano a Revolución Francesa (Brumario, etc.) ou os nomes de pila na Revolución española (Xerminal, Liberdade, etc.). Hoxe, até tentar modificar o rueiro considérase un acto case subversivo. Mas onde eu realmente quero chegar é ao tema do previsibel e o imprevisibel. Unha mudanza radical supón entrar no reino do imprevisibel, o incerto, o que está por vir. Pola conta, o previsibel, o xa coñecido, o que non admite sorpresa, é parte constitutiva do sistema. Non acende o timbre de alarma de “horror ao baleiro”, como acontece co imprevisibel, e leva certo confort na súa tediosa rutina É así se vos parece!Deixe os outros pensaren! A maioría silenciosa, esa amorfidade xacente, pace nos circuítos do previsibel. A minoría insurxente, un coloso en vixilia, nas terras do imprevisibel.
As categorías do previsible procrean monotonía, servidumes voluntarias e curto-prazo. Rompe o día, e non é pouco! As do imprevisible, proactividade, utopías ucrónicas e relatos de longo alento. Esta é tributaria da democracia, aquela da demoscopia. Por iso non hai acción sen reacción. Até pulsae ese Punto G en que os submetidos ao previsibel senten o acordar interno que lles permite descubrir o humano certo que hai implícito nos seres humanos. O seu ADN non contaminado. A maiéutica socrática. O paso de replicantes a persoas. O que se apuntaba nese maremágnum de estelades e rojigualdas que foi desde a autodeterminación ao auto de terminación e da independencia á in dependencia, e volta a comezar.
Algo que só se dá excepcionalmente na historia dun pobo. Aínda que xa aconteceu fai agora case 80 anos nese mesmo escenario de debate. Cando un 19 de xullo de 1936 toda Barcelona, o territorio humano dos poemas de Salvat-Papasseit, pegou a rúa en común para salvar ao resto de España do levantamento fascista. Contouno, para que non se esqueza, George Orwell no seu Homenatge a Catalunya.

(Nota. Este artigo publicouse tamén no número de decembro de Rojo y Negro)

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off