off

Ultra-Rajoy e a miraxe autonómica

by
Mariano Rajoy no Congreso dos Deputados despois de apañar millóns de sinaturas en 2007 contra o Estatut catalá

Para un galego que mora e traballa na Cataluña hai mais de vinte anos  é doloroso escribir que un presidente do estado español, compostelán de nacencia e criado na cidade do Lérez acabara actuando como presidente da Generalitat através do BOE. Alén de non ser escollido polos cidadáns da Cataluña, revelouse como un ultranacionalista español con poderosos tiques anti-cataláns como antes tamén  presentara tiques profundamente anti-galegos. Na miña acordanza nunca o sentin expresarse en lingua galega, nen durante a lexislatura na que foi vicepresidente da Xunta nen despois. Malia sua dilatada carreira política non percebin sensibilidade ningunha coa lingua propia de Galicia nen nada fixo para protexer os dereitos linguïsticos dos seus paisanos lexislando abertamente na súa contra (lei Wert). Nunha especie de golpe constitucional acabou sendo sucesor informal do president da Generalitat e nese sentido é o segundo galego en cen anos que ocupa de xeito ilexítimo un cargo para o que non foi eleito. Diferente ao de Franco, mas sucesor, afinal. A diferencia do de Ferrol, non se instalou na praza Sant Jaume polas armas malia ter enviado a 6000 policias a reprimir unhas eleicións e non ocupa nominalmente o cargo (no franquismo a Generalitat fora abolida), mas foi quen de intervir conselleries e exérceo delegando várias decisións executivas en Soraya Sáenz de Santamaría. Goberna un estado que como todo estado represor non considera os seu presos políticos como tais. A falta de autoridade tradúcese en autoritarismo. O PP, alén de ser o máis autoritario e corrupto, só ten o 8% dos votos dos catalás. E iso é aceptado como “principio de realidade” fronte a un proceso inédito liderado polas clases medias desde plantexamentos estritamente democráticos coincidindo co período histórico de maior mestizaxe de Cataluña e cando o catalá non ten hexemonía lingüística. É interesante valorizar estes datos xa que o concepto de nación deste proceso non excede a vontade dos cidadáns que a forman. De feito, quen semella ter afortalado a nación como criterio de demarcación que antepón o estado-nación ás persoas é o goberno español e o seu marco de percepción,  ancorado nun perigoso legalismo ideolóxico de fasquía trascendental. Para expresalo doutro xeito, as nacións basca, catalá e galega son pérfidas e traizoeiras para o clube europeo de estados precisamente porque non teñen estado. Axiña esqueceran que a barbarie foi de brazo dado dos nacionalismos con estado e non das nacións que non o posuen. Porque xa se sabe que para Rajoy a normalidade é a derrota do soberanismo. O macho alfa cuxo maior fracaso político – o 155, ese entullo do franquismo que ainda arrastramos- teima en presentar como un suceso.

Porén, o españolismo foi alimentadose do anti-catalanismo desde hai máis dun século (con andazos de anti-galeguismo e anti-abertxalismo segundo as necesidades de acomodación territorial do duopolio dinástico hexemónico). Cando Wert lanza unha política renacionalizadora  ninguén se escandaliza en Madrid e contorna, cando fai o propio Ciudadanos ao antepor no seu programa reespañolizar Cataluña, tampouco. Velaí que Rajoy, entre outros, foi o criador da recollida de asinaturas na España contra o Estatuto de 2006….só para obter votos. De brazo dado dos líderes do PSOE, Rajoy e o PP teñen instrumentalizado de xeito ignominioso campañas contra o autogoberno e os idiomas das tres nacións tirando sempre da invención da suposta persecución e marxinalización do español ou as cíclicas ameazas de cambio da lei eleitoral para expulsar os soberanistas do Parlamento español. Ben é certo que para non prolongar a súa usurpación e seguindo prerrogativas europeas, pediu eleicións. Porén, como nos infames tempos do ditador, os relatorios internos teñen que ser en castelán para que os entendan nos ministerios (obvia dicir o que significa para o futuro que a maquinaria estatal penetre deste xeito no ámbito administrativo dun autogoberno). Un perigoso exemplo de autoritarismo pósdemocrático que está a fixar un precedente que tamén é un ardil e unha nídia advertencia de que sempre que o desexen poderán suspender o autogoberno, na Cataluña ou onde quiseren. Quen ten a última palabra é a oligarquía que está en Madrid através do uso do 155 ou piores cousas. A historiografia futura terá que ensarillar o legado do 155, cuxos límites cada vez fican máis claros, e os precedentes de suspensión e intervención da Generalitat que malia estar prescrito que acabaría con base no resultado do 21-D o que realmente contorna é a fin da miraxe autonómica até agora experimentada. Porque cando se tratou de defenderen o status quo non importou a guerra suxa, nen a corrupción, nen a indecente utilización da xustiza, nen Garda Civil, nen o Rei, nen o poder financieiro, nen a imprensa ( compárense a española e a catalá 2 de outubro como pedagóxico exercizo de comprobar que a imprensa española non explicaba o que pasaba;por exemplo ’24 Horas’ de TVE fornece unha experiencia ineluctabel de como facer propaganda nun medio público, se o normal é presentar solucións desde diferentes puntos, aquí os dicidores eran todos contrarios á independencia).

Porque se o independentismo volta a gobernar e non acata, Madrid continuará a gobernar á distancia. Alén dos danos específicos para a institución de autogoberno de Cataluña (hai posibilidade de que após o 21-D haxa tres gobernos: o do exilio,o das eleicións e  o que exerza Rajoy dende a Moncloa), o que está en xogo é a deriva autoritaria de control sob o canto de serea da reconciliación cando é obvio que Rajoy e colaboradores nacionalistas españois, de esquerda a de dereita, sempre dinamitaran calquera referendo acordado. Porén, a oportunidade do 155 ten servido tamén para obviar o que só é admisible obviar desde a banalización da  prisión e desde o cinismo sectario que non se arreda perante o acordar da extrema dereita e a morte do pacto estatutario, orixe de todo o que en España de desatendeu. Como a memoria é fraca convén lembrar que hai oito anos media ducia de xornais  publicaran un editorial conxunto “A dignidade da Cataluña” no que fixeran unha notificación dos ruinosos efeitos  para o sistema constitucional do 1978 unha sentenza do Tribunal Constitucional contraria ao Estatut aprobado en referendo tres anos antes como resultado dun duplo pacto entre Parlament e Cortes Xerais e refrendado polos cataláns.  O editorial denunciaba que “hai quen quen volve soñar con cirurxias de ferro que curtan de raíz a complexidade española”. E acababa alertando a opinión pública e a clase política española: “Non estamos diante dunha sociedade fraca, prostrada e disposta a fitar impasibel a deterioración da sua dignidade”. Nese mesmo período, en 2007,  Feijoó abortaba as negociacións do novo Estatuto de Galiza  ao querer seguir o modelo andaluz negando así o recoñecemento de Galiza como nación, defendido polo BNG e que Touriño tentaba maquillar con referencias historicistas que alonxaran ese recoñecemento de calquera interpretación con validez xurídica.

Con certeza, para alén da correlación de forzas parlamentares, o corpo social do catalanismo ten unha vontade de autogoberno que non hai en Galiza á hora de afirmar a súa dignidade . Ao cabo, Feijoó acadou maioría absoluta, paralizou en seco o proceso de transferencias e como ainda de riba o PP comezou un proceso de recentralización que ten convertido o xa limitado Estatuto galego en papel mollado. Nos últimos meses puidemos comprobar a falta de atención do Estado español cando aplica os seus mecanismos xurídicos de forma inconsciente e humillante no canto de comprometerse cun autonomismo avanzado e non cun estatalismo uniformizador cuxo maior beneficiado ten sido Madrid e a caste oligarquica que alí habita. E se non acreditan, repárese na inactividade do Parlamento español porque eles o queren:  acaso o goberno está a tratar a caixa baleira das pensions a consecuencia da desfeita dunha recuperación a costa dos salarios e do traballo fronte a unha oposición cada vez máis submisa?

Portanto, a normalidade democrática na Cataluña é a do 27-O e non a dunhas eleicións sobrevidas pola violencia, a prisión e o exilio e ao ditado dunha Xunta eleitoral que vén de prohibirlle aos xornalistas que falen de “goberno catalá no exilio” e que obriga a dicir que os consellers son exconsellers. Desde cando son competentes os xuices en decirdir cales son expresións axeitadas ou non? Que normalidade democrática pode haber agora- cando a campaña eleitoral vén determinada por decisións xudiciais- que non houber antes cando foran convocadas polos lexítimos representantes dos catalás? Seica non houbo máis de dous millóns de persoas  que foran votar 1-O malia intervención espúria e violenta da maquinaria estatal? Substituir a lexítima vontade da cidadanía pola violencia, a prisión e o exilio ten un nome: autoritarismo pósdemocrático. Que se percibe nos intentos de controlar o que os mestres explican nas aulas, ameazando con intervir TV3 ou procurando sen suceso algún abrollo de violencia.  Porén, asumindo as condicións do 21D, para alén da leitura plebiscitaria dos seus resultados, é máis ca nunca unha resposta á completa submisión  ao ditado de quen pide renegar do siso e  da vontade: renega da secesión, renega do procés, renega da DUI…. renega de ti até a completa humillación.  Nunca teñen dabondo.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off