off
Feminismo, Galiza, Opinião, Política, Sen categorizar — 23 Novembro, 2017 at 12:23 p.m.

O machismo de Feijoó

by

Con grande capacidade de síntese, o político vén de desacreditarse nunha só frase .“Hai dous bandos: asasinos e maltratadores e vítimas, dígame de que lado están”, espetoulle Feijoó á portavoz do BNG, Ana Pontón, na sesión de control ao presidente de todas as galegas. Ao parecer todo vén de o BNG propor adicar o 1% do orzamento a loitar contra a violencia machista. Rematada a sesión, Pontón, anunciou a presentación dunha queixa formal.

Poderiamos desbotar o caso como un arrebato irreflexivo próprio da disputa parlamentar (zangado talvez polas críticas recebidas pola campaña institucional da Xunta do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, talvez porque lle pareceu pouco o 1%). Mas non é novo e a irresponsabilidade é profunda por tratarse dunha reacción exaxerada e fora de lugar en quen se supón conscente do seu status e da posición de xénero desde a que fala. Pódese estar debatendo e lexislando sobre o tema nun parlamento e máis ser auténtico cretino. De feito, o estado de cretino é o estado máis habitual do estado patriarcal. Mesmo en contextos críticos o discurso político non é alleo a unha sociedade patriarcal e lexitima e perpetua os estereotipos de xénero, a desigualdade e as culturas e discursos da dominación. O paradoxo é que nunha sesión na que se debatía precisamente a política do seu goberno na loita contra a violencia machista, o presidente Feijoó acusou as nacionalistas de querer ter “o monopolio” da defensa das mulleres e para afortalar a súa valoración acabou reducindo a cuestión a estar “entre asasinos e maltratadores, e vítimas”. Para defender as propias conviccións non vale todo e menos cando a lingua cuspe simplezas indecentes.

A problemática do discurso non é de seu tan simples e inocula subrepticiamente aquilo que dí combater, que non é outra cousa que a estratexia de dominación reducida á súa mínima expresión patriarcal, aquela que desautoriza e clasifica desde o privilexio do lugar desde o que se fala, o da “razón”  e da “lei” como monopolio do home. Infelizmente, a historia está inzada de quen tendo cultura e responsabilidades – Feijoó representa formalmente á maioría de mulleres galegas-  non entenden nada. O problema é que Feijoó non está só, porque a política está chea de políticos que brandindo a lei non fan máis que reproducir unha sociedade machista e clasista ( a UE rexistra 215.000 casos de asedio e 80.000 violacions malia a falta de denuncias). O legalismo dalgunhas elites políticas e intelectuais acaba sendo profundamente inmoral.

A frase expresada por Feijoó pertenece a esa especie de discurso reggaeton (ese machismo que se baila e canta) que se vén instalando nos parlamentos desde que forman parte do espectáculo televisivo:  simplificación binaria e  conceitos doados de lembrar. Trátase dun xénero comunicacional básico que adoptando variantes alicerza en simples dicotomías en cuxa formulación quen pregunta desde unha posición de privilexio  xa responde, non deixando mais alternativa que ou comigo ou contra min. De feito, representa unha dura estigmatización de toda unha parte da sociedade. Esta división non é nova e malia o paradoxo agora tamén atinxe de brazo dado de Feijoó,  nada menos que un debate sobre a loita contra a violencia patriarcal. Porque xa se sabe que se o machismo e a violencia de xénero o explicamos os homes, a mensaxe apaña máis rigor e credibilidade, non si?

A sentenza – unha variante do non me provoques!- exemplifica un relato específico sobre a  división política do país: por unha parte a suposta xente de lei e orde representada pola dereita española (fundamentalmente o PP e agora tamén Ciudadanos) arredor da cal xiraría o autonomismo complacente nacional español e o repartimento do poder coa Galicia a-nacional do PsG-PSOE, a partires de 1979, e doutra, a esquerda  española de Podemos  até a esquerda nacional galega, das Mareas até o soberanismo que vai do independentismo de Causa Galiza até o BNG. O esquema mental que debulla esta  división é nídio: por unha banda  o legalismo nacional español e por outra quen acha que  o suxeito de autoridade política é a cidadanía galega. Velaí os dous bandos que, sen nomealos e utilizando un tema tan sensibel como o da violencia contra a muller, sirven a Feijoó para inocular o imperante esquema de quen tendo o poder teima en acadar hexemonía ideolóxica.

A sentenza de Feijoó dirixida a Ana Pontón presenta un esquema que, xustamente pola súa desproporcionalidade e simplificación, reflicte o problema central do relato patriarcal que as mulleres  teñen padecido e combatido ao longo da súa vida. O mundo ao revés. E ainda así, esas palabras oferecen a oportunidade de comezar un debate pendente malia as campañas contra a violencia machista. Un problema de fondo que convén comezar a explicitar e a tratar en toda a dimensión, que non é precisamente pequena cando se trata de parar as violencias e as agresións ás mulleres. Máis alén de amosarse como un home sensibilizado pola causa, ao reducir a problemática a un asunto de tipificación legal convírteo nunha habelenciosa artimaña para desacreditar o feminismo que a Pontón simboliza.

Lonxe desa separación binaria, é precisamente ese esquema propio dun “patriarcalismo de Estado” presentado por Feijoó o que tenta desmontar  o feminismo galego hai décadas ao constatar que a violencia de xénero se dá alí onde devala a emancipación individual e social da muller, xustamente polas características do país. Porque esa divisoria onde Feijoó acubilla -o tobo do legalismo e da culpabilización do Outro- que impide a mudanza real,  permite que as proprias institucións actuen como brazo reproductor e executor do patriarcado. Eís a dupla mensaxe do legalismo patriarcal sob forma de dilema: se a acceptas es manipulada, senón es cómplice dos maltratadores e asasinos. Quer dicer,  instálaste na ilegalidade. Un esquematismo que non achega nada á convivencia das persoas ao instrumentalizalo desde os presupostos próprios do discurso a combater. Porque a redución do problema ao seu momento legal- por exemplo, ao endurecemento das penas- obvia que só servirá para que unha vez cometido o delito a pena sexa maior sen atallar por iso a raiz do problema.

Que o presidente da Xunta en atribución das súas responsabilidades deturpe así a cuestión de fondo é sintomático e preocupante.No entanto, a sesión de control parlamentar foi eficaz para demostrar o nivel de machismo que padecemos, mesmo cando tentando combater a violencia que xera, póñeno en práctica. Porque reproduce en sede parlamentar unha violencia discursiva que non sendo  punibel legalmente, forma parte dos activos do proceso de escalada verbal. Até o punto que delimitar  nun debate parlamentar a divisoria punitiva entre estar cos maltratadores se non se concorda coa política desenvolvida polo goberno do PP, rebenta nos seus proprios termos a credibilidade da proposta construir un proxecto de país orientado a parar a violencia machista. Pior imposibel.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off