off
Galiza, Normalización lingüística, Politica espanhola — 19 Novembro, 2017 at 7:58 a.m.

O 155 do idioma galego

by

Os límites da linguaxe son os límites do meu mundo
(Ludwig Wittgenstein)

O artigo 155 activado na Catalunya desde o nacionalismo español por motivos de control político tamén funciona ao solapado noutros territorios históricos. Por exemplo no que delimita o idioma galego. Unha lingua historicamente sometida á inxerencia adversa das autoridades do Estado e da propia Xunta de Galicia, órgao de goberno tradicionalmente en mans da dereita conservadora do PP. O compendio supón un menosprezo de perversas consecuencias para a cultura do país de Rosalía e de Castelao, de María Mariño e Manuel María.

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, entre 2001 e 2011 rexistrouse un retroceso de 13 pontos entre as persoas que só se expresan  en galego en todo tempo e lugar. En total 311.294 falantes menos (do 56,84% ao 42,8&) a pleno rendemento. Coa única compensación dunha mellora para mellor de 15 pontos no número das que se entenden á vez en galego e castelán, un 45,31%. Todo iso nunha Comunidade Autónoma cuxa poboación apenas supera os 2,7 millóns de habitantes.
Mas ao lado destas cifras, referidas ao interior da Galiza, existen outras externidades que permiten calibrar as causas das limitacións institucionais para normalizar o uso desta lingua. Refírome en concreto á súa expansión ou centrifugación alén  das pròprias contornas da rexión celta. Porque malia a vaga de chovinismo “rojigualdo” que nos asulaga, e de que a Constitución Española prescrebe a defensa e promoción das linguas vernáculas (galego, catalá e basco), a realidade fría e  dura é decepcionante dabondo . Nen no Senado, a cámara de representación territorial, se falan con cumprimento as outras “linguas de España” (Arts. 3.2 e 20.3 da C.E), aínda que desde a reforma de 2010 o regulamento desa institución contempla esa posibilidade para plenos e debates de mocións. Medo cénico ou simplemente que moitas señorías non son quen de compor unha frase compreensibel na lingua materna?

 

En Madrid capital, cunha poboación que supera en case 500.000 cidadáns á de toda Galiza (3.165.541 fronte a 2.710.670), é case imposibel atopar un centro oficial que ensine galego.

 

A pasividade intencional que demostra o Estado central á hora de impulsar unha discriminación positiva doutros idiomas oficiais distintos ao español ten o seu expoñente máximo na Vila e Corte. En Madrid capital, cunha poboación que supera en case 500.000 cidadáns á de toda Galiza (3.165.541 fronte a 2.710.670), é case imposibel atopar un centro oficial que ensine o galego. Nen o afamado Instituto Cervantes nen a propia delegación da Xunta  imparten clases para que os madrileños que o desexen poidan aprender ese idioma. Prefiren empregar os nosos impostos (de todos: galegos e foráneos) para outras tarefas de maior prosopopeia. O que, por exemplo, non acontece no caso catalán. O Centre Cultural Blanquerna, en colaboración co Govern da Generalitat, oferece un alargado programa de cursos nesa lingua adaptado a todos os niveis de aprendizado.
De maneira que se alguén quiser instriur  na única lingua realmente transnacional con que conta o Estado español pola sua concomitancia co portugués (o basco e o catalá só afetan nunha pequena parte da Franza), terá que se inscrever na Escola Oficial de Idiomas cando tocar e no local que atinxiu a cota que o xustifica. Ao seu xeito, ese xenocídio linguístico supón, na prática, un 155 na Galiza e seu patrimonio cultural.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off