off

Unha brincadeira: nen seny nen rauxa

por Rafael Cid

É un que vai ver a un adiviño, peta na porta e contéstanlle:
 Quen é?" E el responde: "Pois vaia merda de adiviño!".
 (Chiste de Eugenio)

Non hai nada de grandeza na renuncia de Carme Forcadell ante o instrutor do Supremo. Por máis que algúns da súa corda pretenden aliviar tamaña indignidade co relato da acción represiva do Estado español. A solemne abxuración de principios da presidenta do Parlament (continua a ser “in vixiando” a favor do deostado 155) nada ten que ver co eppur se muove (“e con todo móvese”) atribuído a Galileo ao retractarse do heliocentrismo ante o Santo Oficio. E se tamén queren esgrimir como escusa un calculado pragmatismo resistente, a cousa adquire tinguiduras patéticas.

O que perpetraron Forcadell e os restantes membros da mesa da Cámara lexislativa catalá (aínda que estes en menor medida pola súa desigual responsabilidade) terá consecuencias disolventes para calquera movemento emancipador que se aventure no marco do Réxime do 78. Algo previsible tendo en conta que, ao primeiro apertón, aos dirixentes que protagonizaran e culminaran o procés de desconexión con España faltoulles tempo para volver grupas e concorrer a unhas eleccións ordenadas polos súas “opresores”. Se non fose porque as súas connotacións históricas o deforman até a caricatura, poderíase falar dun “réxime de Vichy” na Catalunya.

E é que poucos queren decatarense da enorme transcendencia do acontecido. Uns, os da unidade de España, porque unha vez cumpridos “os seus derradeiros obxectivos militares” o que menos desexan é alimentar un vitimismo residual. E os outros, os soberanistas arrepentidos, porque esperan que ao toque de corneta, como na lenda do Flautista de Hamelin, o 21-D as masas retornen ao encantamento do dereito a decidir. Agora na súa versión curro do atado e ben atado. Tutti contenti: consenso a urna aberta tras o simulacro do disenso. Do Principado ao Protectorado por expresa declinación da oligarquía política vernácula.
Falamos de que a sede onde radica a soberanía de Catalunya, en pleno exercicio do seu dereito de representación política, aínda conculcando normas de maior rango, aprobou dúas leis para un novo tempo político de ruptura democrática. A lei de Referendo e a Lei de Transitoriedade cara á República. E de que con ese corpus legal, seguindo a mesma ronsel de rebeldía fronte ao estado central, incitouse á cidadanía para o seu posterior referendo. Cousa realizada a pesar dos atrancos postos por “o seu superior xerárquico” na armazón constitucional entón verbalmente prescrita.

Dicimos “leis”, ou sexa, normas de obrigado cumprimento xeral. Que tamén, pola sua intrínseca condición de seren concibidas voluntaria e autónomamente, consignaban “un imperativo categórico”. Eran, en suma e á marxe da opinión ideolóxica que nos poida merecer individualmente, o alicerce dun proceso superador da regulación heterónoma instituida no seu día contra o criterio da inmensa maioría do pobo catalán. Todo iso, hai que insistir neste dato que lonxe de ser anécdota é categoría, por un goberno lexitimamente elixido e contando co consentimento dos gobernados. E nunha secuencia dilatada no tempo que se produciu en todo momento de maneira impecablemente pacífica e cívica.

Esa é a vacua exemplaridade da que agora se veñen de mofar as súas señorías, que mesmo, e ao final da escapada, teñen a suprema desvergoña de pasaren o cepillo ao persoal para que os verdadeiros humillados e ofendidos sufraguen as súas fianzas. Dá igual como o vendan. Aínda que do bombo do sorteo do 21-D volvese saír outra raquítica supremacía independentista. Esta vez trataríase do funeral do procés visionado como un episodio esperpéntico máis dese Ruedo Ibérico que nos legou Valle-Inclán no seu xenial “Viva o meu dono!”.

Desde logo, se todo o que están a publicar os medios de comunicación sobre a declaración xudicial da presidenta do Parlament resulta certo, isto tamén sería “corrupción en estado puro”. Imaxino para a historia da infamia á filóloga Forcadell mostrando a súa faciana máis compunxida ante o seu inquisidor: “señoría, todo foi un malentendido; non sabiamos o que faciamos”. Unha brincadeira de mal gusto.

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: