off
Cedeira, Cinema, Fin de semana — 11 Novembro, 2017 at 11:43

Pelerinaxes I no Auditorio de Cedeira

por Redacción

O filme inspirado na obra homónima de Otero Pedrayo exhibirase este domingo no Auditorio de Cedeira  


[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira participa no ciclo Cinemas de Galicia, no que este domingo, día 12, proxectarase o filme “Pelerinaxes I” na pantalla do auditorio municipal. Trátase dunha película de Simone Saibene inspirada na obra homónima de Otero Pedrayo. Na sesión, que dará comezo ás 18.00 horas, estará presente o director e produtor do filme italo-galego Simone Saibene.

“Pelerinaxes” fai o percorrido que hai noventa anos, en 1927, fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido. O camiño comeza na praza do Ferro da cidade das Burgas e continúa por diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña.

Para Saibene, o obxectivo desta película, que mestura tres das súas grandes paixóns (o cinema on the road, a literatura de viaxes e o seu amor pola cultura galega), é que o público teña ocasión de “gozar de esta historia, que se coloca entre a ficción e o documental, e que reflexiona sobre a Galicia contemporánea”.Ademais, explica, “gustaríame que a película sirva para dar a coñecer esta ruta alternativa, menos turística e máis galega”.

O filme gañou o primeiro premio no 21º Avanca Film Festival en Portugal e foi exhibido en distintos certames internacionais, entre outros no espazo CineFil do Festival Interceltique de Lorient (Franza) e no 14º Independent Film Festival de Daca (Bangladesh).

O programa Cinemas de Galicia é unha iniciativa da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coa que se busca incrementar tanto o número de pantallas dentro da comunidade autónoma como as posibilidades de exhibición dos títulos galegos máis recentes.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: