off
Educação, Galiza, Movementos sociais — 10 Novembro, 2017 at 9:09 a.m.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia greve contra a LEMCE o 16N

by

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público dá o seu apoio á convocatoria de folga realizada por Erguer. Estudantes da Galiza para o vindeiro 16 de outubro e á que está chamado a participar todo o alumnado, tanto do ensino secundario como do superior.


Nunha rolda de prensa celebrada onte, o seu portavoz, Suso Bermello, lembrou a parálise que se vive a nivel estatal desde o inicio da lexislatura. “O goberno do PP está aproveitando a conxuntura para implantar a LOMCE de facto e conta cunha oposición en Madrid que incumpre os seus compromisos e non é quen de impedir que a modificación da lei permaneza atascada nunha subcomisión do Congreso da que nada se sabe e que non é máis que un paripé para dar a entender que existe un debate arredor da súa implantación”, afirmou Bermello.

Así pois, “con este desleixo absoluto”, engade o portavoz da Plataforma Galega, “o goberno do PP non fai máis que demostrar que a educación ten prioridade cero nos seus plans e que pretende ir implantando esta lei coa mesma unilateralidade e autoritarismo que caracterizou toda a tramitación da LOMCE”. No mesmo sentido pronunciouse a voceira de Erguer, Iria Figueroa ao lembrar que “tras a suspensión das reválidas o pasado curso, após seren amplamente contestadas pola comunidade educativa, neste ano escolar a LOMCE pasa sen pena nin gloria, esquecida no debate político. Unha vez eliminado o aspecto da lei que xerou máis escándalo, esta parece agora inofensiva, cando é evidente que o problema da LOMCE é de fondo: de modelo e de proxecto. É por isto que é necesario plantarlle cara e exixir de novo a súa derrogación para que non caia no esquecemento público que interesadamente está a buscar o Ministerio”.

 

Segundo os convocantes, “a convocatoria de folga vai máis aló de estar centrada só na LOMCE ou no Decreto do 3+2 nas Universidades. Os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que viñeron realizando os gobernos da Xunta e de Madrid no ensino galego nos últimos anos tamén están enriba da mesa como causas deste paro estudantil. A redución das bolsas e das axudas ao estudo, a masificación das aulas, a ausencia de profesorado especialista nalgunhas materias ou a non oferta doutras por falta de efectivos (por causa de todo o que ten que ver coas afíns e coa non convocatoria de amplas ofertas de emprego que cubriran cando menos as xubilacións), a alta taxa de interinidade na docencia que leva a que non existan planteis estábeis nos centros que permitan a posta en marcha de plans de mellora da calidade do ensino, os recortes en todo o relacionado coa atención á diversidade e aos programas de reforzo educativo, as carencias nalgunhas infraestruturas e no equipamento dos centros, o peche de unidades e de ciclos, o aumento dos servizos de pagamento tanto no ensino universitario como no medio, o endurecemento do acceso á Universidade ou ao ensino superior para as persoas con menos recursos promovendo unha educación elitista… son outras das realidades ás que se enfronta cada día o estudantado galego.

En defensa dunha Lei Galega de Educación

Para Erguer. Estudantes da Galiza a folga servirá tamén para defender un marco legal propio a nivel galego en forma de Lei Galega de Educación. A voceira de Erguer explicou que a comezos de curso fixeron asembleas abertas en 70 centros públicos galegos para artellar propostas que se puideran incluír nesta norma e que o pasado 16 de outubro celebraron un referendo, no que participaron máis de 10.000 estudantes, obtendo un 94% de apoio a ditas propostas. Alén de presentarlle estes resultados á Consellaría para que rectifique as súas políticas, nomeademente no que ten a ver coa defensa do noso idioma, Iria Figueroa aproveitou tamén para pedirlle ao goberno da Xunta “que aposte por un modelo educativo radicalmente distinto, verdadeiramente pedagóxico e baseado na formación práctica e na avaliación continua, no canto de fundamentarse en probas puntuais que marcan por completo o noso futuro académico”.

A situación da impartición de aulas no noso idioma tamén ten un papel central no deseño   dunha Lei propia, co urxente impulso da normalización do idioma, tras anos relegado a un segundo plano, primeiro co Decreto de Plurilingüismo e despois coa propia LOMCE. Faise necesario un aumento das horas lectivas impartidas en galego e comezarmos a incluír nos currículos das distintas materias todos aqueles aspectos da nosa historia e cultura propias que son relegados ao esquecemento pola uniformización do que estudamos cos contidos do resto do Estado español.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off