off
Cedeira, Saúde — 2 Novembro, 2017 at 11:04

O BNG leva ao Parlamento Galego a precariedade sanitaria en Cedeira

por Redacción

O pasado 24 de outubro as deputadas e deputados do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento de Galicia  tramitaron no rexistro xeral varias preguntas relativas ao estado de precarización  da atención sanitaria infantil en Cedeira, motivo polo cal a cidadanía e diferentes axentes sociais e profesionais sanitarios se concentraran o 10 de outubro, convocados polo goberno de Cedeira para esixir á Xunta e a o Sergas en particular que se tomen as medidas necesarias para garantir unha atención pediátrica continuada, así como para contar cun médico de reforzo e para que se cubran as prazas dos médicos que estean de vacacións o de baixa.

Segundo fontes consultadas, as carencias sanitarias do persoal sanitario suficiente para atender as necesidades da veciñanza do concello de Cedeira están a ser obxecto de denuncia desde numerosos sectores nos últimos tempos;  especialmente agravadas na temporada do verán, cunha poboación que aumenta considerábelmente. O feito de que non se produzan substitucións no momento no que hai baixas ou vacacións de algún facultativo, leva a unha merma notábel da calidade da atención sanitaria ao conxunto da poboación durante todo o ano; creando situacións verdadeiramente insostíbeis durante a tempada do verán, que non se poden aturar en pleno século XXI. O mesmo se aconetce coa atención pediátrica ; xa que no momento no que se atopa de baixa ou vacacións as usuarias de Cedeira vense obrigadas a compartir substituto co concello de Valdoviño, só tres días á semana, e tres horas ao día. Sobre esta situación, ademais das reiteradas denuncias da cidadanía, tense manifestado o pleno do concello de Cedeira, solicitando –por unanimidade do conxunto das forzas políticas- unha actuación urxente para resolver as carencias anteriormente expostas; sen que de momento se adoptase ningunha medida nese sentido por parte da Xunta. A iniciativa parlamentar plantéxalle á Consellería de Sanidade,  para a súa resposta escrita, as seguintes preguntas:

1.- Coñece a Xunta a existencia das carencias na atención sanitaria no concello de Cedeira, nomeadamente no referente á non substitución de facultativas cando hai baixas ou vacacións; especialmente no tocante á atención en pediatría?
2.- É consciente a Xunta da merma na calidade da atención sanitaria e dos prexuízos que iso representa para a poboación, nomeadamente na tempada do verán, na que se produce un grande incremento da poboación e, paradoxalmente, redución de persoal?
3.- Que medidas ten adoptado ou vai adoptar a Xunta para resolver esta situación, garantindo a prestación dunha atención sanitaria acorde coas necesidades da veciñanza de Cedeira?

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: