off
Galiza, Movementos sociais, Saúde, Traballo — 1 Novembro, 2017 at 9:50 a.m.

CIG-Saúde mantén convocatoria de greve no Sergas o 2 e 3 de novembro

by
A central sindical chama á concentración diante da consellaría de Sanidade para o día 3 de novembro, ás 11:00 h

Exterior do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol

A CIG-Saúde mantén a convocatoria de greve para os días 2 e 3 de novembro. Asegura que non se vai sumar a sinatura do acordo do Sergas coas organizacións sindicais da plataforma porque “simplemente non se solucionou ningún conflito”. Considera que a proposta presentada polo Sergas sobre carreira profesional deixa máis dúbidas que certezas e denuncia que, en todo caso, non se recupera ningún dos acordos suspendidos. Por iso fai tamén un chamamento a participar na concentración convocada para o día 2 de novembro, ás 11:00 horas, diante da consellaría de Sanidade, en San Lázaro.

A CIG-Saúde explica que a proposta sobre carreira profesional vai incrementar as diferenzas salariais existentes entre as/os profesionais do mesmo colectivo e chama a atención sobre todos os aspectos que quedan no aire: “Non sabemos canto vai ser a contía dos graos desta carreira, non temos ningunha garantía de que, como mínimo, sexan iguais  aos da carreira extraordinaria”.

Xunto a isto afirma que non se sabe cantos anos de antigüidade se van solicitar para cada grao, nin a permanencia nun grao para progresar ao seguinte. “O sistema de encadre é de só 1 grao e desde aí de 0 vai xerar grandes desigualdades dentro do mesmo colectivo xa que hai moitas persoas con varios graos perdidos”, afirman.

Alén diso, a CIG denuncia que non hai compromiso firme de cobrar no ano 2019, porque vai depender da dispoñibilidade orzamentaria e que se descoñece o ámbito de aplicación, só hai seguro que vai afectar ao persoal fixo. Advirte ademais que “estas condicións son iguais para todos os colectivos, incluído o persoal facultativo”.

Non renunciar aos acordos retributivos 2008/12 suspendidos desde a chegada de Feijóo

Á marxe da carreira profesional o SERGAS non contempla a recuperación de ningún dos outros acordos suspendidos porque “Feijóo non permite que se cumpra ningún acordo asinado durante o goberno bipartito, esquecendo que as organizacións sindicais asinamos acordos coa administración e non co partido político do goberno”, denuncia.

A CIG-Saúde entende que non se pode renunciar aos acordos retributivos 2008/12 suspendidos desde a chegada de Feijóo, que condenan ao persoal do SERGAS a ter as retribucións máis baixas do resto dos servizos de saúde do Estado e da Xunta de Galiza. Denuncia ademais que o goberno do PP tampouco quere falar dos acordos de primaria. “Non podemos aceptar que colectivos como os de PAC queden de modo permanente cun 20% menos de pago pola atención continuada. Isto debería formar parte do seu salario”.

Para a CIG-Saúde as reivindicacións sindicais seguen pois plenamente vixentes. “Somos conscientes de que a realidade mudou co acordo do SERGAS coas organizacións sindicais CCOO, UGT, CSIF, SATSE, SAE e CESM-OMEGA, pero as razóns que nos levaron a convocar a greve persisten”, clarexa.

Avanza ademais que tampouco acepta a modificación da Lei de Saúde de Galiza e que vai seguir loitando pola recuperación dos acordos suspendidos e por unha carreira profesional digna para todos os colectivos. Adianta que se deseñará un calendario de mobilizacións coa participación das traballadoras/es “até conseguir recuperar o que estre goberno nos leva roubado desde o ano 2010”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off