off
Ecoloxía, Meio ambiente — 30 Outubro, 2017 at 10:29 a.m.

Limpeza simultánea de praias para a fin de semana do 11 de novembro

by

Cedeira, Fisterra, Muros, Muxía, Nigrán, Porto do Son, Rianxo, Carballo e Ribadeo son algúns dos concellos nos que se realizarán as limpezas. Porén, o prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto até o día 31 de outubro, polo que ata entón poderanse sumar novos concellos e grupos para participar nesta VI Limpeza simultánea de praias.


ADEGA e o Campus do Mar, a través do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, organizan unha Limpeza Simultánea de praias para a fin de semana do 11 de novembro. Con esta convocatoria ADEGA dá continuidade ás limpezas realizadas dende o ano 2012, ás que se suma a colaboración do Campus do Mar, entidade de referencia no estudo e divulgación dos ecosistemas mariños e litorais.

Nestes últimos anos sumáronse centos de persoas ás limpezas de praias. Este ano serán máis dunha ducia de praias nas que haberá algunha actividade de limpeza, e nas que participarán entidades de moi diversa índole como centros de ensino, asociacións ecoloxistas ou concellos. O obxectivo é claro: dar a coñecer a problemática ambiental do lixo mariño que afecta a todos os mares e océanos do planeta.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Nesta edición ADEGA e o Campus do Mar repartirán un novo protocolo de limpeza de praias entre as persoas participantes na xornada no cal se explica de xeito sinxelo cales son os pasos a seguir antes, durante e despois da actuación, para realizar unha limpeza ecolóxica. Ademais, na actividade farase fincapé noutros aspectos importantes dos ecosistemas litorais que deben ser coñecidos por todos os voluntarios e voluntarias participantes, como son a presenza de algas invasoras ou especies ameazadas.

 

Para máis información: ADEGA: adega@adega.gal  981570099 Campus do Mar: info@campusdomar.es 986130000


Para saber máis

Protocolo de actuación para a limpeza de praias

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off