off
Cedeira, Educación — 29 Outubro, 2017 at 06:20

Xa está pronto o proxecto de base de ampliación da Escola Infantil de Cedeira

por Redacción

O Concello asumirá unha terceira parte do custo da redacción do proxecto e da obra.


[Pingota Comunicación] Case 105 metros cadrados de superficie son os que se engadirán á actual gardería coa execución do proxecto de ampliación, 141.000 € que o Concello de Cedeira ten arranxado e que só está á espera da reunión coa xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para fixar os termos económicos do convenio a asinar entre ámbalas dúas administracións. O executivo local ten solicitado o encontro desde o pasado mes de setembro. En conversas anteriores co responsable do Consorcio, Perfecto Rodríguez, falouse de que o Concello asumirá unha terceira parte do custo da redacción do proxecto e da obra.
A realización desta intervención, cuantificada en algo máis de 141.000 euros, representará a ocupación dun segundo edificio anexo ao actual e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas desde o Consorcio. Así, no actual edificio construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado.
Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuídor e un acceso á primeira planta.

Estas reformas suporán cambios tamén no exterior da escola infantil. O acceso actual do segundo edificio reconverterase en saída de emerxencia, polo que se prevé a construción dun novo para chegar á primeira planta do mesmo, así como modificar a ventá existente baixo a escaleira e substituila por unha porta de características similares ás que xa existen. O feito de pasar de un a dous edificios anexos obrigará a modificar o punto de acceso á parcela, xenerando a construción dunha nova rampa de acceso e unha plataforma horizontal na fronte da edificación. Estes cambios traduciranse en máis espazos de recreo e na adaptación do peche perimetral.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación. 
Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia.

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: