off

O 155 e os limites europeus de lexitimación democrática

by

Co PSOE no papel de refén voluntario do PP – de brazo dado doutros oportunistas europeus de fasquía liberal-centrista- alertando contra a ameaza da unidade da España cando non hai moito celebraban cunha mán a desintegración da Unión Soviética e coa outra clamaban ao ceu polo risco dunha desintegración da Iugoslávia . A hipocrisia  é de tirar o fólego. Un cinismo visibel que no nome do “estado de dereito”, deploren a violencia exercida pola policia contra eleitores na Cataluña. O establishment europeu foi perdendo a vergoña: na Europa algúns teñen dereito á soberania e outros non, dependendo dos intereses xeopolíticos do momento. Que creto ten o estados-nacións europeos para falaren de lexitimidade democrática? Que credibilidade ten agora Pedro Sánchez para promover unha reforma constitucional de tipo federalista de brazo dado de Rajoy? As invocacions ao estado plurinacional, u-las? Que aspiracions nacionais  e que dereitos fundamentais ten dereito a seren pacífica e lexítimamente defendidos sen sermos esfolados ou detidos? Se a alternativa a que a xente vote é a vulneración de dereitos, bater, clausurar, destituir e encarcerar, quen precisa mudar a súa narrativa?

Non podemos escreber sen testemuñar este abismo que é o artigo 155 da CE, cando chega.É unha peregrinación no deserto.

A hipocresía do metaprincipio conservador básico que igual avoga específicamente por un papel limitado do Estado ou do Goberno no mercado, do mesmo modo que cando se tratar de soberanías nacionais ou autonomías rexionais pode balanzar da intervención limitada nalgúns ámbitos culturais  a subordinar, como fixo o goberno polonés, coa adopción dunha  lei que submetia o tribunal constitucional á autoridade do goberno como despois fixo o Estado español. Até acabar como aquí cunha intervención activa por medio dunha lexislación dura, sen independencia xudicial , sen interlocución e sen paliativos que xa deu con dous activistas pacíficos en prisión  incondicional e que da ameaza acabou derivando á obertura do procedimento de aplicación textual do artigo 155, un golpe directo aos medios de comunicación pública e ás institucións de autogoberno  catalán cesando ao president e os consellers, substituidos por quen non ten lexitimación democrática. Como os burócratas non-eleitos de Bruxelas, PP+PSOE+Cs apoian os administradores “non democráticos” fronte o goberno democráticamente eleito na Cataluña. 

Se Puntin está interesado en apoiar retóricamente a independencia da Cataluña é apenas como meio de afortalar  Rusia através da desintegración da unidade europea. Segundo isto, os partidários dunha Europa unida e forte non deberian defender a unidade da España? 

O 155 alarga o perímetro de resistencia.Antes de mais nada, compre enxergarmos dous elos da cadea con certa perspectiva: por un lado, o apoio da unidade da España fai parte parte da resistencia do poder dos estados-nacionais contra a unidade europea  e contra o global-local; por outro,  a democracia por vir precisa acomodar e afortalar as soberanías locais (Cataluña, Escocia e así por diante)  xa que está en xogo unha Unión Europea pós-Masstricht que está a ser suplantada polo monopolio dos estados-nación que axen seguindo o padrón do perfecto xacobino, do burócrata e do político profisional ao servizo dos limitados intereses de partido. Unha camada de intereses intercambiábeis ​​que os leva a xirar regularmente na direción dos intereses do neoliberalismo dominante. Unha deturpación democrática que máis ben habería que cualificar de submisión da idea de Europa á inmodesta posición dominante dos estados-nacións que perante o desafío do local-global reaxen tirando do recurso esencial do discurso ideolóxico. Neste caso, obviamente, dada a relación disimétrica implicada aquí, desenvolvendo unha progresiva cualificación negativa e  unha tifipicación xudiciaria como preámbulos da anomalía democrática que supón  intervir e substituir representantes eleitos por outros non escollidos. Segundo ese padrón ideolóxico, activando e abscribindo moitos atributos negativos, vaise deshumanizando aos cataláns:  entre outros, as mobilizacións sociais pacíficas pasaran a ser “tumultuarias” e “sediciosas” e o modelo educativo catalá (baseado na inmersión lingüística como método recoñecido para garantir a igualdade de dereitos e de competencia) pasou a ser “meio de adoutrinamento”. Deste modo a ideoloxía centralista do estado-nación representa as propriedades do Nós e do Eles, acordando crenzas sociais e prexuizos sobre os outros. O obxectivo dese esquema estatal está representado como exemplo de valores que son todos os opostos aos “nosos”: “igualdade de dereitos de todos os españois”,”imperio da lei”,… fronte aqueles que ameazan a”noso estado de dereito”: falta de respeito á lei e a orde, normalización da ilexitimidade, radicalismo e mesmo racismo. Así, a aplicación do 155 presupón que dado que as institucións cataláns carecen de capacidade coercitiva, atribuiránselle poucos recursos para asegurar de facto que non terá acceso aos seus próprios recursos ou que os recursos de seu sexan valorados de xeito negativo, como acontece coa actitude cara o catalanismo. O 155 é un termómetro da represión: a diferencia da sucursal que son o PP ou Cs (que naceu para ir contra as premisas básicas do catalanismo, sen alcaldías e fraca implantación no territorio) a aplicación do 155 alarga o perímetro da resistencia, nomeadamente através do papel do PSC  (partido que apoiou a inmersión linguïstica e a malia as súas contradicións e elementos resentidos) pode ser un indicador do que pode aturar a sociedade catalana.

Exploremos xa o básico esquema ideoloxico de grupo Nós-Eles que como metaideoloxía atinxe e restrinxe outras ideoloxías, como a dos ” progresistas” e a dos “liberais de Estado”, tal e como asinalamos antes. Cómpre enxergar que esta representación actitudinal dos periféricos acabou por culpar ás víctimas mesmas do referendo do 1 de outubro tal e como acontecera con Nunca Máis e cos voluntarios na catástrofe do Prestige baixo a ollada de descarado servilismo exhibido polos intelectuais  orgánicos e a imprensa domesticada. Unha modulación que desde a verbalización do mérito (industriosidade, tolerancia, seny i rauxa e  peix al cove) que levou a algún a “falar catalá na intimidade”,  foi derivando nun reflexo negativo, ao estilo colérico Vargas LLosa, puro resentimento culpabilizador  do que non se adapta á cultura política dominante (Nuestra). Un locus de dominación que se articula segundo van Dijk no núcleo de conceptos que organizan esas crenzas: diferencia, desviación e ameaza aplicados a todos os dominios sociais, desde a tipificación delituosa pasando polo “a por ellos ” e o axexo mediático tipo El País -un do medios máis denunciado nas Fake news de Internet, afirmando a decisión da ONU de rexeitar o referendo catalá; ou tipo capa do Abc: “”Os institutos utilizan os seus alumnos contra a«represión franquista” ou “Os secesionistas invéntanse os seus mártires”.Deixemos agora de lado a do Le Monde a súa liña directa accionarial con “El País”, por citar apenas dous diarios refractarios ao Procés ainda que se trata dunha liña ensaiada durante anos en relación ao soberanismo periférico.

O Nós non está implícito e presuposto nunha Unión Europea no que as interferencias dos estados-nación coaptan a acción afirmativa das persoas, das nacións e autonomías rexionais. Unha  Europa que de querer seguir unida e facer fronte aos retos xeopolíticos non pode reprimir a teimosa emerxencia das novas soberanías, sendo os cidadáns que deciden sobre a organización do lugar común e sobre a súa vida, economía e cultura.

Obradoiro da democracia por vir. Perante o modelo centralista que vén defendendo o liberalismo de estado, desde o “décoloniser les provinces” de Michel Onfray até  Slavoj Žižek, entre outras voces, proponse a descentralización abaixo-acima, A autoxestión local dos  traballadores diretamente envolvidos (o modelo proudhoniano de Onfray) e que as democracias dos estados-nación exploren os seus límites democratizando a democracia. A performatividade das identidades, o desempeño dos corpos en movimento, seus poderes de resistencia e diálogo cos dispositivos sociais construídos  que moldan o tecido urbano, son revelados como forma de explorar prácticas performativas para construir e encarnar os modos de realización entre os moitos.

Quer dicer, como é posibel que o estado-español apele a repor a “normalidade democrática” en Cataluña substituindo o  goberno democráticamente eleito dun goberno autónomo? Noutras palabras, como se pode boicotear con meios policiais dun  Estado un referendo lexítimo para concluir despois que non cumpriu cos estándares democráticos? Como se pode aplicar por primeira vez o artigo 155 da Constitución española que equivale a unha imensa mudanza institucional  sen  consulta democrática? Se as democracias emprazadas son capaces de axir así,  porque ter medo a concluir que as políticas emancipatorias non deban estar vinculadas a priori por procedimentos de lexitimacion formal? Neste senso, pode ser de axuda o desacomplexado pensamento de Žižek : non se trata de desprezar as eleicións democráticas – mas insistir que non son un indicador da Verdade (un vieiro moi estreito). Ao cabo, as eleicións reflicten o siso convencional determinado pola ideoloxia hexemónica, que non é outro que o déficit democrático español como parte necesaria do déficit estrutural europeu que permite antepor o “consenso de especialistas” á vontade popular,  unha vez que a “doxa” declarada en Madrid, Berlins ou Bruxelas  debe prevalecer no resto da Europa.

Hoxe, o pensamento parece ser obrigado a tomar parte do mesmo proceso de racionalización. Eís o dilema do estado-nación e da UE formulado desta maneira: se o que procura o goberno español non é a suspensión da autonomia catalana mas a súa restauración(sic.),  que os responsabeis destituidos da Generalitat sexan substituidos e os do corpo policial reemprazados polo Ministerio do Interior non é violar a lei para facer cumprir a lei? Cando agora desde a o goberno español, a fiscalía e os media orgánicos se lle pide a Puigdemont voltar á “normalidade” (a súa) anula o mandato cidadá. En 2006,  Mariano Rajoy Brey á frente, o único supervivinte do Pacto do Majestic  apañaba sinaturas contra o novo Estatut de Catalunya: aí escenificabase que  o o mandato saido das urnas  é vulnerabel e suxeito a blocaxe e represión. O escenario de racionalización é o mesmo. Calquer outro modo de pensar está condenado, isolado e rexeitado. Velaí PP e Cs sen maioría no Congreso, mas podendo controlar o órgao que permite blocar a lei de traspaso da AP-9, aprobada por unanimidade na Galiza.

Ora, esta mesma dificultade que aniña no colo da UE pode ser considerada precisamente como o sinal dos límites deste tipo de “racionalidade”. Lyotard lémbranos que “unha racionalidade non merece o seu nome se recusar a sua responsabilidade no que existe de posibilidade aberta e de creatividade incontrolada. Por mais que recuse esa responsabilidade, a racionalidade política, científica e económica mereceria de preferencia o nome de “ideoloxia”.

O que se vén de anunciar en boca do PP e do PSOE é recuar 40 anos: do que non está autorizado non se pode falar, correlativo daquel “o que non é legal non é democrático”. O que leva a pór sobre o tapete que a única defensa é a da xente na rúa, que afondar na democracia, dispor dos pròprios recursos e superar as formas de vida e de traballo empurra de acadar diferentes soberanías, entre elas un país independente nunha incerta Europa aberta á mudanza. O que chegou foi unha supresión non constitucional do autogoberno de Catalunya substanciada nunha apropriación territorial que toda a España terá que pagar. Lémbrese que o Parlamento español na tramitación parlamentaria do texto constitucional de 1978, rexeitou duas emendas da UCD  (n.957,  7 de agosto de 1978) que dispuñan disolver os “órgaos rexinais se  as medidas adoptadas non se cumpren ou tamén por razón de seguridade nacional”. Un estado prisioneiro dunha insuficiencia constitutiva orixinaria e uns estados- nacions que xa non serven.

A semana pasada finaba o tempo do pragmatismo (pactar que non se estaba de acordo). Coa aplicación mecánica do artigo 155 e unhas posíbeis eleicións cunha Generalitat en suspensión, mergullamos de cheo na racionalización administrativa(legalismo ideolóxico). Nese artigo da CE hai un compoñente ideolóxico de Estado direccionado a dar un escarmento desde o control absoluto do escenario. Se se aplica como está previsto defrontamos a un Mariano Rajoy instalado como caudillo absoluto da Generalitat, con todas as prerrogativas do poder. É esta a “normalidade” constitucional? É posibel  tal negación da realidade através da alquima do 155?

Talvez, a miraxe dos conservadores e da esquerda liberal soberanista en Catalunya teña sido idealizar unha inexistente  Unión Europea “democrática”. Porén, o soberanismo está intimamente ligado ao sistema político e á xeopolítica. Coa súa proposta de emancipación democratica pacífica dun territorio da UE visibilizaron o beco sen saída dos estados-nacions e da pròpria UE.  Non é por acaso que a resposta irada do estado español ao soberanismo coincida coa desmobilización do 15M e o surximento á superficie un nacionalismo esencialista de Estado. Significa que, precisamente por causa do seu alcance, lanzouse a cuestión fundamental de como mudar as coordenadas básicas da vida , da economia e da cultura  de modo que a democracia como decisión colectiva se torne realidade e non apenas o seu momento de ratificación legal do que acaba sendo decidido desde outro lugar. Aquí e agora, son ainda posibeis escenarios de oportunidade?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off