off

A democracia que agrada ao Príncipe

by
Sen xustiza, que serían en realidade os reinos senón unha banda de ladróns?
(Agustín de Hipona)

O bipartidismo voltou. E todos saben como foi. Por arte de cilada, con estocada incluída. PP e PSOE, a mesma caste é, decidiron impor a súa democracia cuarteleira a toda Catalunya. Nin 155 avant la lettre, nin intervención agresiva sobre as súas institucións, non vaia a ser que cante demasiado para o criterio da opinión pública europea que nos observa. Máis extravagante se cabe: votar como, onde e cando eles queiran. Como di di o portavoz de Ferraz: un 155 despacito. “Breve e moi limitado”, na maliciosa xerga de José Luís Barbeiro. Un individuo que aprendeu política como membro do servizo de orde do PCE carrillista para reprimir aos camaradas republicanos do partido.

Quen non se contenta é porque non quere. Ou porque está de volta sen haber ido. Desde logo, o tándem dinástico hexemónico bordeou o surrealismo á hora de encarar o “desafío catalán”. Polo menos neste momento procesual concreto. Logo, Deus e as sacras escrituras do réxime do 78 dirán. A mal, a Rajoy e Sánchez (o homónimo que non está en chirona aínda que milita nas minchas) sempre queda mandar ás Forzas Especiais, como fixo Aznar ante o perigoso reto de Perexil. Á patriótica maneira: “Á alba e con tempo duro de levante”.

Que abafo! Que vergoña! Que iniquidade! De forma e maneira que se impide votar aos cataláns para expresar a súa libre vontade en referendo, e agora vén a autoridade (in) competente habitual e obrígalles a votar como a ela dálle a real gana. Alucinante! E precisamente, froito do consenso entre o goberno do Partido Popular, o dos volquetes de putrefacción, e o primeiro partido da oposición PSOE, o da plurinacionalidade de pitiminí. Tal para cal. O duopolio que ficou arredado á insignificancia nas últimas eleccións autonómicas en Catalunya. Un desbarate de estulticia! Unha magnífica maneira de conmemorar o oitenta aniversario das primeiras “eleccións democráticas”, celebradas con presos aínda no cárcere, para inaugurar o tránsito da ditadura ao que agora toca. A democracia que agrada ao príncipe: golpe a golpe.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off