off

O carteiro toca sempre duas veces

by

Hegel por boca de Marx dicía que a historia sempre sucede dúas veces, a primeira como traxedia e a segunda como farsa. Así parece que actúa o president da Generalitat Carles Puigdemont na súa “e ti máis”  con Mariano Rajoy. A súa primeira misiva tiña tinguiduras dramáticas e a segunda achégase aos territorios do sainete. Vén dicir o molt honorable ao seu colega na Moncloa, como Humpty Dumpthy na través do espello, que calcule cuantos “non aniversarios” hai neste caso. Xogo de patriotas. .
A carta do xoves 19 está chea de resiliencias. Fronte ao Estado central do que se pretende deslocar, mas tamén dese mandato popular cuxos efectos administra homeopáticamente Puigdemont como Cesar tras o cruzamento do Rubicón. O seu “alea iacta est” empeza a ser unha quermese tan vá e manuseada que nen sequer se xustifica para tentar aparecer como vítima do nacionalismo español ante a opinión pública europea e a súa clientela caseira.
Comeza o escrito afirmando que “O pobo de Catalunya, o 1 de outubro, decidiu a independencia co aval dunha elevada porcentaxe de eleitores”, que, para darlle solemnidade urbi et orbi acha superior “ao que permitiu ao Reino Unido iniciar o proceso do Brexit e cun número de cataláns maior do que votou o Estatut d´Autonomía de Catalunya”. Pasemos por alto a torpeza de lembrarlle a bicha a unha Unión Europea (UE) ensimesmada en amortizar o trauma do seu retrosecenionismo, e vaiamos ao cerne do asunto. O recoñecemento evidente de que o 1-O o pobo soberano catalán exercizo o seu lexítimo dereito a decidir.
Entón a que vén erixirse en supremo interprete dese imperativo categórico xa plasmado de iure e de facto?. Como explicar desde a perspectiva democrática que pretenda utilizarse como argumentario fronte a Madrid semellante trapiche tomando como refén o resultado inapelable das urnas.  Porque iso é o que desliza a continuación Puigdemont cuns arreos de aroma caudillista. Afirma no treito seguinte: “O 10 de outubro, o Parlament celebrou unha sesión co obxecto de valorar o resultado do referendo e os seus efectos”. “Valorar” aquí é unha exexese digna de mellor eklesia, e non digamos nada se, alen diso e polo mesmo prezo, insirise “dos seus efeitos”. Seica o feito de que o pobo falara non inclúe xa a asunción dos seus efeitos? Meios e fins. Causas e efeitos.
Porén o máis abala é cando a continuación desliza: “e onde propuxen deixar en suspenso os efectos daquel mandato popular”. Co que temos a un president que non foi elixido máis que polos seus correlixionarios erixido no Eu Supremo do veredicto do Procés. “Propuxen” deixar en suspenso o mandato popular”  son termos incompatibeis cun mínimo de coherencia democrática, e si coas mornas prácticas dos legatarios do réxime do 78 cos que ameaza competir.
Certo é, que taménestán os cérberos das esencias patrias. E como andan dando as derradeiras puntadas ao recosido do bipartidismo dinástico hexemónico para relanzar ao PP macizo da Marca España e a un PSOE que terminou asumindo a doutrina da xestora de amarga  lembranza, todo isto será diñeiro solto cando a represión volte á carga co 155 ou os seus sucedáneos.
Mas o molt honorable president non engana a ninguén máis que a ese mandato popular, que volve onde adoitaba. Declárao na súa despedida ao “prezado Presidente Rajoy”: “Esta suspensión continúa vixente” e “o Parlament de Catalunya poderá proceder, se o estima oportuno, á declaración formal da independencia que non votou o 10 de outubro”. “Poderá” e “se o acha oportuno”. Como nas guerras de Gila: “escoita, é aí a guerra: o inimigo á fala. Todo o poder para os representantes. O pobo soberano pode agardar.

Cos mellores comprimentos, Carles Puigdemont e Casamajó. Fin da  cita.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off