off

Da legalidade como engado

por Gabriel Beceiro

“O pobo reina sobre o mundo político americano como Deus sobre o universo, 

É ele a causa e o fin de todas as cousas, todo sae do seu seo, e todo se absorve nele” 

A. de Tocqueville – Democracia na América, vol. I, 1835

Quen outrora louvou  as ideas libres arestora é quen con máis ardor abxura delas.  Rajoy gabándose no Congreso de levar 36 anos como profesional da representación política  é exemplo das virtudes servís que campan por toda parte, a falar como se estivera sempre na oposición en pos dunha acañada carreira profesional. A que lle permite espetar o monismo de que  “o que non é legal non é democrático”. Por outras palabras, non hai nada fora do  Estado, só existe o Capital (monismo que é fonte de dualismos posteriores). Mas un sinal de tentación autoritaria ou de regresión face un autoritarismo pós-democrático (Colin Crouch) que está a pór a proba a Europa, visibel en diversos episodios do que sendo legal mutou na República Checa, Romenia, Polonia e a Hungria, talvez o caso máis nídio de persistencia do modelo westfaliano,ou de exclusividade : o estado soberano territorial no sistema de estados non pode sofrer interferencia nos seus “asuntos internos”. En termos xerais,  a UE é vixilante sobre o estado de dereito cando se trata da economia e das finanzas, menos cando se trata de liberdades civís. As democracias emprazadas están atravesando unha crise de profunda lexitimidade, marcada pola crescente desconfianza de gobernos e elites e con crises que coliden: a crise económica, a crise dos refuxiados, a crise dos estados-nación diante da globalización, a crise dos partidos políticos. A idea de que nosos sistemas, inventados no s.XVIII, poidan resistir a esta crise sen mudanzas, non é credíbel, dada a escala das mudanzas que a política debe enfrentar hoxe. Se fitamos a democracia no estado español aparentemente, nada mudou, até o referendo de autodeterminación de Cataluña do 1-O: un vieiro transitado no que se continuan organizando eleicións libres, a xustiza é independente, os dereitos individuais son respeitados. A fachada é a mesma, mas a soberania real está noutro lugar. As decisións son tomadas por unha banda, pola xestión de grandes empresas e axencias de rating e por outra, por órgaos tecnocráticos que envolven a contorna política europea.

Honrar fidelidade á razón crítica torna ser sospeitoso nun momento no que iniciativas lexislativas, especialmente aquelas que non son en substancia nen de seu ilegais, por non axustarense  ao ordenamento xurídico constitucional,  mas porque os intérpretes con autoridade constitucional formalmente recoñecida (a forma como encofrado das directrices políticas inconfesables) enxérganas como ilegais ainda que sendo unha interpretación, poida ser compreendida e interpretada por outros hermeneutas igualmente autorizados se ben non recoñecidos.

Os políticos que se negan a recoñecer o vacío do seu poder político, acubillan no poder simbólico da representación para desleixar, nun contexto de internacionalizacón económica ou “globalización” e de integración europea, a teoria da lexitimidade (dereitos fundamentais, as garantias de liberdade xurídica e de participación no proceso político), un problema fulcral do pensamento político e da filosofía do dereito: a diferencia entre legalidade e lexitimidade,  o devir legal do lexítimo, e o devir lexítimo do legal.

A cartografía última do poder español inscribeu en cada encrucillada que o que non é legal non é lexítimo. A coerción legal exercida precisa que lexítimo sexa sinónimo de legal. Porén,  non todo o que é legal pode considerarse ilexítimo. Así o acreditan instancias do Parlament català e, en consecuencia, que é posibel promover iniciativas que non sendo recoñecidas como legais porque son, precisamente, lexítimas. Co alvo de enxegar ese círculo que envolve o Estado, que desde Weber defínese en función da plena disposición, concentración e monopolio da coerción legal, que a ideoloxía igualmente regula e distribue por capilaridade, debémonos preguntar de que falamos cando falamos de “legalidade” e de “lexitimidade”,   fitarmos o que non por acaso repiten a eito inúmeros dicionarios: legal ou legalidade é o que é conforme á lei, que é estabelecido pola lei. A legalidade dun estado de cousas dependen da súa adecuación á lei, agora e aquí, en cada intre. Portanto, a lei e a legalidade son algo convencional e transitorio, suxeito a mudanza. Movimentación observabel no deslocamento dos Estados nacionais, nun contexto de dereito e gobernanza pós-estatal que desafía os padróns de lexitimidade .

Lexitimidade e lexítimo son segundo o dicionario da RAG o que “reúne as condicións exixidas pola lei” e en destaque fai a seguinte observación: “aínda que legal, lexítimo e lícito teñen practicamente o mesmo significado, os usos son moitas veces distintos e non sempre se poden substituír unhas palabras por outras” e por extensión, acrescenta, “que é conforme á razón, á xustiza e ao dereito das persoas”. Doado é enxergar que todo o que é legal pode ser lexítimo, porén o que é lexítimo reborda e excede o campo semántico do que é legal, doadamente intuíbel en afirmacións como “son lexítimas as súas aspiracións” ou “é lexítima augardente de herbas”. Se ben o  Estado precisa do recoñecimento dos cidadáns, e aquel quer a obediencia destes para levar a cabo seus obxetivos, porque  precisa construir o consenso para a gobernanza a fin de ser recoñecido (como lexítimo) por seus cidadáns, através da adesión, sen recorrer ao uso da forza. Porén, a lexitimidade é nómade.Está permanentemente aberta para un futuro indefinido. En ambas e dúas lexítimo aponta para algo que ten o seu alicerce aquén da lei, quer na forma das convencións ou principois aceites, quer na do “dereito”. O que aponta e fica elidido é o fundamento previo e extrínseco á lei, que é a orixe da lexitimidade. Xa no  discurso filosófico hegeliano se apresentaba esta oposición entre dos conceitos de lexitimidade, a saber: a lexitimidade do Estado na lexislación positiva versus a lexitimidade da autonomia individual para pór as leis; ao cabo, a própria etimoloxia de “autónomo” indica a capacidade e o direito do indivíduo de lexislar por e para si mesmo. En outras palabras, as persoas son a fonte de lexitimidade para a unidade xurídica. O modelo hegeliano procuraba a superación da oposición entre lexitimidade obxectiva e lexitimidade subxectiva através dun modelo orgánico de estado constitucional  que precisa ser actualizado, entre outras, atravésa das teorías da opinión pública e da soberania. 

Cómpre repararmos nas acepcións  para intuirmos o dito sen abondar en argumentarios pròprios da filosofía do dereito. Velaí que “dereito” ademáis de ser “facultade concedida pola lei”,  é segundo a primeira acepción  do Xerais da Lingua  a “facultade natural dunha persoa para obedecer ou facer algo consonte as leis morais ou ás normas das institucións sociais” (sintomática ausencia desta primeira parte da acepción nos breves dicionarios da RAG  e o Estraviz en liña), recollida tamén no da RAE “facultad del ser humano para hacer legítimamente lo que conduce a los fines de su vida”, e que o dicionario da Enciclopèdia Catalana alarga así: “facultat d’exigir hom allò que li és degut, de fer allò que la llei no defèn, de tenir, exigir, usar, etc., allò que la llei o l’autoritat estableix a favor seu o li és permès per qui pot” [a  facultade de exigir o que lle é debido, facer o que a lei non defende, ter, exixir, usar, etc., o que a lei ou autoridade estabelece a seu favor ou lle é permitido por quen pode].Non é exactamente o suxeito autónomo do iluminismo que axe racional e libremente face as coaccions obxectivas o desenvolvimento a a facultade (o poder)  de exixir aquilo que lle é debido en canto que suxeito?Iso significa que a soberania non pode ser reducida ao poder, ao control ou á forza de feito, mas tamén é un conceito legal que implica a capacidade de emitir ordens lexítimas con autoridade (lei). No entanto, a soberania é sempre unha  cuestion de relacionamento entre lei e poder.O discurso da soberania popular e seu conceito xémeo, o goberno representativo, implican unha ruptura radical co modelo absolutista de representación como “encarnación” e procuran o de soberania popular procesual (Habermas). Ou sexa, nengún grupo de goberno pode reivindicar ser soberano. Consecuentemente, a representación política nunha democracia constitucional envolve un conxunto complexo de mediación entre o partido e o todo, presenza e ausencia: os representantes debem sempre finxir representar o pobo como un todo, mas tamén deben representar intereses particulares dos constituintes. O pobo soberano está ausente do goberno e ainda está presente porque é o referente dinámico da representación. É neste contexto que debemos entender a moderna institución das eleicións. Baixo un goberno constitucional, as eleicións regulares mandan os representantes, mas o último, polo menos en princípio, nunca pode “encarnar” a soberania popular porque seu poder e dereito son un poder delegado.

Quer dicer, hai un segundo vieiro que aponta face unha democratización das democracias emprazadas que podería afortalar a política diante da economia, con participación cidadá proactiva. Entanto o que é legal remete á conformación ou adecuacion á lei, o que é lexítimo alicerza nunha facultade humana  que visa un “dereito” aquén do convencionalismo. No pensamento político moderno esa instancia secularizada e fixada nos alicerces das democracias emprazadas, o único fundamento recoñecido da lexitimidade das leis é a vontade do pobo. Quer dicer, a aceptación das leis por parte daqueles a quen a lei rexerá. Por iso Alexis de Tocqueville  a formulou  no seu Democracia na América. Porque para o clásico da filosofía política, como despois en Hannah Arendt, o que conduce cara o vieiro do autoritarismo non é tanto a abstracion racionalista substanciada nunha práctica política legalista como a destrución do corpo social, a fin das solidariedades colectivas como único alicerce da autoorganización dun sistema social que teima en acomodarse ao poder unitario  do Un. Mas entón é verdade que toda a história humana é como Aznar e outros acreditan, unha progresión tortuosa en direción ao clímax da constitución do 78? O retrouso “o que non é legal non é democrático” é unha indisimulada formulación do Un,  non tanto unha severa e certa disociación de ideas nen de contradicións non resoltas, mas unha vontade política e xurídica  que teima na idea formulada por quen entende que para acción e os fins públicos abonda a obediencia e non se precisa entendimento. Repetir este retrouso  para evitar enxuizar o principio de representatividade e a existencia dun persoal político separado equivale a renunciar á política e non aspirar a outra cousa que a regular as condicións de representación. Inclinación en que case toda a clase política  española é envolvida, direita e esquerda, é bastante perturbadora 

En maio de 2011, España inzouse de manifestacións de indignados que ían a contrapelo do duopolio dinástico hexemónico do rexime do 78 e do ambiente liberal-elitista atravesado de casos de corrupción e da síndrome da portaxiratoria, pondo en primeiro plano un proxecto democrático, igualitario e social temperado por unha práctica política non violenta, xuridicista e reformista que avogaba por unha asombrosa institución posmonopólica baseda nunha «auténtica división de poderes» . As cuestións abertas estes días a raíz de se o Parlament de Catalunya, ou calquera outra asemblea autonómica,  de poder lexislar de acordo coa lexitimidade que lle outorgan as leis ainda que poida oporse ao que outras leis prescribían. Que acontece con esa representatividade en cuxo nome se fai amiúdo a crítica do soberanismo se non existe “vontade de validez”? O artigo 155 da  CE insire o punto de vista da anormalidade baixo a chamada doutrina da coacción federal. A aplicación dese artefacto de reloxería seica non é un castigo colectivo consistente en restar autonomía a Cataluña como país que tanto afectaría a soberanistas como a unionistas e federalistas? Non se trata dunha arbritrariedade para demostrar que realmente non hai autonomía afirmar que se manterá a intervención financieira mesmo de non declararse a independencia? Está redactado este artigo da CE para ser aplicado perante quen está disposto a asumir o risco de lexitimidade? Sendo así, que sentido ten o seu mecanismo de activación se, por outra banda, asistimos á rápida asimilación de mercados nacionais e zona producttivas até hai pouco autónoma nunha esfera única, a desaparación da subsistencia nacional en ámbitos como a alimentación ou as industris culturais, a integración forzada de distintos países por toda parte na nova división global do traballo. Diante da situación de Cataluña e do Procés como proceso de desmitificación da obrigatoriedade e vixencia da Constitucion do 78 tornada lei liberticida;  a interación forzada nun sistema mundial do que é imposibel e mesmo “inconcebíbel”,”desligarse”, oferece un pano de fondo que convida á apertura sociolóxica e  a tirar  os elementos míticos que mais ca nunca destacan como medio de control social.

Non se trata tanto de confrontar legalidade vs. lexitimidade mas comezar polo principio, o que nos leva á gran cuestión(ao cabo, o dualismo é a forma forte da ideoloxía como tal, que pode disimular a súa estructura baixo inumeros sustitutos). Porque a sutura legalista é, de feito, na súa faceta ideolóxica, a morte da política, que no haxa posibilidade de imaxinarmos unha alternativa viabel ao rexime do 78 na súa xunción á xeral totalización do capitalismo co neoliberalismo. Ao cabo, sen obviar as contradicións e antagonismos internos do Procés, a súa obertura contén ainda a posibilidade de explorar algunha mudanza. Azos de descuberta ou reinvención que está en harmonía co seu sistema cultural, que se extende a como os cataláns utilizan a súa lingua, viven no territorio, preservan o seu sistema cultural tradicional e se tratan entre sí, sendo hábidos receptores

Non precisamos ir lonxe, sen abandonar as coordenadas da representatividade vixente -non se trata de reclamar unha improbabel democracia imediata- porque para debullarmos quen ten lexitimidade apenas cómpre fitar o estatuto de Autonomia de Galicia: “O Parlamento de Galicia é o máximo órgano representativo do pobo galego. … A Cámara galega é inviolable”.  De feito, representación non é o nome da solución mas o nome do problema. Porque se aceptamos a capacidade representativa que determina o poder e función do Parlamento ou do Parlament, non hai máis lexitimidade que o “pobo galego” ou “el poble de Catalunya”.

Porén, o marco de actuación e o recoñecemento do límite baixo o cal se colocan a autoperpertuación institucional, a compulsión dos políticos profesionais, de Rajoy a Sánchez, é  o dun texto constitucional que sendo falibel desliza unha disimetría fundamental e unha liña de demarcación entre uns e outros. Unha especie de cegueira no centro – como se non estivesen afectados polas desproporcions de poder- que unha contextualización no marco da globalización, se houber vontade, axudaría a corrixir.

A aplicación omnímoda da legalidade é apenas unha mostra máis  do monolitismo operante, entanto España coopta a linguaxe  da autoprotección, e a empregan para a defensa de certas pregorrativas e leis españolas . De aí o rexeitamento visceral de toda mediación internacional, e mais un síntoma de como a tradición política española ten fitado a multitude ou a masa, desde o “burladero” e deplorando os excesos e o xeito en que os individuos se lanzan sen rumbo,  gritando e xesticulando, libertados das restricións da lei e da decencia, como se estivese baixo o poder dunha posesión xamánica. Lonxe do que está a acontecer na Cataluña – se ben se asocia a dúas clases de accións que Paolo Virno vincula á nova multitude utópica ou non, quer como desobediencia civil, quer como rexeitamento do Estado-nación –  mas deita luz sobre a política da diferencia. E a mostra do fracaso da esquerda xurdida do 15M coa isca de asaltar ao ceo das institucións. Como aconteceu no 78 co PCE poñendo a súa lexitimidade ao servizo do PSOE e do tardofranquismo, non se corresponde exactamente a reaparición do nacionalismo de estado – ainda que sexa como tapadeira da Gürtell e outras componendas- co devalo da nova esquerda secular entregando a súa lexitimidade ao momento institucional  desprazando  así a inicial sensibilidade  co soberanismo e con certos organismos de poder social e de distribución dese poder? O funil da renovación da clase política, a  irrupción da via autoritaria e  pór toda énfase en Puigdemont para salvar as nosas corrupcións como derivada suplementar do presente, revive aquela xenealoxía atrofiada por falta de memoria e uso para a construción do pasado.

A prioridade absoluta da legalidade, por exemplo, non participa da elementar obertura da visión liberal, unha concepción aberta á intervencion das creacións política e o devir social. A prioridade do dereito alicerza nas estructuras verticais de orde e por iso non pode ver , ritorno ai principi de Maquiavelo (isto é, o retorno aos princípios da república)que debe recibir unha determinación imanente, e portanto, sempre suxeita a reestructuracion e reforma na liña en que os communards de 1871 reclamaban que toda representación debe ficar suxeita á súa revocación imediata. Mas este retorno ao princípio supón a obxetividade histórica e o realismo político, e o recoñecimento do princípio de seguimento e veracidade através do cal debemos aplicar ese retorno ao início. Cando a verticalidade se impón á horizontalidade da constitución material da sociedade, o eido aberto que alimenta a reunión xeral e a democracia. O “ponto de partida” é, por sua vez, un problema que encerra paradoxo: por un lado, a imposibilidade de os individuos permaneceren (e atribuílos) a un modo invariábel de conducta – se non for indefinido – por outro, a presenza de estruturas (históricas, imaxinárias) que representan um limite co cal a virtude debe medir, de modo que sua acción se poida adaptar ás condicións de seu próprio tempo. Esta tese está no Príncipe e permanecerá estábel na totalidade de seus escritos: nen indivíduos, nen pobos nen estados poden escapar da mudanza, este é un dos pontos nodais de sua filosofia política e a súa pegada no pensamento moderno. Enxergar o desexo como poder, o desexo de non ser dominado.O paso do exabrupto descerebrado á arrogancia políticamente correcta, que coincide coa fórmula coa que Robert Klitgaard define aquela que favorece a proliferación da corrupción: monopolio + discreción – rendición de contas . Ao cabo, neste momento, a principal argamasa de España son os seus segredos culpábeis e non o seus principios públicos. Ten que mutar, mas en que direción?

Entón, que significa todo isto? Pode interpretarse como unha mostra de que a legalidade literalmente muta a lexitimidade, como corolario dun prospecto funesto para o que se obturan as mínimas transferencias.  Atreveríame a afirmar que a reanimación da idea de pobo é correlativa e está relacionada ao acordar do común que cuestiona o fiasco ético-político dos Estados soberanos e a loxica da integración forzada do sistema-mundo(para o usar o termos de Wallerstein). O cinismo está no centro mesmo da reflexión política liberal desde o momento en que renuncia ao fundamento intersubxectivo para a súa praxe e a reivindicación dun criterio partillado de valoración moral. O que me fascina e encontro problematico son as explosións de violencia verbal ao estilo Cospedal, Casado ou Hernando, que vén de afirmar que o Estado “actuará con forza” e non concreta porque “non se pode explicar ao maus como actuarán os bós”. É controverso, e cómico, mas tamén agocha unha violencia extrema. Eís a estructura dual ao descoberto, esa forma do binarismo ético que sempre opera secretamente no interior da ideoloxía, o que Nietzsche debullaba na oposición entre Ben e Mal, en si mesma derivada entre Eu e Outro, oposición sempre nociva   e que tería de erradicarse da raiz cara outro modo de pensar na xeira dos fluxos deleuzianos para alén da enerxía interna do binarismo como puro conflito. O que esa infeliz declaración mostra é a propriación das liñas de demarcación do nós e, portanto, no apoderamento da cesura entre nós e eles, no aquí e no agora. 

Estamos realmente nun período de transición para outra comprensión da soberania interna e externa, mas penso que é mais apropriado entendermos esa mudanza en termos de transición para outro rexime de soberania, -que non exclue o risco de regresións autoritarias- , en vez dun salto repentino para unha orden mundial descentralizada, desterritorializada e cosmopolita. É bastante precipitado dicer que non hai  fronteira significativa entre privado e público, entre goberno e gobernanza, e que o conceito de “pobo” e soberania popular deben ser abandonados. Pola contra, compre repensar conceitos como lexitimidade e legalidade, desdramatizar a idea de poder constituinte, tentando repensar o constitucionalismo e a democracia. A idea central aqui é que “o pobo” non  pode ser encarnado por calquer órgao gobernamental constituído, por calquer asemblea política extraordinária ou por calquer grupo empírico de xeito imediato. A soberania popular e o pobo como ideais reguladores – os asuntos da lei também son seus autores –  precisa moitas mediacións. Porén é dificil fitar como as loitas políticas se poidan desenvolver outro modo que non sexa por medio do espírito “soberanistas”- o que Fredric Jameson denomina “gaullistas”- na resistencia  contra a presión do mercado libre global, na resistencia das política”proteccionistas” culturais nacionais, onde a defensa do nacional tórnase rápidamente a defensa do propio Estado de Benestar. Con certeza, a contradición entre legalidade e lexitimidade, entre universal e particular, na situación histórica existente de Estados-nación no insírese no interior do sistema-mundo . Quizais esta sexa a razón máis fonda pola cal a loita contra a globalización sendo unha “forza indispensabel”, ainda que pode ser parcialmente comativa no eido nacional, deba procurar aliados alén do resistencialismo cultural ou relixioso. Por iso, sociedades como a catalana, alicerzada nunha comunidade realmente existente, estén mellor equipadas para respostar a deriva centralizadora e homoxeneizante do vello estado-nación e as forzas invasivas do novo capital globalizado.

Os comentarios están pechados

off
A %d blogueros les gusta esto: